A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pide o amparo da Valedora para que se paralice a LOMCE e as reválidas
En declaracións aos medios de comunicación Anxo Louzao, en representación da Plataforma, afirmou que a LOMCE é unha lei rexeitada polo conxunto da sociedade como así o puxeron de manifesto as numerosas mobilizacións que esixiron a súa retirada. “É inaceptábel –dixo- que a Consellaría de Educación pretenda seguir adiante coa súa aplicación cando todo indica que a LOMCE ten os días contados despois de que o Congreso ademais veña de aprobar una iniciativa para a súa paralización”, tal e como solicitara tamén a Plataforma nun escrito dirixido a todos os grupos do Congreso.
Durante as próximas semanas a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público desenvolverá una campaña para animar ás familias a que rexeiten as reválidas de 3º e 6 º de Primaria e que non envíen os seus fillos e fillas ese día ao centros. “Vai ser unha campaña similar á que xa se fixo o ano pasado e que tivo como resultado -subliñou Louzao- que máis da metade das familias non enviaran aos seus fillos e fillas ese día a clase”.
No escrito dirixido á Valedora do Pobo, a Plataforma lembra os despropósitos que acumula a Consellaría de Educación, desde a promulgación da LOMCE, e que están causando unha grande incerteza e importantes prexuízos para os centros educativos, o alumnado e as familias.
A Plataforma agarda agora que a Valedora inste a Consellaría para que paralice urxentemente a aplicación da LOMCE, e a realización das reválidas de 3º e 6º de Primaria neste curso “porque en nada benefician o proceso ensino-aprendizaxe, supoñen unha discriminación social, afirman un sistema selectivo e significan un desprezo ao traballo do profesorado”.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Erguer. Estudantes da Galiza, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).