A PGDEP denuncia o desleixo da Consellaría na xestión educativa ordinaria
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) vén de denunciar a pasividade da Consellaría de Educación na súa obriga de xestión ordinaria dos centros educativos, pondo dous exemplos recentes: o envío de ordenadores aos centros sen un sistema que permita cargalos, e o transporte escolar, que está deixando de ser un servizo educativo para supeditarse á conveniencia económica das empresas do sector.
“Con este desleixo, está claro que a finalidade da Consellaría é só propagandista, vender cara a fóra que dota de novos ordenadores o alumnado, sen preocuparse nin do seu uso nin do seu mantemento e trasladándolles aos centros e ás familias esta responsabilidade”, censuran. Isto, engade a Plataforma, queda claro na autorización que teñen que asinar nais e pais, na que se lles pide que se responsabilicen do traslado ao domicilio dun material que é caro e delicado, “o que evidencia que a administración non ten intención de poñer facilidades para cargar nos centros os novos dispositivos”.
Transporte escolar menos para os e as escolares
Por outra lado, a Plataforma tamén denuncia a situación de inacción e de deixamento de competencias que demostra o departamento dirixido por Román Rodríguez ao cederlle a xestión do transporte escolar á Consellaría de Infraestruturas. Como xa se vén advertindo nos últimos meses, “o que é un servizo educativo complementario está deixando de ter esta función para pasar a depender exclusivamente das necesidades económicas das grandes empresas do sector”.
Na práctica, as rutas e os horarios das liñas de transporte están condicionando os horarios e a organización lectiva dos centros escolares rurais, entendendo por rural mesmo boa parte dos arredores e dos barrios periféricos das cidades e vilas galegas.
A PGDEP ten detectado que en moitos casos as viaxes que fan os nenos e as nenas até o seu centro educativo “teñen a duración que lle convén á empresa adxudicataria do servizo de transporte” e que non se están tendo en conta nin as conveniencias pedagóxicas, nin os ritmos vitais das crianzas, nin os horarios de utilización educativa -de inicio e de fin de xornada- do tempo e do espazo que ocupa o transporte escolar.
Ante o horizonte de 2020, ano no que rematan as concesións administrativas de transporte, para a PGDEG a estratexia a seguir debería ser organizar o mapa escolar galego, fixar o grao de dispersión do alumnado, a súa distribución por idades nos distintos centros e os horarios lectivos “e, a partir de aí subordinar todo o demais, incluído o transporte escolar. Porén a Consellaría está a facer todo o contrario. Após cederlle a organización do transporte ao departamento de Infraestruturas, este introduciu a comezos de curso a posibilidade de que os/as viaxeiros/as convencionais utilicen este servizo”.
Nestes intres, apuntan, o que está a acontecer é que son as e os escolares quen están vendo como se supeditan as súas necesidades ás das empresas e que estas mesmo pretenden ir substituíndo liñas regulares e ofertar só o servizo do transporte escolar.
Problemas de desprazamento para o alumnado de FP e Bacharelato
Por outra parte, non convén esquecer que existe alumnado que non ten garantido actualmente o dereito a ser transportado, como o de Formación Profesional e o de Bacharelato. Este colectivo pode atoparse na situación de non ter maneira de se desprazar ao seu centro educativo ao combinarse todo o transporte nunha única liña, na que non tería praza reservada. “Sería un desgraciado paradoxo que se estean abrindo as portas dos autobuses escolares á cidadanía en xeral e que se deixe en terra a parte do alumnado, novamente porque a Consellaría continúa sen exercer as súas funcións”, alerta a Plataforma.
“Na PGDEP esiximos, polo tanto, que se manteña o transporte escolar como o transporte principal para o alumnado galego que o precise, en calquera das situacións do ensino non universitario”. Por iso, reclaman un traballo previo de organización do mapa escolar galego, cunha clara definición “de onde e como queremos que funcionen as nosas escolas, antes de abordar a contratación dun transporte escolar que vemos perigar como servizo educativo, e que continúa a organizarse estritamente dende o punto de vista da conveniencia económica”.