A planta de reciclaxe de Albada, na Coruña, non recicla, manda todo ao vertedoiro
Todos os residuos sólidos urbanos que as veciñas e veciños da Coruña separan nas súas casas acabarán no vertedoiro de Grixalba, en Sobrado dos Monxes, de non se reverter a situación actual xa que non hai persoal nas cintas para separar os refugallos, recuperalos e darlles unha segunda vida. Así o denuncia o comité de empresa de Babcok Kommunal e Técnicas Medio ambientais TECMED SA, UTE (Albada).
Segundo explica o presidente do comité, Hadrián Canosa, falta persoal e a empresa nin sequera cubriu os postos das traballadoras/es que se xubilaron. Atribúe este desleixo por parte da empresa, que incumpre así o obxectivo da planta, que é reciclar, ao feito de estar en prórroga forzosa.
Nova licitación urxente
A empresa rematou xa o contrato que tiña por 20 anos e o comité urxe ao concello a que saque canto antes a licitación e os novos pregos de condicións, non só polo seu mal funcionamento e por converter a que tería que ser unha planta de reciclaxe noutra de transferencia, senón tamén polas consecuencias económicas que ten para as traballadoras e traballadores e para o propio concello.
Neste sentido, Canosa explica que “ao grave problema de conxelación salarial que padecemos desde 2013 súmaselle que ao non haber recuperación o persoal deixa de percibir a paga de produtividade, o que reduce aínda máis os seus ingresos nun momento no que aínda por riba a inflación está disparada”. Isto ten consecuencias parellas para as arcas municipais porque “unha parte do que se recicla tamén se lle abona ao concello”.
O comité demanda do concello a adopción de todas as medidas necesarias para que se garanta o correcto funcionamento da planta.