A Plataforma Galega Emerxencia Dependencia convoca unha protesta no Parlamento por unha atención digna
A Plataforma Galega Emerxencia Dependencia, por unha Atención Digna á Dependencia (da que a CIG fai parte) ten convocada unha concentración o luns 17 de novembro, ás 11:00 horas, diante do Parlamento de Galiza para esixir políticas públicas xustas e unha atención digna ás persoas dependentes.
A mobilización ten como obxectivo denunciar a grave situación de emerxencia que vive o sistema galego de atención á dependencia, marcado por longas listas de espera, demoras de máis dun ano na tramitación dos expedientes e falta de recursos humanos e materiais.
A día de hoxe, as persoas dependentes deben agardar de media ao redor dun ano, para recibir unha prestación que, segundo a lei, debería resolverse en 180 días, e moitas persoas falecen mentres esperan pola dependencia. Galiza é a comunidade autónoma con menor número de solicitudes de dependencia por persoa potencialmente dependente, segundo os datos que publica o IMSERSO (Instituto de Mayores y Servicios Sociales) sobre o Sistema para la Autonomía y Atención a la Dependencia (SAAD).
A Plataforma critica a reforma da Lei 13/2008 de Servizos Sociais aprobada pola Xunta “pola porta de atrás”, sen diálogo coas organizacións e entidades sociais, e alertan de que esta modificación “reduce dereitos e abre a porta á privatización encuberta do sistema”. “A dependencia e os coidados non poden agardar. Queremos servizos públicos, non bonos”, sinalamos dende a organización.
Entre as principais demandas da Plataforma destacan:
- A revogación das modificacións da Lei 13/2008 e a creación dun sistema público galego de atención á dependencia.
- Incremento urxente de persoal para as valoracións e tramitacións de dependencia e discapacidade.
- Aumento dos orzamentos sociais e creación de máis prazas en centros públicos, residencias e servizos de atención no fogar.
- Creación dun sistema público de atención a Dependencia.
- Convocatoria inmediata do Consello Galego de Benestar Social coa presenza da Conselleira de Política Social e Igualdade.
A Plataforma fai un chamamento á cidadanía, organizacións sociais e forzas políticas para sumarse á concentración do 17 de novembro e defender “un sistema público forte, xusto e digno para todas as persoas en situación de dependencia”.
No marco das accións reivindicativas, o colectivo iniciou unha rolda de contactos cos grupos parlamentares co obxectivo de trasladarlles directamente as súas demandas e propostas para mellorar o sistema galego de atención á dependencia.