A Ponte das Pías énchese de reivindicacións para "que non nos rouben o noso futuro"
"Que non nos rouben o noso futuro" foi a consigna baixo a que este domingo centos de persoas saíron en marcha dende San Valentín (Fene) e O Montón (Ferrol) para encher a Ponte da Pías e reclamar políticas que revertan a profunda crise industrial, económica e social que atravesan as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
A través desta mobilización, que se suma ás que as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO veñen desenvolvendo dende hai meses, fíxose un chamado os gobernos español e galego a constituír de inmediato a mesa de traballo "na que debater e pór en marcha as medidas e políticas que necesitamos a curto prazo".
Unha mesa na que teñen que participar todas as administracións e que se leva reclamando dende hai dez meses, pero que a día de hoxe segue sen pórse en marcha "malia que o tempo apremia". Para o secretario da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, isto dá boa medida do desleixo co que tanto o goberno español como a Xunta tratan a estas comarcas, que, salientou, precisan unha discriminación positiva que reverta o desmantelamento industrial e a perda de poboación que non cesou dende a mal chamada reconversión.
Sen transición xusta e sen traballo no naval
Sobre a urxencia das medidas, puxo a atención en dúas cuestións fundamentais: o proceso de transición enerxética e a situación do naval público. Lembou que, no caso da central térmica das Pontes, o próximo 30 de xuño remata o prazo de garantías de emprego dado por Endesa para a industria auxiliar, sen que a estas alturas se teña logrado estender no tempo este compromiso e sen que haxa enriba da mesa proxectos alternativos que garantan o futuro industrial da localidade.
No caso do naval, motor económico da comarca, a situación non se albisca mellor: sen nova carga de traballo, co persoal das auxiliares no desemprego e sen investimentos para a transformación integral do estaleiro e a construción do dique cuberto, obras fundamentais que estaban incluídas no plan estratéxico de Navantia, pero que o goberno abandonou, lastrando así as capacidades produtivas das instalacións da ría e comprometendo a súa viabilidade.
De igual xeito, Grandal denunciou a inacción da Xunta que en 2011 se comprometeu a confinaciar o dique de carenas, mesmo chegando a consignar partidas, sen que a obra se levara adiante. "Abocáronnos a un monocultivo económico e agora o naval é o único motor que temos, por iso nin o goberno español nin a Xunta poden abandonar as súas responsabilidades. Teñen que destinar orzamentos para ese novo estaleiro e teñen que buscar no curto prazo nova carga de traballo", aseverou.
Faltan infraestruturas e rexenerar a ría
Estas son dúas das reivindicacións máis urxentes, pero como lembrou Grandal, as demandas refírense a outras moitas materias, como o déficit histórico nas infraestruturas, especialmente sangrante é a precaria conexión por tren; a falta de limpeza e rexeneramento da ría, cada vez menos produtiva; ou a perda continuada de servizos públicos e presenza das administracións.
"As nosas reivindicacións abranguen moitos sectores, pero hai que centrarse no que máis apremia e que non pode agardar, que é termos emprego. E por iso é chave constituír esa mesa de traballo na que abordar as medidas e solucións concretas no curto prazo e tamén falar de proxectos e políticas de futuro. Temos alternativas e propostas, pero facelas realidade depende de decisións políticas que só conseguiremos materializar presionando a través da loita e da mobilización", concluíu.