A Pax Americana e a orde multipolar

Adrián Sotelo Valencia - 10 Mai 2023

A inesperada chegada da Covid-19, o xurdimento da guerra en Ucraína, o incremento da inflación e a crise enerxética mundial, cristalizarán e profundarán aínda máis as axitadas e xigantescas ondas da crise capitalista global que precipita o sistema cara á súa decadencia histórica

 Moitos sentiron ledicia coa desintegración da Unión Soviética a primeiros da década dos noventa do século pasado, cando o daquela presidente socialdemócrata, Mikhail Gorbachov, iniciou un proceso chamado de «apertura política» (glásnost) e de «reestruturación económica» (perestroika) que conduciu á desintegración da URSS, oficialmente recoñecida no Tratado de Belavezha (8 de decembro de 1991) polo que se disolvía a entidade soviética e se substituía pola Comunidade de Estados Independentes (CEI) que máis tarde, o 25 de decembro de 1991, se denominou (a actual) Federación de Rusia.

 Desde diversos sectores da esquerda, pasando pola socialdemocracia, até as dereitas e ultradereitas celebraron xubilosas a hecatombe do “autoritarismo” e a chegada da presunta “democracia” instaurada co novo réxime. Para o mundo occidental e, abofé, para o imperialismo norteamericano que reafirmaba o seu unilateralismo baixo a súa supremacía e xeopolítica global, o mundo era de cor de rosa adobiado cun manto de grilandas que convencía mesmo os máis incrédulos do inminente triunfo do capitalismo sobre as «maléficas forzas escuras» do socialismo «causante» de todos os males e desgrazas da humanidade.

 Despois da Gran Guerra Patria, xurdiu a Pax Americana —que desde entón foi a era das matanzas, a violencia, os golpes de estado e as intervencións militares— que sitiou os Estados Unidos como a potencia supremacista indiscutíbel no mundo occidental e, por suposto, nas rexións de Asia, África e da Nosa América.

 O mundo socialista non só semellaba retroceder, senón mesmo desaparecer fronte ao fortalecemento do capitalismo e do imperialismo. Era a celebración do momento ao ritmo da fama do Consenso de Washington, ese esperpento estadounidense neoliberal encamiñado a impoñer ao mundo subdesenvolvido, coa submisa compracencia e colaboración das subordinadas lumpenburguesías e oligarquías dependentes, as políticas de austeridade e de axuste estrutural do Fondo Monetario e do Banco Mundial, baseadas no intercambio desigual, as transferencias de valor e plusvalor e na superexplotación da forza de traballo —agora estendida aos centros capitalistas avanzados. A utopía socialista e comunista transcendente de Marx, Engels e de Lenin sucumbía ante o embate ideolóxico da distopía protocapitalista duradeira promovida en coro por Schumpeter, Keynes, Hayek e Friedman.

 A Pax Americana, esa orde «autoritaria» económico-militar-hexemónica xurdida desde a aplicación do Plan Marshall, vixente desde o final da guerra e estendida durante a chamada guerra fría e a de Vietnam que derrotou o poderoso exército norteamericano, parecía, por designio divino, transcender os límites do tempo para se eternizar sen atrancos nin desequilibrios insuperábeis. Foi como un lóstrego xubiloso que os tanques do pensamento burgués-conservador erixiron en alborada para eternizar o capitalismo. O punto de inflexión foron os dourados anos noventa —precedidos da década perdida do oitenta e da irrupción da nova dereita anglosaxoa reaganiano-thatcheriana («No alternative»)— baixo a tutela do crecemento das dúas administracións de Bill Clinton cunha taxa media anual, segundo os ideólogos da New Economy, do 3.1% que a moitos lles pareceu un «período excepcional» e que, en verdade, non o foi, xa que durante as décadas dos sesenta e setenta do século pasado o seu crecemento media anual foi do 5%, moi similar ao da media da economía mundial.

 Mais axiña a miraxe do boom do tardocapitalismo, coa súa secuela de procesos de acumulación, concentración e centralización do capital, xunto co desenvolvemento a grande escala do progreso técnico, deu en esnaquizarse coa chegada da longa onda de tonalidade depresiva da economía mundial —que irrompeu a mediados da década dos setenta hipostasiada polo World System Analysis e a Teoría Marxista da Dependencia— e que practicamente se estende até a actualidade.

 A década do 2000 será o brusco espertar do soño monetarista e keynesiano do crecemento sostido e sistémico, para comezar a cabalgar no bulebule contraditorio e tráxico dunha realidade económica, política e social que bate ben nas clases traballadoras e proletarias de todo o planeta, ao influxo da crise estrutural, das constantes recesións e da chegada da crise financeira de 2008-2009 que pautará o camiño para o encontro dialéctico entre o esgotamento da Pax Americana, como sistema ideolóxico-político-militar de dominación imperialista.

 A inesperada chegada da Covid-19, o xurdimento da guerra en Ucraína, o incremento da inflación e a crise enerxética mundial, cristalizarán e profundarán aínda máis as axitadas e xigantescas ondas da crise capitalista global que precipita o sistema cara á súa decadencia histórica, pondo en dúbida —e esgotando por fin— o obsoleto e unilateral sistema imperialista occidental liderado polos Estados Unidos, fundado na Pax Americana e nos seus paradigmas hexemónicos e supremacistas no contexto da emerxencia de novas forzas e protagonistas nacionais, rexionais e globais construtores da nova orde multipolar que vén.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 10 de maio de 2023]