A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Pública continuará coas mobilizacións “até derrogar a LOMCE e as reválidas”
Neste sentido, o portavoz da plataforma, Anxo Louzao, presentou o manifesto no que se sintetizan as razóns polas que a PGDEP se opón non só á LOMCE senón tamén á imposición das reválidas.
Louzao denunciou que a consellaría de Educación é unha administración “submisa” aos mandatos do Ministerio de Educación, toda vez que xa hai administracións educativas que anunciaron que non implantarán as reválidas.
Por iso considerou un “desatino”, tanto da Administración educativa galega como do Ministerio, pór en marcha unhas probas que van afectar ao alumnado de 4º da ESO e ao de 2º de Bacharelato, porque non saben aínda en que van consistir e porque, ademais, no caso de bacharelato, serán necesarias para acceder á universidade.
Diante disto, asegurou que “a PGDEP reafírmase en que se teñen que paralizar estas probas, sobre todo cando xa houbo un rexeitamento absoluto, con máis dun 80% de familias que non levaron os seus fillos e fillas a realizar estas probas tanto en terceiro como en sexto de Primaria”.
Louzao alertou de que en 2018 as reválidas si terán valor académico e que será necesario superalas para obter os títulos. “Isto supón un prexuízo para o alumnado e atenta contra a igualdade de oportunidades porque os máis afectados serán os alumnos e alumnas das clases populares, que terán máis dificultades para acceder a niveis superiores no sistema educativo”, afirmou.
O portavoz da PGDEP denunciou ademais que, ao tratarse de probas que se elaboran atendendo a criterios uniformes, non terán en conta todas aquelas materias ou contidos referidos “á nosa realidade diferenciada como pobo” e que, por tanto, imporán unha maior “centralización e españolización do sistema educativo”. Isto xunto coa “desvalorización do labor docente” que implica facer depender dun único exame e dunha avaliación externa a cualificación do alumnado.
Accións que se van desenvolver
Anxo Louzao anunciou que, diante disto, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público continuará coa recollida de sinaturas contra a LOMCE e as reválidas e con charlas informativas nos centros. Xunto a isto, presentará mocións nos concellos e solicitará entrevistas cos grupos parlamentarios, ademais de desenvolver accións concretas nas redes sociais.
Ademais, o vindeiro xoves, día 13 de outubro, realizará un acto simbólico, coa entrega no rexistro de cabazas para a consellaría de Educación e o seu titular, polo seu “inmenso suspenso pola súa obstinación en aplicar as reválidas”.
Tamén están previstas, para o día 20 de outubro, concentracións de alumnado e profesorado nos centros de ensino, durante a hora do recreo, para amosar o seu rexeitamento á LOMCE coincidindo coa celebración dun referendo convocado por ERGUER –que forma parte da PGDEP- ao que está chamado a participar o alumnado de diversos centros do país.
Ademais pedirase aos centros que penduren en lugares visíbeis pancartas co lema “Nin reválidas nin LOMCE”.
Manifesto
“NON ÁS REVÁLIDAS”
- O estabelecemento da proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as reválidas en 4º da ESO e en bacharelato, que son requisito imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes, pretenden pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Responden, exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación, cando xa hoxe o ensino público carece de elementos compensatorios para facer efectivo e real o principio de igualdade de oportunidades.
- É unha tiranía exixirlle ao alumnado que se xogue o seu futuro académico co resultado dunha reválida. É unha aberración, desde o punto de vista pedagóxico, sometelo a unha presión innecesaria, mediante probas que o vai avaliar baixo estándares uniformizadores, sen considerar a educación como un proceso no que hai que considerar as circunstancias persoais e socioeconómicas e as capacidades e actitudes do alumnado.
- Só avalían certas áreas de coñecemento, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico e musical e refusando o ensino da nosa historia e medio natural, imprescindíbel para a formación integral do alumnado.
- Recentralizan o sistema educativo, dado que a elaboración e deseño das probas, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliábeis serán fixados polo Ministerio de Educación, rexeitando así o estudo e coñecemento de todo o que nos conforma como pobo galego.
- Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente, cando ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.
- Subestiman e desconfían do traballo do profesorado que estará totalmente sometido e condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais para acadar unha formación o máis completa posíbel.
- Responden á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista que contará con máis medios e recursos
- Pretenden ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e asentará unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.
- Continúan cunha desconsideración absoluta co alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, co profesorado que o atende e coas súas familias, deixando á improvisación todo o relacionado coa organización das probas para este colectivo.