A Plataforma Galega “Vivenda Xa!” reclama un programa de vivenda pública que garanta o acceso a toda a cidadanía

“Pensamos que é hora de reaxir e actuar para garantir o dereito a vivendas dignas”, afirmaron na presentación á sociedade esta mañá
Nacional - 20 Mar 2025

A Plataforma Galega Vivenda Xa!, vén de constituírse recentemente após a convocatoria de diversos colectivos e entidades preocupados pola actual situación de dificultades no acceso á vivenda. “A especulación inmobiliaria e a falta de acceso á vivenda está a converter este dereito fundamental nun luxo inalcanzábel para moitas persoas.” sinala Nande, unha das portavoces da plataforma.

A plataforma, representada por Iria Nande, Andrés López e María Curra, presentou esta mañá os seus obxectivos, o seu manifesto fundacional e máis a táboa reivindicativa. No seu manifesto destaca como prioritario o de conseguir un programa de vivendas públicas con prezo taxado que garanta o acceso a vivendas dignas para toda a cidadanía.

Salientan tamén medidas como o incremento do parque público de vivenda por parte da Xunta de Galiza, a comezar pola cesión de todos os inmóbeis da SAREB na Galiza ao goberno galego (preto de 3.000 vivendas, das cales sobre 1.300 estarían en condicións de habitabilidade na actualidade); a creación dun Banco Galego de Vivenda para aluguer social, a mobilización de vivenda baleira, o impulso a políticas públicas de vivenda ou impedir por lei a especulación dos fondos voitre.

Dende a plataforma sinalan que o papel que está a xogar a Xunta do PP é alarmante: negándose a ampliar o parque de vivendas públicas, rexeitando aplicar políticas para a baixada de prezos en zonas tensionadas e opóndose a incorporar ao mercado a vivenda baleira existente en Galiza. Ademais, critican que o Goberno do Estado non fai máis que anuncios “pirotécnicos” que non se traducen en actuacións concretas.

“Non hai vontade de remediar esta crise e iso é inasumíbel. Temos que pasar á acción” sinala Iria Nande. A plataforma avisa que comezará dende xa a popularizar as alternativas que existen ante a crise de vivenda, escoitando a todos os colectivos sociais e recollendo propostas, xa que como sinalan a plataforma está aberta a novas adhesións de entidades que queiran participar nela. Así mesmo, anuncian que levarán a cabo accións e mobilizacións que comunicarán proximamente. “Para nós é central apremar ás administracións públicas para que tomen medidas reais de inmediato” sentenciaba Nande.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.