A práctica totalidade do persoal de fabricación de Textil Lonia secunda a folga para reclamar melloras laborais

O persoal da empresa ourensá aproveitou a xornada para desenvolver novas mobilizacións en tendas de Purificación García e Carolina Herrera
Ourense - 14 Xan 2026

O 95% do persoal de fabricación da empresa Sociedad Textil Lonia de Ourense secundou este mércores día 14 unha nova xornada de folga para reclamar un pacto de melloras laborais e salariais por riba do convenio e rexeitar as últimas propostas da dirección. As persoas traballadoras aproveitaron para desenvolver concentracións como en ocasións anteriores diante de establecementos das marcas Purificación García e Carolina Herrera na cidade.

Esta nova xornada de paro -o segundo de 24 horas tras o celebrado o pasado 5 de xaneiro- tivo un seguimento practicamente total entre as persoas empregadas cos salarios máis baixos, mentres que o persoal de oficinas (con soldos pactados coa empresa) optou por non sumarse á convocatoria. Para este xoves día 15 hai convocada unha nova xornada de folga, que se fará efectiva, ao igual que a de hoxe, tras o fracaso das últimas xuntanzas coa empresa como consecuencia dunhas propostas que a CIG cualifica de “tomadura de pelo”.

Para a central sindical a postura da dirección confirma, unha vez máis, a “absoluta falta de vontade” para avanzar cara a unhas condicións laborais dignas para o conxunto do persoal. “Cómpre lembrar que a propia empresa fixo público un comunicado entre o cadro de persoal o pasado 8 de xaneiro no que manifestaba abertamente que non ten a obriga de negociar, unha declaración absolutamente intolerable que evidencia o seu desprezo polo dereito á negociación colectiva e polo diálogo social”.

A isto súmase un novo comunicado empresarial no que a dirección ameaza con “tomar cantas accións ou medidas considere necesarias” ante a actual convocatoria de folga. Desde a CIG encadran estas declaracións nunha “clara estratexia de intimidación” ao persoal coa que se pretende “coaccionar” o exercicio dun dereito fundamental como é o dereito de folga.

Últimas propostas da empresa

Na oferta achegada o pasado luns Textil Lonia presentou unha “suposta mellora” da súa proposta económica que para a central sindical non deixa de ser un “insulto” ás persoas traballadoras:

-Primeiro quinquenio: 1% (antes ofrecía un 0,8%).
-Segundo quinquenio: 1,2% (fronte ao 1% anterior).
-Terceiro quinquenio: mantense no 1,5%.
-Cuarto quinquenio: mantense no 2,5%.
-Quinto quinquenio: un día máis de vacacións, exclusivamente para persoal de oficinas.

Para a CIG trátase dunha proposta “miserable” que non compensa “nin de lonxe” a perda de poder adquisitivo nin o esforzo realizado polo persoal ao longo dos anos. Na xuntanza de onte, despois de máis de catro horas de negociación, a compañía apenas se moveu: ofreceu un 2,7% para o persoal con cuarto e quinto quinquenio, é dicir, só un 0,2% máis. “Un incremento absolutamente ridículo e que só afecta a 112 persoas”.

Esta proposta supón para a empresa un custo aproximado de 8.000 euros mensuais, unha cifra “vergoñenta” tendo en conta que o custo mensual de fabricación supera os 1.074.000 euros. “Queda claro que a dirección prefire engordar beneficios antes que repartir riqueza entre quen a xera co seu traballo diario”.

Posicións moi afastadas

En consecuencia, a CIG insiste en que as posicións seguen “moi afastadas” e que a empresa continúa instalada na “prepotencia” e no “inmobilismo”. E lamenta que a dirección se negue a escoitar o “profundo malestar” existente entre as persoas traballadoras, “que levan anos soportando precariedade, sobrecarga de traballo e perda de poder adquisitivo”.

Por iso, instan a Textil Lonia a “cambiar radicalmente de actitude, abandonar as ameazas e a soberbia e sentarse a negociar con seriedade, escoitando de verdade o sentir do persoal, que é quen sostén a produción e os beneficios da compañía”.

Ante esta situación, desde a parte social acordaron trasladar unha contraproposta económica “seria, responsable e pensada para facilitar un acordo”, sen que repercuta negativamente nin para as persoas traballadoras nin para a propia empresa, pero garantindo que o resultado sexa un “acordo digno” e non unha “esmola”.

Esta contraproposta baséase nun plus de vinculación:

-De 0 a 5 anos: 2,7%
-1 quinquenio: 4%
-2 quinquenios: 4,5%
-3 quinquenios: 5,5%
-4 quinquenios: 6%
-5 quinquenios: 7%

Trátase dunha proposta “perfectamente asumible” para unha empresa con importantes beneficios, que busca recoñecer de maneira real a antigüidade e o compromiso do persoal, “apostando pola estabilidade e pola xustiza salarial”. Polo que demandan un “cambio real” na negociación ou o conflito seguirá. “A empresa é a única responsable da situación á que nos está levando. A mellora das condicións laborais é necesaria e urxente”.