A plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao aposta por manter a folga

Denuncia que moitas das compañías non están a renovar os contratos “porque o futuro da fábrica é incerto”
Cervo - 29 Dec 2020

A plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao aposta por manter a folga indefinida, tal e como comunicou ao remate da xuntanza extraordinaria celebrada hoxe para analizar a situación actual das compañías auxiliares derivada do ERE en Alcoa. Considera que a sentenza do TSXG “é un paso positivo e importante, mais non elimina a problemática principal nin obriga a Alcoa á reactivación do 100% da fábrica”.

Dende a plataforma lamentan que debido á “teimosía” de Alcoa moitas empresas non están a renovar os contratos dos seus traballadores/as, “xa que o futuro da planta é incerto e non hai previsión estábel de traballo”. Por iso ven necesario manter a medida de presión, “tal e como o farán os compañeiros/as de Alcoa”, até que todos/as os traballadores/as volvan ao seu posto de traballo “ou haxa unha garantía de rendemento pleno da factoría”. 

Alcoa ten que sentar a negociar de boa fe, reactivar a planta e cesar nos recortes en investimento

Lembran que dende o pasado mes de abril, cando Alcoa anunciou o paro das labores de rebrascaxe de cubas, case medio cento de empregados/as das compañías auxiliares están en ERTE, “e a día de hoxe non saben cando volverán ao seu posto de traballo, se é que volven algún día”.

Por iso subscriben as palabras do comité de empresa de Alcoa no sentido de que “é imprescindíbel que a transnacional sente a negociar de boa fe, reactive a planta e cese nos recortes en investimento, recortes que están a provocar que pouco a pouco se vaian perdendo postos de traballo, tanto na planta de aluminio como na de alumina”.

Discriminación

Por outra banda, denuncian a discriminación do persoal das auxiliares por parte de Alcoa no que ten que ver co servizo de comedor. “Queremos lembrar que temos gañado o dereito ao seu goce en sentenza xudicial, mais despois de todos estes meses pechado, cando volven reabrilo fano cun sistema que impide que poidamos exercer o noso dereito”.

Neste senso, adiantan que a situación agravarase máis se o próximo día 4 se retoma a xornada partida e o comedor queda na situación actual. Así que se preguntan onde van comer os 1000 operarios/as das empresas auxiliares e se Alcoa vai deixar a tanta xente sen a posibilidade de facelo.

Finalmente, auguran que por diante quedan “moitos meses de loita” e amosan o seu desexo de que o ano 2021 veña “cargado de forza e ilusión para continuar nesta batalla”.