A policía portuaria de Vigo reclama reforzos de persoal para garantir a seguridade de axentes e usuarios/as
O comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) presentou unha denuncia na Inspección de Traballo para reclamar reforzos de persoal que garantan a seguridade tanto dos axentes e dos usuarios/as como dos bens e instalacións portuarias. Na denuncia sinálase que a dirección do ente público está a vulnerar as notas de servizo e en moitas xornadas de traballo non cumpre os servizos mínimos de persoal establecidos.
Dende a representación sindical lembran que dende xaneiro de 2019, por orde da directora da APV, as patrullas de policía portuaria realízanse cun único axente. Mais nunha nota de servizo interna establécese que o servizo de policía debera estar composto por un axente fixo tanto no peirao de Bouzas como no do Areal, de luns a domingo nas quendas e mañá e tarde e de domingo a venres na de noite, co reforzo mínimo dun axente de patrulla de luns a venres de mañá e tarde; e por unha patrulla formada por dous policías o sábado á noite.
Pero en numerosas xornadas de traballo incúmprense os servizos mínimos para garantir a seguridade dos axentes, dos usuarios/as do Porto de Vigo e dos bens e instalacións portuarias, chegando incluso a deixar algún control de acceso sen policía.
“Polo que nas moitas ocasións nas que o servizo de noite se realiza con tan só un axente de patrulla, que ten que atender as tarefas encomendadas para cada peirao, non só se desatende o traballo propio da policía portuaria senón que se pon en risco a seguridade”.
A maiores, critican que certas operativas como as escoltas de transportes ou pezas especiais, que implica cortes de tráfico e rotondas tanto en vías interiores como en zonas de dominio público portuario, se estean a realizar en moitas ocasións cun só vehículo e un só axente, “co risco que iso supón”.
Abandono da seguridade
Lamentan que estas problemáticas estean a medrar dende o ano 2015 como consecuencia do “abandono” no que se atopa a policía portuaria e a propia seguridade do Porto de Vigo, “xa que a APV non emprega todas as ferramentas das que dispón para solucionalas”.
Neste senso, lembran que o ente público podería paliar a progresiva redución de persoal dos últimos anos botando man de xornadas dispoñíbeis, “mais a directora da APV limitou o seu número por motivos económicos, chegando a manifestar que a o límite quedaba establecido para non superar a masa asignada a produtividade”.
Para rematar cunha situación que consideran "alarmante" demandan que se cumpran os mínimos de persoal establecidos nas notas de servizo e que se elimine o límite de xornadas dispoñíbeis para darlle cobertura aos servizos que o precisen e posibilitar os reforzos necesarios para garantir a seguridade durante eventos ou situacións non contempladas en xornadas ordinarias. Así como que as patrullas se realicen sempre con dous axentes para garantir a seguridade.
Finalmente, dende o comité agardan que os responsábeis da APV “abran os ollos e fagan a forza necesaria" para que Portos do Estado habilite máis prazas co obxectivo de adaptar o cadro de persoal ás necesidades reais do Porto de Vigo.