A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama a boicotear as probas de terceiro de Primaria os días 24 e 25 de maio
En representación da PGDEP, Anxo Louzao deu conta dos datos de ausencia do alumnado nos centros de toda Galiza, segundo os que o primeiro día da reválida o absentismo foi superior ao 80% e mesmo se incrementou os dous días seguintes, superando o 82%.
Louzao especificou que houbo zonas nas que o rexeitamento ás probas foi xeneralizado, con centros nos que faltou o 100% do alumnado chamado a realizar estes exames, como o Barbanza, o Salnés, o Baixo Miño ou a zona de Compostela.
Diante destas cifras, a Plataforma agradeceu o esforzo realizado polas familias, que tiveron que facerse cargo das fillas e fillos eses 3 días, mais tamén ás ANPAS que celebraron máis de 100 asembleas para explicar ás familias o que implican as reválida. Ademais salientaron os moitos comunicados emitidos tanto polos consellos escolares como polos Claustros dos centros de todo o país.
Segundo explicou Anxo Louzao, con estes datos o máis normal sería que se paralizaran as probas de terceiro de primaria convocadas para os días 24 e 25 de maio. Porén denunciou que esta “segue obstinada” en mantelas, o que cualificou como “un acto de tiranía” e un “despilfarro de tempo escolar e de cartos”.
Para o representante da PGDEP tamén foi “patética” a actuación do conselleiro en Madrid , por non ter sido capaz de trasladar o rexeitamento manifestado pola comunidade escolar en Galiza á LOMCE e ás reválidas. “En contra diso, sométese como bo vasalo”, asegurou.
Louzao tamén considerou “inaceptábel” que o conselleiro, en lugar de “velar por un sistema educativo de maior calidade, inclusivo e que favoreza a igualdade de oportunidade”s, aposte por un modelo como o que impón a LOMCE, que “despreza a avaliación continua, desprestixia o profesorado e somete o alumnado a un estrés innecesario”.
Ademais denunciou a incapacidade da consellaría por ser incapaz de articular alternativas ao alumnado de 4º da ESO que non supere as probas de reválida aínda tendo aprobado todo o curso. “O conselleiro está disposto a seguir adiante cunhas probas que expulsan o alumnado e que poden impedir que siga estudando”, mentres que hai 12 comunidades que xa anunciaron que ían realizar as reválidas, lembrou.
Boicot á reválida de 3º
A Plataforma segue chamando ao boicot ás reválidas de 3º que terán lugar os días 24 e 25 de maio. Ademais anunciou que convocará unha concentración o día 24, ás 11:15 horas, en San Caetano, diante da consellaría de Educación para manifestar mías unha vez a repulsa da comunidade escolar ás reválidas e a unha lei que afonda no neoliberalismo, na competitividade e no individualismo.
Ao remate da rolda de prensa, e a preguntas dos xornalistas respecto da afirmación do presidente da Xunta de que as familias estaban sendo manipuladas, Louzao considerou as súas palabras unha “sandez” e lembrou que a Plataforma Galega en Defensa do ensino Público nin ten medios de comunicación, nin ten recursos para manipular. “Só temos a posibilidade de explicar o que implica e son as familias as que se decatan de que estas probas nada valen e de que ninguén mellor que o profesorado sabe que tipo de reforzo precisa o alumnado”.
Tamén cuestionou as palabras do conselleiro, que dixo que os resultados destas probas non serían utilizados para facer un ranking de centros, senón para saber que tipo de reforzo precisan. “Os centros saben perfectamente cales son as súas necesidades sen ter que facer esas probas, pero a autoridade educativa non atendeu as demandas de máis de 200 que ao comezo de curso solicitaron máis medios, ou dos máis de 250 que tampouco tiveron o profesorado que demandaban”, concluíu.