A práctica totalidade do persoal de Constellium Automotive secunda os paros para reclamar melloras laborais
A práctica totalidade do cadro de persoal de Constellium Automotive Spain, empresa auxiliar da automoción con sede no polígono porriñés da Granxa, secundou as dúas horas de paro convocadas en cada unha das tres quendas para reclamar o cumprimento do convenio colectivo e demandar melloras laborais e salariais.
Segundo explican dende a CIG-Industria de Vigo, unicamente un par de traballadores/as de ETT non puido participar no paro da quenda de maña, mentres que o resto do persoal abandonou os seus postos e concentrouse no exterior das instalacións da compañía, onde se despregou unha faixa co lema “Non á precariedade”. Na protesta da mañá participou tamén o secretario nacional da federación, Xoán Xosé Bouzas Aboi.
O de hoxe foi o primeiro dos cinco paros parciais convocados polo comité de empresa, integrado por cinco delegados/as da CIG, unha vez que a representación sindical tratou sen éxito de pactar coa dirección melloras salariais e nas condicións de traballo, cumprindo o mandato adquirido nas asembleas de traballadores/as.
Dende o mes de setembro celebráronse varias reunións nas que a compañía, ademais de negarse a facilitar a documentación sobre o rexistro de xornada, prevención de riscos, formación e calendario laboral, négase a chegar ningún tipo de acordo sobre clasificación profesional e regulación da produción, “dedicándose en todo momento a entorpecer e a dilatar a negociación”.
En consecuencia, aos empregados/as non lles queda outra opción que a convocatoria de mobilizacións para forzar a empresa a asinar un acordo satisfactorio para ambas as partes. Deste xeito, os paros continuarán os días 17, 21, 24, e 28 de abril. Ao igual que no día de hoxe, na quenda de noite desenvolveranse de 2:15 a 4:15 horas; na de mañá de 10:15 a 12:15 horas; e na de tarde de 18:15 a 20:15 horas.