O Pacto pola Educación só busca maquillar a lei para que se asuma socialmente
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que apoiou a folga e as manifestacións convocadas pola organización estudantil ERGUER, celebrou a última hora desta tarde concentracións nas sete cidades e en vilas como Cangas, Cee, Carballo ou Vilagarcía. Toda unha serie de mobilizacións coas que exixiu a inmediata derrogación da LOMCE e a apertura dun diálogo con toda a comunidade educativa para elaborar unha nova lei que teña en conta as necesidades do sistema educativo.
Na concentración celebrada en Compostela, o portavoz da plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou que malia a “os anuncios propagandísticos” do goberno do PP, “nin se derrogou a LOMCE, nin se derrogaron as reválidas”. Advertiu que o único que se fixo polo momento, pola presión das mobilizacións, foi adiar as reválidas e que, en todo caso, “as novas PAUS son unha mostra do desprezo do Ministerio de Educación e da Consellaría de educación cara o profesorado e o alumnado” que non coñeceu o seu contido até o segundo trimestre do curso.
Louzao denunciou ademais que esas probas introducen importantes mudanzas respecto das anteriores PAUS e que mesmo a esta altura de curso aínda hoxe hai importantes cuestións que resolver.
Lei Galega de Educación
En nome da PGDEP valorou moi positivamente o seguimento da folga convocada por ERGUER, Estudantes de Galiza, que cifrou nun 90% en secundaria. Un respaldo que, ao seu entender, “evidencia o rexeitamento, case unánime, á LOMCE e aos recortes educativos” e que avala ademais a súa demanda dunha Lei galega de Educación que teña en conta as necesidades do noso sistema educativo, restitúa os dereitos do profesorado e garanta unha educación de calidade.
E é que coa convocatoria desta nova xornada de folga no ensino ademais de exixir a derrogación da LOMCE tamén se demandaba unha Lei galega de Educación que atenda as necesidades do sistema educativo galego.
Pacto pola Educación
O portavoz da PGDEP e secretario nacional da CIG-Ensino cuestionou tamén o Pacto pola Educación presentado polo Ministerio “de forma propagandística”. A este respecto denunciou que é “unha fraude” porque “tanto a súa concepción, como os seus obxectivos, nada teñen que ver coas nosas demandas”.
Para a PGDEP calquera Pacto pola educación tería que partir da derrogación da LOMCE e “non maquillala, como pretenden, para que sexa asumida socialmente”, máis cando, tal e como lembrou Louzao, “é a lei de educación que sumou máis rexeitamentos desde a transición”.
Xunto a isto denunciou que ese Pacto “non vai cuestionar os alicerces da LOMCE”, nin tampouco propiciar a apertura dun debate sobre as necesidades reais do sistema educativo., que pasan por, entre outros, incrementar o profesorado, cunha oferta de emprego público que vaia máis alá dunhas taxas de reposición; reducir as ratios; achegar o orzamento necesario, dun 7% do PIB, ao ensino público; dotar de persoal administrativo os centros; garantir a igualdade de oportunidades; procurar a equidade, convertendo así a educación nun elemento da transformación social; recoñecer o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do estado español e os valores que nos conforman como pobo cunha identidade e unha lingua.