A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama á comunidade educativa a mobilizarse contra os recortes
A Plataforma en Defensa do Ensino Público vén de convocar unha mobilización á que chama a participar a toda a comunidade educativa, o vindeiro sábado, día 26 de outubro, con saída ás 12:00 horas desde a Alameda compostelá. A Plataforma denuncia o convulso inicio de curso, entre a propaganda da consellaría e as protestas máis numerosas dos últimos anos, protagonizadas polas ANPAs e os centros, ante a falta de profesorado, sobre todo de especialistas para a atención á diversidade en Infantil e Primaria.
Xunto a isto a Plataforma denuncia a desatención absoluta ás demandas de alumnado e profesorado dos centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e que a situación do ensino público non fixo máis que deteriorarse nos últimos anos con menos docentes, máis materiais afíns e docentes compartidos por varios centros, menos especialistas para a atención á diversidade, máis burocracia e menos recursos públicos.
Diante desta situación, as organizacións que conforman a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, CIG-Ensino, ANPAS Galegas, ERGUER, Asociación Socio-Pedagóxica Galega /AS-PG), BNG e Galiza Nova, chamaron a toda a comunidade educativa: familias, estudantado e profesorado a participar na mobilización para a que se facilitará o servizo de transporte desde distintos puntos do país.
Para Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, este inicio de curso “está sendo caótico, inzado de propaganda” e cunha falta de persoal e recortes que afectan a, cando menos, medio milleiro de centros educativos, é dicir case a metade dos centros públicos existentes no país.
Esta cifra constátase despois de que a CIG-Ensino, sindicato maioritario, recollese nos últimos días incidencias de falta de persoal en máis de 120 centros, sobre todo colexios de infantil e primaria, e de que os centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial nos últimos anos “non fixeron máis que ver como se reducían os seus cupos, se amortizaban xubilacións e se estendía a práctica de que o profesorado cada vez máis imparta materias das que non é especialista para completar o seu horario lectivo que segue a ser, xunto co de Madrid, o único que se mantén nos 20 períodos lectivos semanais desde os recortes da época de Rajoy”.
Censura e ocultación da información
Por iso Isabel Calvete, de ANPAS Galegas afirmou que “a realidade dos centros non fai máis que desmontar a propaganda da administración” e denunciou “desdobres non autorizados en aulas que superaban abertamente as ratios máximas, incremento da matrícula nos cursos que xa tiñan entre 20 e 25 estudantes, non computar como dobre ou triplo o alumnado con trastorno de conduta, discapacidade ou dependencia, aulas con nenos de distintos niveis ou idades nas que non se cumpren as ratios máximas, falta de profesorado especialista, sobre todo de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e orientación, que cada vez máis teñen que compartir varios centros ou se contratan a media xornada, así como falta de persoal coidador”.
Eivas que veñen detectando con máis intensidade este ano e que poñen en cuestión a información da consellaría á que Calvete acusou de “censura e ocultación de información”, xa que os equipos directivos “dicíannos que non nos podían dar datos por orde das inspeccións”. Cuestión esta que a levou a considerar que “o benestar dos nosos fillos e fillas é o que menos interesa”.
Efectos sobre o alumnado
Os efectos sobre o alumnado son, evidentemente o máis preocupante de todos os recortes que se veñen aplicando desde hai anos e que se intensifican neste curso. Unha situación que non só se produce co alumando do ensino obrigatorio senón tamén co postobrigatorio.
Neste sentido, Artai Gavilanes, representante de Erguer, sindicato estudantil, puxo o acento na situación que se vive en varios IES de vilas nos que non se permite cursar materias optativas de Bacharelato con carácter presencial pola insuficiente dotación de profesorado, obrigando o estudantado a cursalas na modalidade a distancia. Unha situación que se produce tanto no 1º curso como en 2º, cando esas materias son continuidade das mesmas cursadas presencialmente no curso anterior e nun ano no que deben afrontar a proba de acceso á universidade.
O aumento da oferta de FP que se observa nestes últimos anos, cun medre exponencial da oferta privada en detrimento da pública, moito menor, tamén centrou as críticas de ERGUER, reclamando “que se impulse unha maior oferta gratuíta nos centros públicos e cunha política de axudas para o alumnado que, en moitos casos, debe desprazarse fóra do seu domicilio e soportar uns gastos e pagar uns alugueres que supoñen unha enorme dificultade e un impedimento para moitas familias”.
Plan Mega-Trola da consellaría
A este respecto Suso Bermello lembrou as denuncias feitas pola CIG-Ensino sobre os anuncios e o que cualificou como Plan Mega-Trola da consellaría. Explicou que este curso académico houbo 80 prazas menos de PT e AL que o pasado e máis de 30 prazas de atención preferente, aquelas que piden os centros para atender a un alumno ou alumna con necesidades específicas de apoio educativo, quedaron sen atender. E denunciou que “despois vemos como o que un día se denomina Plan Promociona e outro Plan Mega non son en realidade programas propios da Consellaría senón financiados pola UE para precisamente garantir unha educación máis inclusiva”.
Bermello considerou que Educación está empregando estes fondos -máis de 18 millóns de euros en total- de forma “fraudulenta”, porque moitas destas persoas están asumindo titorías ou impartindo inglés ou educación física, por exemplo, cando non están concibidos para este fin. “É evidente que este perfil de profesorado era necesario e que debera ser contratado como interino, con fondos propios da Consellaría e durante todo o curso. Non desde o día 11 e cesado a 30 de xuño simplemente para aforrar cartos, uns cartos que deberían destinarse ao seu fin: o alumnado con necesidades educativas especiais”, dixo.
Sobre outras mentiras ou medias verdades da Consellaría, Bermello non dubidou en pronunciarse. “Se hai algún incremento nas cifras globais do profesorado é polo que aumentou a oferta formativa da FP pero nas outras etapas houbo recortes, e así nolo está a transmitir estes días o persoal docente nun cuestionario aberto no que recalca que se amortizaron moitas xubilacións nos últimos anos, e desde logo o que si non para de incrementarse tamén é a burocracia e a impartición de materias afíns, algo que redunda nunha peor atención educativa do alumnado. En xeral nas ensinanzas de secundaria, bacharelato, FP e de réxime especial a perda da calidade educativa é moi clara porque non existe ningunha medida, por mínima que sexa, para paliar as ratios elevadas, a atención á diversidade, a privatización e o exceso de trámites burocráticos e os abusos , nalgúns casos moi contrastados, da inspección”, insistiu.
As organizacións convocantes coinciden en que o ensino público galego está a deteriorarse e que é preciso unha reacción conxunta e contundente de toda a comunidade educativa, que non acepta parches nin remendos e na que se unan todas as reivindicacións, de todas as etapas educativas, de todos os colectivos.
Isto é especialmente importante porque, segundo consideraron, a Consellaría tamén “xoga á estratexia de dividir, de que cada centro teña que pelexar pola dotación de máis persoal de forma individual, de que as necesidades nunhas etapas educativas poden ser diferentes ás doutras polo propio perfil do alumnado”.
Ademais coincidiron en que na marcha do día 26 hai un punto en común: a defensa do ensino público galego, desde os 3 anos ás ensinanzas postobrigatorias. Por iso fixeron un chamamento a participar a toda a comunidade educativa e ao conxunto da sociedade, “porque a educación pública é un tema transversal como o é a sanidade ou os servizos sociais”, sentenciaron.