A PGDEP valora moi positivamente o masivo seguimento da folga no ensino público
Estudantado, profesorado, nais e pais percorreron as rúas de cidades e vilas contra a LOMCE e os recortes
O ensino público en Galiza foi hoxe á folga contra a LOMCE e os recortes en educación, cun seguimento que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valorou moi positivamente e que cuantificou, á saída da manifestación de Compostela, en preto do 90%. “As aulas quedaron baleiras” asegurou o seu portavoz, Anxo Louzao, quen considerou que “esta ten que ser a acta definitiva de defunción da LOMCE, das reválidas e dos recortes que desde 2010 leva sufrido o ensino público en Galiza”.
O portavoz da PGDEP e secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que tras desta nova xornada de folga e coas mobilizacións desenvolvidas en todo o país “agardamos que o goberno do Estado e a Xunta de Galiza tomen nota e que a Consellaría de Educación deixe de actuar de comparsa e abandone a actitude de total submisión ao goberno central”.
Xunto a isto, exixiu que se elabore unha lei galega do ensino que responda ás necesidades do sistema educativo galego e que teña en conta cuestións esenciais como redución das ratios e incremento do profesorado.
Xunto a isto demandou que se destine a educación o 7% do PIB, unha defensa inequívoca do ensino público inclusivo e equitativo que se sustente na supresión dos concertos nos centros que segregan por razón de xénero, no camiño de rematar coa privatización e cos concertos educativos; eliminación do 3+2 e unha política de bolsas totalmente diferente que posibilite que todo o alumnado poida cursar os estudos universitarios sen estar condicionado pola súa situación económica.
Pacto pola educación
Respecto do “pacto pola educación”, Louzao asegurou que “non estamos dispostos a avalar o engano que supón, porque só pretende maquillar a LOMCE para que sexa máis presentábel socialmente pero mantén no fundamental os alicerces que sustentan a propia lei”.
En concreto referiuse ao “modelo españolizador, neoliberal, confesional, privatizador e segregador”, aspectos que aparecen recollidos no manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que se leu ao remate das manifestacións que se sucederon por toda a xeografía galega.
MANIFESTO
PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
Unha vez máis é necesario que nos mobilicemos en defensa do ensino público galego, reclamando a derrogación plena da LOMCE e unha lei galega de educación ante a posibilidade de que se elabore un pacto entre as forzas políticas estatais que prexudique gravemente a situación do noso ensino. Este pacto mantería os principios fundamentais da LOMCE e o que é peor, blindaríaos para os vindeiros anos.
Ante o éxito da xornada de folga do 16 de febreiro temos que volver saír á rúa desde unha óptica centrada no país e na súa realidade educativa. En Galiza non sufrimos os recortes do mesmo xeito que no resto do Estado e o noso ensino ten necesidades específicas pola nosa realidade diferenciada. Por iso é fundamental a participación masiva na folga que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público acordou convocar para o día 9 de marzo en todos os niveis educativos do ensino de Galiza , mantendo as nosas reivindicacións e accións propias que dan continuidade ás que xa vimos realizando, concretadas en manifestacións en diferentes localidades ás 11.30 horas.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está comprometida en continuar na loita contra a LOMCE até a súa derrogación definitiva e en paralizar os recortes que están desmantelando o ensino público.
Grazas ás permanentes e importantes mobilizacións e folgas que levamos a cabo, fomos capaces de paralizar a aplicación das reválidas en 6º de Primaria, 4º de ESO e 2º de Bacharelato. Mais temos presente que a LOMCE segue vixente e as reválidas adiadas, non derrogadas, até coñecer o resultado do “pacto pola educación ”.
O PP continúa obstinado na súa aplicación, malia o rexeitamento maioritario e a decisión do Congreso dos Deputados de paralizala. Consideramos, por tanto, que é necesario seguir na loita como única maneira de conseguir a derrogación definitiva da LOMCE, a desaparición das reválidas, a paralización dos recortes no ensino público, a restitución de todos os dereitos que lle foron arrebatados ao profesorado e a mellora do ensino público.
Temos razóns mais que sobradas para denunciar o engano e a farsa que supón o punto de arranque do chamado “pacto pola educación” proposto polo PP, cuxo obxectivo non é outro que consolidar os principios e fundamentos da LOMCE , revestidos agora da auréola do “pacto pola educación”.
O punto de partida, a concepción do mesmo, o procedemento e os obxectivos que persegue procuran un modelo educativo neoliberal, confesional, cada vez máis españolizado e profundamente mercantilizado, no que a relixión seguirá sendo materia curricular. A privatización continuará mediante os concertos en todos os ámbitos educativos e o ensino será cada vez máis elitista e segregador. Hai que desenmascarar todo esta armazón propagandística que o único que pretende é facer máis presentábel socialmente a aplicación da LOMCE.
Calquera acordo educativo ten que partir, como mínimo, dun amplo debate social e de participación de todas as organizacións e entidades, tanto sociais como políticas, sindicais e educativas.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público exixe:
A derrogación da LOMCE e das súas reválidas e a elaboración dunha lei galega de educación.
A defensa inequívoca do ensino público, galego, laico, coeducativo e gratuíto .
O recoñecemento e asunción da pluralidade nacional , cultural e lingüística do Estado para poder conformar un sistema educativo galego, enraizado na nosa realidade social, cultural, histórica e lingüística.
Compromiso de dedicar o 7% do PIB á Educación.
A eliminación inmediata das subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de xénero, co obxectivo de suprimir os concertos no ensino non obrigatorio e continuar co resto dos concertos educativos para conseguir unha única rede, a pública.