A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público demanda dos grupos do Congreso a paralización e derrogación da LOMCE
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público lembra que xa transcorreron dous meses desde a Constitución do Congreso e que hai unha maioría de representantes de distintas forzas políticas que manifestaron, durante a campaña electoral, que unha das primeiras medidas a adoptar sería paralizar e derrogar a LOMCE.
Por iso Anxo Louzao, que fixo unhas declaracións en nome da plataforma tras da presentación no rexistro dos escritos, asegurou que “para nós non hai xustificación para que a LOMCE a esta altura non estea como mínimo paralizada previa a súa derrogación”.
Denunciou o “desatino” e “absoluto despropósito” que está supondo a súa implantación e salientou que este curso está previsto continuar coa implantación das reválidas, que o ano pasado xa se realizaron en terceiro e que agora pretenden estenderse tamén a sexto de Primaria, como prólogo das reválidas da ESO e de Bacharelato.
Afirmou que a Plataforma está en desacordo con estas probas e anunciou que se chamará a que os pais e nais procuren non mandar aos seus fillos e fillas ese día aos centros para que non realicen a proba, igual que se fixo o curso pasado en terceiro. Unha campaña que, afirmou, “tivo unha resposta moi satisfactoria, na medida en que máis do 50% do alumnado de terceiro de primaria non realizou estas probas en Galiza”.
Louzao asegurou que é unha lei lesiva para o ensino público e o ensino en galego. “Parte dunha concepción totalmente centralista do Estado; non adecúa o ensino á nosa realidade; é unha lei que privatiza; procura un ensino máis confesional; está ao servizo da patronal do ensino privado e do neoliberalismo”.
Por iso asegurou que a Plataforma seguirá a combater a LOMCE e anunciou que, de non paralizala e logo derrogala, vai facer todo o necesario para conseguir que a implantación das reválidas “sexa un fracaso”.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Erguer. Estudantes de Galiza, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da morte, Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).