A pesca galega clama en Cangas contra os proxectos de instalación de eólica mariña
A lonxa de Cangas acolleu este sábado unha nova mobilización en defensa do futuro da pesca e dos territorios costeiros dependentes desta actividade e para alertar do impacto que terán sobre os ecosistemas os proxectos de implantación da enerxía eólica mariña. A concentración, convocada pola Confraría de Pescadores San Xosé, desenvolveuse ao mediodía e contou co apoio de distintas organizacións, entre elas a CIG.
Dende a CIG reiteran que o actual modelo de implantación de enerxías renovábeis carece dun desenvolvemento ordenado, racional ou planificado e non obedece ás necesidades do país, nin respecta ás persoas nin o medio ambiente. Pola contra, reforza a concentración do poder da produción e da distribución de electricidade en mans de multinacionais foráneas da enerxía que se lucran a conta de espoliar o territorio e asoballar o pobo galego.
Por iso reclámanlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que atenda as alegacións presentadas ao RD polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, nas que, entre outras moitas cuestións, a central sindical propuxo que se exclúan da eólica mariña os territorios que no ano anterior cumpriran os obxectivos de produción eléctrica con renovábeis fixados no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) de aplicación.
Na CIG entenden que deste xeito se poderían preservar as nosas costas das instalacións de eólica mariña, tendo en conta a potencia xa instalada e que Galiza cumpre sobradamente os obxectivos establecidos.
A central dirixiuse ao MITECO para solicitar a súa inclusión na mesa de traballo constituída o pasado mes para tratar co sector o desenvolvemento dos proxectos de eólica mariña e tamén trasladou unha petición de reunión coa ministra que, malia fontes ministeriais anticipar que se celebraría, “aínda seguimos agardando que se concrete unha data”.
Porque "un modelo enerxético sustentábel non pode poñer en perigo aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación, non garantir que non existan repercusións negativas de carácter ambiental e ecolóxico, nin supor un prexuízo económico e social irreversíbel".
A este respecto, denuncia que os plans de ordenación mariña aprobados polo MITECO, tal e como están concibidos, constitúen un retroceso, xa que non son compatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños. Contra estes plans a CIG formulou unha serie de alegacións que non foron atendidas, e a Plataforma da Pesca e dos Ecosistemas Mariños ten interposto varias reclamacións e recursos xudiciais.
No actual escenario, a central chama a continuar coas mobilizacións para conseguir unha Galiza libre de eólica mariña e para reclamar un modelo enerxético realmente xusto e sustentábel, que entenda a enerxía como un dereito fundamental da sociedade e dos pobos para ter unha vida digna e que poña o interese social, o ben público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación.