A Plataforma de auxiliares de Alcoa insta os grupos políticos da comarca a aprobar mocións en defensa do emprego
A plataforma coordinadora de auxiliares de Alcoa San Cibrao dirixiuse aos tres grupos políticos maioritarios na Mariña para solicitarlles que se presenten mocións nos concellos da comarca a favor do mantemento de todos os postos de traballo na industria auxiliar da multinacional norteamericana.
Lembran que o persoal das contratas representa “o 50% da masa de traballadores e traballadoras da factoría, cun total de 1000 postos”. Porén, coa decisión de Alcao de non realiza ra rebrascaxe das cubas que chegan oa final da súa vida útil “vemos como comeza o principio da fin da actividade na fábrica e os primeiros en pagar a factura somos os traballadores/as das auxiliares”.
Diante disto, colectivo chama a non permitir que o principal motor económico da comarca “morra ou que elimine o 50% dos empregos”, polo que demandan dos grupos políticos que aproben mocións de rexeitamento á medida anunciada por Alcoa e de apoio institucional aos 50 traballadores de auxiliares que xa se viron afectados por esta decisión e que xa entraron nun ERTE.
De igual maneira, piden ás corporacións locais que soliciten a mediación da Xunta de Galiza para evitar que sexa efectiva a decisión da multinacional “e se busque unha solución para que non paren as cubas, así como para que ningún traballador/a de empresas auxiliares perda o seu posto”. Na mesma liña, piden que se demande do Goberno español “a súa inmediata intervención para que a multinacional non deixe morrer a nosa factoría, esta recupere o 100% da actividade e non se perda ningún emprego”.