A Plataforma 112-061 intensificará as mobilizacións ante a “inacción” da Xunta

Denuncia a vulneración dos dereitos fundamentais de manifestación e liberdade de expresión
Nacional - 31 Mar 2017

A Plataforma contra o traslado das centrais de urxencias e emerxencias á Estrada, constituída por persoal de xestión de emerxencias do 112 e do 061, compareceu esta mañá en rolda de prensa despois de que o subdelegación do goberno prohibise a súa última mobilización, prevista para o pasado sábado na Estrada, e de que o alcalde da Estrada, José López, realizase unha serie de declaracións nas que acusaba a plataforma de “mala actitude” e se comprometía a facer todo o posible para que o traslado se realizase nas condicións óptimas.

Despois de que, o mes pasado, o persoal do plataforma fixese públicos os problemas de funcionamento do novo programa de xestión de emerxencias que entrará en servizo no centro estradense e acusase á Vicepresidencia (a responsable última do 112) de actúar sen un plan e sen prever posíbeis continxencias, a Xunta de Galicia optou por retrasar o traslado un mes, ata este 18 de abril.

Persisten os fallos da plataforma informática

Porén, os traballadores directamente afectados denuncian que, a día de hoxe, o programa informático continúa a presentar erros graves de funcionamento e que a Xunta continúa sen facer público o seu plan.

“A insistencia nesa data por parte da Xunta continúa a ser temeraria: se o programa non funciona e temos que traballar manualmente, os tempos de resposta vanse disparar”, asegurou Isabel Moares, presidenta do Comité de Empresa do 112 e unha das portavoces da Plataforma, quen tamén lembrou que, “cando temos nas nosas mans unha vida ou a seguridade das persoas, cada segundo é fundamental”.

Pola súa banda o presidente da Xunta de Persoal do 061, Mario Otero,recalcou que, “no 061 continuamos á espera de que o Sergas convoque a mesa de negociación que prometeron”.


Xunto a isto, Mario Otero considerou que “as declaracións do alcalde da Estrada son, como mínimo, irresponsábeis e evidencian o absoluto descoñecemento das reivindicacións da plataforma”.

Na tarde de onte, 30 de marzo, a plataforma reuniuse co alcalde, José López, para coñecer, de maneira directa, os pasos que o concello da Estrada tiña dado para que o traslado se realizase nas condicións axeitadas. “O que comprobamos, sen moita sorpresa, é que, ademais de non ter feito absolutamente nada, López insistiu unha e outra vez en que a Xunta non ten obriga ningunha cos traballadores afectados”, declarou Isabel Moares.

Desde a Plataforma lembran que foi a Dirección Xeral de Interior a que adquiriu os seus propios compromisos ao especificar a existencia dunha partida orzamentaria para que o traslado fose o “menos oneroso posible”, e que no momento de concretar esa partida, foi a Xunta a que se levantou da mesa de negociacións.

Perda dun 14% en salarios maioritariamente mileuristas

Segundo os cálculos da Plataforma, os gastos para o persoal derivados do traslado serán de arredor de 14% do seu salario, só en desprazamentos. Por iso Moares insistiu en que “hai que entender que a maioría do persoal afectado non chega a mil euros de salario mensual, traballando 365 días, 24 horas, incluídas noites, festivos, domingos, etc. e que o traslado vai recaer sobre ese salario”.

Neste sentido Mario Otero “quen creou este problema, que non existía, foi a Xunta. E quen o pode solucionar é a Xunta. Ou paralizan o traslado, ou que o paguen. Nós non pedimos outra cousa”.

Incremento das mobilizacións

Mentres non sexan atendidas as súas peticións, a Plataforma xa anunciou que incrementará as mobilizacións, sen descartar ningunha medida de presión, aínda que asegurou, por voz de Mario Otero que “non facemos isto por gusto. O normal sería que a Xunta se sentase a negociar, pero non o fai. É a súa actitude a que nos levou a isto”.