A Plataforma da Mariña chama á participación masiva na marcha do día 19 contra o desmantelamento da sanidade pública
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha manifestación o próximo xoves 19 de xaneiro en Burela para reclamar a recuperación da área sanitaria e unha Atención Hospitalaria e Primaria de calidade, con persoal e recursos suficientes. A marcha sairá ás 20 horas dende a entrada principal do Hospital da Mariña e, baixo o lema "Contra o desmantelamento da sanidade pública", discorrerá até a Praza do Concello.
A plataforma chama a participar masivamente a toda a cidadanía da comarca na mobilización "porque a privatización dos servizos sanitarios non é unha opción, exiximos unha sanidade pública gratuíta, equitativa, universal, de calidade e de proximidade".
Nunha comparecencia para os medios, a voceira da Plataforma e secretaria local da CIG-Saúde, Montse Porteiro, subliñou que a comarca "ten moitos motivos para saír á rúa", lembrando que pasados cinco anos da eliminación da Mariña como área sanitaria, "a nosa sanidade pública é mais precaria, máis afastada das persoas e está próxima ao seu total desmantelamento".
Critica que o Goberno do PP aprobou no ano 2018 unha lei sanitaria sen consenso nin apoio político e social que supuxo a desaparición das áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Salnés, Valdeorras e Verín. Esta decisión da Xunta, contra da que a comarca se mobilizou de maneira masiva, "trouxo consigo a centralización da maior parte dos servizos na macroárea de Lugo, afastando a asistencia sanitaria das persoas".
Faltan servizos no Hospital e aumentan as derivacións a Lugo
En propagando quedaron as declaracións dos líderes do PP mariñao afirmando que a supresión da área sanitaria non suporía cambios para as e os usuarios e afirmando incluso que este cambio traería máis e mellores servizos. Cinco anos despois a realidade deixa unha atención hospitalaria chega de eivas, con listas de agarda de até dous ou tres anos para consultas en cardioloxía, traumatoloxía, uroloxía, reumatoloxía ou para facer unha simple ecografía.
Incrementáronse as derivacións de doentes a Lugo para a realización de probas como radiografías panorámicas dentais, densitometrías, electromiografías ou intervencións coma marcapasos ou varices. Mentres, engade Porteiro, o Hospital da Mariña "carece de servizos básicos como unha consulta de cirurxía vascular que evite os desprazamentos a Lugo para facer probas sinxelas como un doppler ou o seguimento de certas patoloxías; tamén carecemos de terapia ocupacional ou de fisioterapia respiratoria infantil".
No caso da saúde mental, como consecuencia directa de non ter área sanitaria propia, A Mariña non dispón de unidade de prevención de suicidios nin hospital de día infantoxuvenil, "unidades recentemente creadas en Lugo e que, en palabras do conselleiro de Sanidade habería en todas as áreas sanitarias. Pero nós xa non o somos".
A comarca tampouco dispoñemos de unidade de agudos, "tendo que ser trasladadas a Lugo todas as persoas que teñen calquera brote de agudización da súa enfermidade mental ou que debutan cunha enfermidade mental de xeito agudo".
A isto súmase que a "logopedia sigue a estar en mans privadas".
Os centros de saúde, en estado caótico
A Plataforma alerta tamén dos numerosos déficits e da situación caótica na que se atopa a Atención Primaria, que acumula unha lista de agarda de até 15 días para poder acceder a unha consulta. Unha demora intolerábel "tendo en conta que os procesos susceptíbeis de atención no nivel básico de saúde deberían ter resposta como moi tarde en 48 horas".
Estes atrasos, explica, danse porque segue sen substituírse ao persoal ausente por permisos, vacacións ou baixas "chegando a situacións insostíbeis para os centros , con máis do 50% do persoal médico de familia sen cobertura, centros cun só facultativo dun total de dez (é dicir precticamente en peche funcional), e mesmo centros sen ningún/ha facultativo/a".
Dende hai dous anos tampouco hai persoal médico nin de enfermería para a atención das persoas desprazadas nos meses de maior presión poboacional, "sobrecargando aínda máis a un persoal xa exhausto". Neste senso, denuncian que o persoal médico leva moito tempo atendendo a un número de persoas moi superior ás recomendacións (chegouse até 83 persoas en quenda de mañá), incrementándose o risco de cometer erros e imposibilitandounha atención de calidade.
A pediatría está en situación límite, e nos centros de saúde non hai profesionais pediatra cando faltan as persoas titulares. "Neses casos derívase a atención pediátrica ao servizo de urxencias do hospital (sobrecargando innecesariamente o seguinte nivel asistencial) ou obrigando as familias a acudir a consultas privadas, se teñen medios, creando polo tanto desigualdades", critican.
Por todos estas razóns, a Plataforma lanza un chamamento "ao persoal sanitario, á industria, aos sectores produtivos, ao comercio e hostalería, aos alcaldes e alcaldesas, ás corporacións municipais, ao tecido asociativo e, ao fin, a toda a sociedade mariñá para que acuda o vindeiro día 19 de xaneiro á manifestación que sairá ás 20 horas do Hospital da Mariña".
Sobre a importancia da mobilización, o colectivo lembra que foi a loita multitudinaria e continuada a que logrou que os recortes non foran aínda máis profundos e que o hospital se fora ampliando. Grazas á mobilización social, indican, proximamente colocarán unha resonancia fixa, que é unha reclamación histórica da plataforma e que non estaba no plans da Xunta "pero que se vai facer grazas a fondos europeos que teñen que investirse e estar en funcionamento neste ano".
4000 sinaturas en apoio á ILP pola Atención Primaria
Na comparecencia para os medios, a Plataforma resaltou tamén que a recollida de sinaturas en apoio á ILP de medidas urxentes para fortalecer a Atención Primaria, promovida por SOS Sanidade Pública, está a ser un éxito tanto na comarca como no conxunto do país. Só na Mariña xa foron recollidas preto de 4000 sinaturas.
Por iso, agradeceron a boa disposición que tivo a veciñanza da comarca tanto para apoiar a iniciativa como para participar nas diferentes concentracións convocadas por este motivo dende o verán. A Plataforma aclarou que as sinaturas aínda se seguirán recollendo até despois .