A porcentaxe de desempregados/as que perciben algunha prestación cae ao 46,9%, a máis baixa dende que se rexistran datos
Tal e como certificou a EPA do primeiro trimestre do ano, os datos de paro rexistrado publicados hoxe amosan que o comportamento do mercado de traballo galego segue a ser peor que o do conxunto do Estado. O mes de abril rematou no noso país con 228.153 parados/as rexistrados no SEPE, o que supón unha baixada do 1,57% con respecto a marzo (3644 desempregados/as menos).
É un descenso menor que na media do Estado, onde as persoas sen emprego descenderon un 2,04%. Tamén é máis baixo que o descenso experimentado o ano anterior, no que o desemprego se reducira case o dobre, un 2,93%.
Trátase dunha baixada previsíbel, tendo en conta que no mes de abril sempre se reduce o desemprego polo forte carácter estacional que ten o a evolución do paro no noso país; o que non é previsíbel é a taxa de variación, e neste caso é preocupante, xa que se atenuou o descenso con respecto ao ano anterior, cando, ademais, o PIB medra a unha taxa maior.
A nivel sectorial, a tendencia é semellante: redúcese en todos os sectores (en todos eles menos que na media estatal). Tamén todos baixa menos que no mesmo mes do ano anterior, o que amosa unha ralentización xeneralizada do descenso.
A afiliación á Seguridade Social experimentou un incremento do 0,2% en abril, equivalente a 2808 afiliados máis. Novamente nos atopamos cun importante desfase entre a baixada do paro e medre da afiliación, o que nos indica que non todo o descenso de paro implica incremento da afiliación, algo que se explica pola forte emigración que padece o noso país.
Ao mesmo tempo, a elevada rotación dos poucos empregos que se crearon e a escasa duración dos contratos son outros dos sinais de identidade do mercado de traballo galego neste mes; os datos amosan que para tan só 3644 desempregados/as menos rexistráronse 67.941 contratos, o 91,3% deles de carácter temporal.
Precísanse políticas distintas
Diante deste panorama, dende a CIG reiteran que as sucesivas reformas laborais aplicadas polo Partido Popular e polo PSOE non serviron para mellorar a grave problemática laboral existente no noso país e reclaman a aplicación dunhas políticas distintas. Neste senso, lembran que a central recolleu unha serie delas na ILP polo emprego que promoveu no Parlamento galego e que foi tumabada polo PP. “Somos unha realidade distinta e precisamos políticas diferentes”, indica o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido.
Malvido sostén que estas reformas serviron unicamente para modificar as relacións laborais no sentido de consolidar a perda de dereitos laborais e de empeorar as condicións de traballo. “Pretenden instalar unhas relacións laborais nefastas que vaian máis alá do período de crise”, denuncia. Polo tanto, incidiu na necesidade de que as reformas sexan anuladas, tal e como reclamou a CIG na súa campaña do Primeiro de Maio.
Finalmente, amosou a súa preocupación polo feito de que os ingresos da Seguridade Social sexan inferiores ao incremento da afiliación, algo que é consecuencia da caída de salarios e pensións. “Están conseguindo xeneralizar a figura do traballador/a e do xubilado/a pobre”, rematou.