A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público mobilízase baixo o lema “Nin LOMCE, nin reválidas”
“Como Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público non imos estar dispostos a que a consellaría impoña os seus postulados ideolóxicos en contra da maioría da comunidade escolar. O ano pasado máis do 50% das familias non levaron as nenas e nenos a facer a reválida de terceiro e aínda así Educación segue obstinada en celebralas”.
Así se pronunciaba, como portavoz da Plataforma, Anxo Louzao, quen ademais alertou de que lonxe de aportar nada ao proceso de aprendizaxe, estas probas “van supor segregar ao alumnado, crear un ranquin de centros e que se estea afondando máis nun ensino elitista e clasista que vai provocar unha maior diferenciación atendendo ao rendemento escolar en certas materias e marxinando outras competencias que son fundamentais para a formación integral do alumnado”.
Sobre a elaboración dun ranquin de centros a partir dos resultados desta proba, que puxo en cuestión o Director Xeral da consellaría, Louzao asegurou que se non se chega a facer “será pola presión social”.
De feito lembrou que o proxecto de Orde di que a comunidade escolar “vai coñecer os resultados dese centro”. Polo tanto, “do momento no que son públicos, vaise valorar cal centro obtivo mellores resultados e cal peores”.
Xunto a isto cuestionou a explicación do representante da consellaría que xustificou ese baremo dos centros en función das cualificacións do alumnado, como unha medida para saber que centros precisan máis dotación de medios e reforzo de profesorado. “É pura propaganda” denunciou, “non é necesario facer unha proba para avaliar as necesidades e carencias que teñen os centros cando o sabe sobradamente o profesorado e a comunidade educativa no seu conxunto”, afirmou.
Chamamento á insubmisión
Segundo denunciou no decurso da concentración, as reválidas, para as que a consellaría xa presentou un borrador segundo o que se prevé a súa celebración nos días 11, 12 e 13 de maio e 24 e 25 de maio, poñen ademais en cuestión a avaliación continua e desautorizan o traballo diario do profesorado. Por iso exixiu, en nome da Plataforma, a súa paralización e fixo un chamamento a nais e pais a que non leven aos centros, tampouco este ano, ás nenas e nenos o día en que teñan lugar as probas.
Neste sentido subliñou que “non van ter ningunha consecuencia nin do punto de vista académico, nin da aprendizaxe”. Con todo considerou que o lóxico sería que “se impuxera a sensatez por parte da consellaría e que o que é un borrador, neste momento, desapareza e non teña traslado ao DOG”.
A este respecto Fernando Lacaci, Presidente da ANPAS de Compostela, engadiu que se algunha consecuencia negativa ten a insubmisión ás reválidas é para o alumnado “polo estrés ao que o someten”.
En todo caso entendeu os problemas de conciliación que provocará non levar ás nenas e nenos aos centros ese día para as familias. “Non podemos dicirlle á xente que non vaia a traballar e poña en risco o seu posto de traballo, pero si podemos dicirlle que intente conciliar como concilia no verán ou en calquera dos 190 días que non hai clases”.
MANIFESTO
PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
NON ÁS REVÁLIDAS
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público desde o primeiro momento activou e promoveu todo tipo de accións para combater e paralizar a LOMCE, consciente de que se estaba ante unha lei moi nociva para o ensino público e galego. Unha lei que impide o dereito á educación para todo o alumnado, que acrecenta a privatización e a mercantilización da educación, desterra a igualdade de oportunidades, elimina a xestión democrática dos centros, reforza a confesionalidade, promove a segregación do alumnado e reincorpora as reválidas do franquismo para expulsar o alumnado das clases populares do sistema educativo.
Isto levou a Plataforma Galega a defender a promover o curso pasado unha campaña para animar as familias a que non enviaran os seus fillos e fillas á escola o día de realización da proba xeral de 3º de Primaria, chamamento que foi secundado por máis do 50% do alumnado dos cetros públicos, o que evidenciou un rexeitamento maioritario a que o alumnado fose sometido a probas que non supoñen ningún beneficio para o proceso ensino-aprendizaxe do alumnado.
Aínda así, a Consellaría continúa obcecada na implantación da LOMCE e das súas reválidas, sen se preocupar dos graves prexuízos e das incertezas que provoca no alumnado e nas familias. Este curso non só pretende someter o alumnado de 3º de Primaria a unha proba xeral individualizada, senón tamén ao de 6º de Primaria cunha proba de avaliación final de etapa.
Unha vez máis, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público exixe a paralización e a derrogación da LOMCE coas súas correspondentes reválidas. Temos que facer fronte a este atropelo. Está nas nosas mans evidenciar o fracaso e a improcedencia das reválidas que nin benefician o alumnado nin favorecen o proceso ensino-aprendizaxe, xa que:
- O estabelecemento da proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as reválidas en 4º da ESO e en bacharelato, que son requisito imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes, pretende pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Responde, exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da educación e contribúe a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación, cando xa hoxe o ensino público carece de elementos compensatorios para facer efectivo e real o principio de igualdade de oportunidades.
- É unha aberración desde o punto de vista pedagóxico someter o alumnado a unha presión innecesaria, mediante probas que o vai avaliar baixo estándares uniformizadores, sen considerar a educación como un proceso no que hai que considerar as circunstancias persoais e socioeconómicas e as capacidades e actitudes do alumnado.
- Limítanse a avaliar o ámbito lingüístico, matemático e científico-técnico, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico e musical refusando o ensino da nosa historia e medio natural, imprescindíbel para a formación integral do alumnado.
- Recentralizan o sistema educativo, dado que a elaboración e deseño das probas, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliábeis serán fixados polo Ministerio de Educación, rexeitando así o estudo e coñecemento de todo o que nos conforma como pobo galego.
- Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente, cando ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.
- Subestiman e desconfían do traballo do profesorado que estará sometido e totalmente condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais para acadar unha formación o máis completa posíbel.
- Responden á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista que contará con máis medios e recursos
- Pretenden ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e asentará unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.
Estas e outras moitas razóns son as que levan a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público a animar as familias a que o día da realización da proba xeral de 3 de Primaria e de final de etapa de 6º de Primaria non envíen os fillos e fillas aos centros e/ou manifesten o seu rexeitamento entregando no centro escolar o texto que se achega.