A Plataforma Galega en defensa do Ensino Público mobilizarase o 16 e o 24 de novembro
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) anunciou este martes, en rolda de prensa, a convocatoria de mobilizacións para o día 16 de novembro –cunha concentración, ás 11:15 horas, diante da consellaría de Educación coa posterior entrega no rexistro das sinaturas recollidas contra as reválidas- e para o día 24 de novembro – con concentracións nas sete cidades ás 19:00 horas e en Cee, Vilagarcía, Carballo e probabelmente en Ribeira, ás 19:30 horas-.
O portavoz da PGDEP e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, explicou que con estas mobilizacións a plataforma vén reiterar a súa exixencia á consellaría de Educación de que actúe como goberno galego e remate coa “grave situación” na que se atopa o sistema educativo, neste intre, polo que cualificou de “actitude irresponsábel” e de “desleixo” das autoridades educativas.
Por iso, respecto das mobilizacións convocadas para o día 24 de novembro, Louzao fixo un chamamento a toda comunidade escolar de secundaria a unha xornada de loita, baleirando as aulas, para manifestar así non só o rexeitamento ás reválidas e á LOMCE, senón tamén para denunciar a “tiranía e crueldade” á que se somete ao alumnado ao impor unhas probas para as que as e os estudantes de segundo de bacharelato descoñecen aínda -a estas alturas de curso- en que van consistir.
Sobre esta cuestión, o portavoz da PGDEP apuntou tamén a situación de “desconcerto” na que está o profesorado, que non sabe para que tipo de exames ten que preparar o alumnado e denunciou ademais que “vai ser a administración central a que fixe as características das probas, os estándares avaliábeis e os seus propios contidos” e que ás administracións educativas non lles vai quedar máis que a aplicación práctica das mesmas e, en todo caso, trasladar eses criterios a unha proba.
Os anuncios de cambio no BOE
Canto aos chamamentos á calma tanto do Ministro como do conselleiro de Educación, que veñen asegurando nas súas últimas comparecencias públicas que as probas van ser semellantes, exixiu que “se van ser tan semellantes terán que modificar o Decreto que se publicou o 30 de xullo - por un goberno en funcións-, que o único que fai é unha definición das características xerais destas probas, e trasladalo posteriormente ao BOE”.
Sinalou que nese Decreto recóllese que o alumnado terá que examinarse das 6 materias troncais, de 2 troncais de opción e máis dunha materia específica, o que inclúe materias como Filosofía, que é de 1º de Bacharelato. “Nada ten que ver como se ve, ou moi pouco semella, ás probas de acceso á universidade”, afirmou.
Define tamén o decreto as preguntas máximas das materias, os tempos e un intervalo de datas para a súa realización. Porén, “todo o demais está sen coñecer a día de hoxe, mesmo os contidos básicos, os estándares de aprendizaxe ou o que eles chaman as matrices específicas”, matizou.
Respecto das últimas filtracións que houbo sobre esta cuestión, Louzao explicou que se trata dun proxecto “que din que nada xa ten que ver co que hoxe mesmo vai tratar unha comisión técnica das distintas administracións educativas que é antecedente da que será a reunión da Comisión de Educación na que están representadas as distintas administracións educativas do estado español”.
Diante desta situación o portavoz da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público asegurou que “continuaremos na loita, na acción e na mobilización permanente”, porque “sabemos que estamos ante unha loita xusta, que ten un respaldo moi maioritario e que pretendemos que teña resultado satisfactorio para acabar con esta discriminación e esta situación de incertidume provocada por unha actitude de total desleixo que está sumindo no caos o sistema educativo galego”.
Fronte á LOMCE e ás reválidas, que converten a educación nunha mercadoría, polo seu carácter competitivo, elitista, selectivo e neoliberal, a PGDEP defendeu un sistema educativo que conciba a educación como un dereito universal, baseado na igualdade de oportunidades e gratuíto.