A perigosa militarización da rexión do Indo-Pacífico
Na súa estratexia por manter a hexemonía mundial, os Estados Unidos apostan por estender a actuación da OTAN cara á rexión do Indo-Pacífico. Con ese obxectivo, Washington está a facer uso dunha rede de alianzas xa existentes e definindo a futura estrutura da propia Alianza Atlántica
O Indo-Pacífico está a moldear cada vez máis a realidade xeopolítica. A medida que se erosiona a supremacía estadounidense, unha multipolaridade volátil e cambios nas distribucións de poder continúan delineando as facetas desta rexión. Na etapa actual, nun mundo fragmentado e multipolar, o Indo-Pacífico converteuse nun concepto normativo e estratéxico moi valorado.
Na última década pasamos do concepto Asia-Pacífico ao de Indo-Pacífico. Este cambio representa a expansión dunha rexión a unha megarrexión. Se Asia-Pacífico xurdiu como concepto posterior á Guerra Fría impulsado por factores de integración económica, que tamén permitiron estreitar os lazos en materia de seguridade; na actualidade, a centralidade recae na rexión chamada Indo-Pacífico, pasando dun proceso económico a un impulsado sobre todo pola seguridade. Para comprendermos a perspectiva do Indo-Pacífico como unha rexión xeográfica emerxente en estratexias, vemos un mosaico de diálogos bilaterais, trilaterais e multilaterais que configuraron unha especie de sopa de letras de organismos e acordos impulsados polos Estados Unidos.
O camiño da OTAN cara á rexión
Dous dos puntais de Washington para redefinir e limitar a influencia de China na rexión, son QUAD e Aukus. Este pasado agosto, unha reunión trilateral (os EUA, Xapón e Corea do Sur) deu pé ao chamado «espírito de Camp David», que pretende reforzar outra trilateral xa existente (o EUA, Xapón e Australia).
A organización militar atlantista publicou en 2022 o seu “Concepto estratéxico”, onde a rexión Indo-Pacífico ocupaba un lugar destacado. Sinalaba que esas organizacións forman outro elo na rede de expansión de lazos militares entre os EUA, os seus aliados europeos e os locais, todo iso no contexto da evolución do alcance territorial da OTAN nos últimos anos.
Probablemente se estea a buscar unha arquitectura de seguridade institucionalizada. O enfoque inicial é a creación de algo similar á OTAN, pero que, en principio, non tería a mesma forma ou substancia que a actual alianza militar atlantista. Polo momento, a OTAN estaría a forxar na rexión asociacións estratéxicas con Estados de «ideas afíns». Australia, Nova Zelandia, Corea do Sur e Xapón estaríanse xa en pleno proceso de transición pasando de ser «socios globais» da Alianza Atlántica a se converteren en parte dun acordo máis estreito denominado «programas de asociación personalizados individualmente».
Beneficiados e damnificados da estratexia militarista
É evidente que os EUA crearon estas ferramentas ou organizacións no marco da súa estratexia para rodear e presionar a China, o que algúns analistas definen como «imperialismo conceptual». A clave de Washington é manter os seus intereses de seguridade e, sobre todo, as bases militares que ten na rexión.
Tamén obteñen ganancias as empresas armamentísticas, contratistas de seguridade privada militar, empresas de loxística, apoiadas na colaboración manipuladora de grandes grupos de comunicación e de intereses.
Un dos damnificados é a propia diplomacia, xa que na letra pequena se observa unha tendencia cara á súa privatización.
Un dos grandes perdedores dese seguidismo é Europa, onde moitas voces xa advirten de que mentres que para os EUA unha viraxe da OTAN cara á rexión ten efectos máis que significativos, é difícil atopalos no caso de Europa.
A Asean é outro dos danos colaterais da estratexia de Washington. Sustentada nun equilibrio de poder, nun novo contexto multipolar e non baseado en dous eixos (China e os EUA) esta ferramenta aposta por moitos polos para evitar unha hexemonía dos dous actores máis importantes. Os chamados actores rexionais poden ter máis influencia, xa que diversificar socios e alianzas trae unha menor dependencia. Asean funciona mellor ou peor, pero conforme a idea para a que foi concibida, xestiona disputas e conflitos entre os seus membros, e evita as interferencias de potencias estranxeiras. Porén, as manobras desde Washington teiman en buscar a súa división e enfraquecemento.
Outro dos damnificados é a propia diplomacia, xa que na letra pequena se observa unha tendencia cara á privatización da diplomacia, subcontratando e deixando en mans do sector privado e think tanks as liñas políticas que marcarán a estratexia en enerxía, tecnoloxías críticas, cadeas de abastecemento...
Sobre esta rexión pende o chamado «dilema da seguridade», e se China percibe un aumento da ameaza na súa contra podería tomar medidas para impulsar as súas propias alianzas e un desenvolvemento maior en clave militar.
A estratexia da OTAN para a rexión pode abrir a porta a un abano de riscos que porían en perigo a paz e a estabilidade mundial.
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 5 de outubro de 2023]