A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama a boicotear as reválidas
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG, promove o boicot á proba externa de reválida de 3º de primaria, fixada para os días 23 e 24 de maio, e das de 6º de primaria e 4º da ESO que se desenvolverán os días 29 e 30 de maio. Para iso a PGDEP pide a nais e pais que non envíen ás crianzas aos centros educativos nos días nos que no seu curso se fagan as reválidas, e de isto ser imposíbel, fagan constar no centro que non queren que a súa crianza realice a proba. Para iso propoñen o modelo de documento que se adxunta.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Püblico lembra que o rexeitamento ás reválidas foi apoiado en anos anteriores por máis do 80% das familias. Un rexeitamento que se pretende manter este ano para conseguir anular toda pretensión do PP de tirar partido das reválidas e ao tempo manter socialmente a contestación contra unha lei, a LOMCE, que segue sendo rexeitada pola inmensa maioría da comunidade educativa pero segue en vigor.
Extensión do Informe PISA
Non deixan de ser unha extensión das do Informe PISA, que son unhas probas que xerarquizan aínda máis o currículo, reforzan o modelo educativo da LOMCE e convértense nun obxectivo, en vez dun medio. Condicionan o traballo do profesorado e somete o alumnado a unha presión e a un traballo innecesario en detrimento do aprendizaxe doutras competencias.
O sistema educativo galego está máis que diagnosticado e todas e todos sabemos das súas carencias e necesidades, que permanentemente son insatisfeitas pola Consellaría. Pola contra, os centros sofren as deficiencias e o abandono a que os somete a Consellaría por non dotalos de suficiente profesorado, por descoidar a atención á diversidade e por masificar as aulas.
Avaliación polo seu profesorado
O alumnado está permanentemente avaliado polo seu profesorado, coñecedor das necesidades educativas de apoio e reforzo que o alumnado poida necesitar. Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente, cando ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para saber das carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como os medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.
Só avalían certas áreas de coñecemento, menosprezan a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades e refusan o ensino da nosa historia e medio natural, imprescindíbel para a formación integral do alumnado.
“Falaz” Pacto pola Educación
Son unha mostra máis do absoluto desprezo ao sentir maioritario da comunidade escolar galega contra a LOMCE e as súas reválidas. No canto de derrogar definitivamente esta lei, propoñen un falaz “pacto pola educación” para asentar as bases dun sistema educativo selectivo, clasista, segregador e privatizador.
Responden exclusivamente a unha concepción segregacionista e competitiva da educación, contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereitoá educación e asenta nunha estrutura curricular aoservizo do neoliberalismo.
Continúan cunha desconsideración absoluta ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, ao profesorado que o atende e ás súas familias, deixando á improvisación todo o relacionado coa organización das probas para este colectivo.