A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presenta as accións que desenvolverá na campaña contra as reválidas
Entre as accións previstas anunciaron que promoverán a aprobación nos claustros e consellos escolares de resolucións contra as reválidas para o seu envío á Consellaría, ademais da colocación de pancartas ou cartaces nos centros co lema “Nin LOMCE nin reválidas”.
Tamén se convocarán concentracións o 4 de maio pola tarde nas seguintes vilas e cidades:
- Santiago (Praza Roxa ás 18:30 horas)
- A Coruña (Obelisco ás 19 horas)
- Lugo (diante do edificio sindical Ronda da Muralla ás 19 horas)
- Vigo (na Farola de Urzaiz ás 19:30 horas)
- Carballo (Praza do Concello ás 20 horas)
- Ferrol (Praza de Amada García ás 20 horas)
- Pontevedra (Praza da Peregrina ás 20 horas)
- Vilagarcía (Praza de Galiza ás 20 horas)
- Ourense (Xardíns Padre Feixoo de Ourense ás 20 horas)
- Cee (diante do CEIP Eugenio López ás 20 horas)
Posteriormente, o día 9 de maio, durante o recreo, haberá concentracións nos propios centros escolares e outra concentración diante da consellaría de Educación o día 11, coincidindo coa data de comezo das probas.
Ademais a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público distribuirá tamén entre as familias un modelo de escrito, dirixido ás direccións dos centros, para amosar o seu rexeitamento ás reválidas.
A este respecto, Anxo Louzao, explicou, en representación da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que “observamos con moita preocupación a posición da Consellaría de Educación que segue obstinada en seguir adiante con estas probas cando un número importante de comunidades autónomas xa anunciaron que non as van facer”.
A isto engadiu que estas probas emanan da LOMCE e que o Congreso dos Deputados xa aprobou unha iniciativa para paralizar a súa aplicación, tal e como lle demandou no seu día a Plataforma aos grupos parlamentarios.
Para a Plataforma estas probas son unha “aberración” desde o punto de vista pedagóxico xa que non teñen en consideración a avaliación continua, “desprezan o traballo do profesorado, que é quen mellor pode avaliar alumnado; someten aos rapaces e rapazas a un calvario e a unha presión innecesaria, co obxectivo de estandarizar e uniformar o sistema educativo e de crear un ranking de centros”, explicou Louzao.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reafirmou a súa intención de combater desde o principio as probas, xa que van ser determinantes para a continuidade nos estudos, parten da desconfianza do profesorado e suporán un obstáculo máis para as clases desfavorecidas. Por todo isto a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un chamamento a todas as familias para que as pretensións da Consellaría de Educación sexan un verdadeiro fracaso.