"Pola paz e a soberanía dos pobos. Non á guerra!"
Diante do inicio do conflito bélico en Ucraína, a Plataforma Galega contra a OTAN (da que fai parte a CIG) desenvolveu na tarde deste venres unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña baixo o lema "Pola paz e a soberanía dos pobos. Non á guerra!".
A Plataforma Galega contra a OTAN condena a intervención militar de Rusia en territorio ucraíno, que pode dar lugar a unha escalada bélica na rexión de consecuencias imprevisíbeis, e demanda o cese inmediato dos combates e volver á vía diplomática como única vía para a resolución deste conflito.
Pois, salientan, a guerra "nunca é a solución e só serve aos intereses imperialistas. O único camiño é a desescalada militar e unha política de paz, que require apostar sempre no diálogo nos esforzos diplomáticos, no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz".
A este respecto, denuncia tamén as accións previas provocadoras e de acoso por parte do exército da Ucraína contra as repúblicas de Donestk e Lugansk, cunha clara intencionalidade de iniciar unha nova guerra, logo dos bombardeos sobre a liña do alto ao fogo que se establecera nos acordos de Minsk, e o incremento de despregue das forzas da OTAN en todo o territorio de Ucraína. Está contrastada a presenza de tropas dos EUA, Inglaterra, Polonia e outros países da OTAN.
E nesta liña, a Plataforma galega critica o silenciamento pola prensa occidental destes ataques previos, a pesar dos informes que así o confirmaron por parte dos observadores da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) despregados sobre o territorio.
A UE máis preocupada polas consecuencias económicas que polas condicións da poboación
Para a Plataforma resulta "lamentábel" o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, "como monicreque" dos intereses da OTAN e os EUA, "verdadeiro artífice deste relato previo e que asumirá o mando e as decisións sobre o transcurso desta guerra, como sempre, afastada do seu territorio, e para beneficio dos seus intereses, tanto xeo-estratéxicos contra Rusia, como económicos, para poñer freo á súa merma da capacidade hexemónica a nivel mundial, diante do medre doutras potencias, como China ou a propia Rusia, e pola actual crise sistémica do capitalismo".
Mentres, a Unión Europea e o seu portavoz para asuntos Exteriores, Josep Borrell, "súmanse ás declaracións ameazantes, que crean aínda máis tensión, e parecen preocuparse máis polas consecuencias económicas, e políticas, no canto de preocuparse polas gravísimas consecuencias que pode traer para a poboación, a estabilidade na rexión e, en definitiva, a paz mundial".
Por iso, o colectivo demanda o compromiso de non incorporación de Ucraína á OTAN, en consonancia cos acordos de Minsk, e a retirada do exército ruso do Dombass, coa volta ao seu territorio; así como o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk. Pois o principio de integridade dos estados nunca pode estar por riba da vontade dos pobos e a comunidade internacional "debe respectar e apoiar o que a poboación de Dombass queira ser ou queira deixar de ser".
Finalmente, a Plataforma reclama a neutralidade activa do estado español neste conflito, e a retirada inmediata das tropas españolas enviadas á zona. A mellor contribución que pode facer o Estado español á resolución deste conflito, pasa por apoiar e reforzar a vía diplomática, "respectando o sentir maioritario que o pobo ten manifestado en múltiples ocasións berrando nas rúas, como agora facemos de novo NON Á GUERRA!".