A patronal provincial teima en manter o conflito nas auxiliares ao impor condicións inasumíbeis
A patronal provincial do metal da Coruña volveu dar onte unha mostra de prepotencia e irresponsabilidade ao esixir condicións "imposíbeis de asumir" para aceptar a inclusión dos acordos que regulan as condicións do persoal das auxiliares de Navantia no texto do convenio colectivo. As agrupacións empresariais teiman en alongar o conflito, a pesar do pacto acado na Mesa do Naval de Ferrol entre as centrais sindicais e as industriais do sector, que era condición previa imposta pola patronal.
Tras máis de catro horas de reunión no Consello Galego de Relacións Laborais, a xuntanza deste mércores rematou sen ningún acordo, mais "para non rachar definitivamente coa mesa" as partes decidiron convocarse a unha nova reunión para o 6 de novembro.
Limitar a vixencia do acordo
Para a CIG-Industria de Ferrol a patronal está a boicotear a solución do conflito nas auxiliares, xa que pretenden incluír o plus como unha disposición transitoria até o 30 de novembro de 2019, o que suporía que a vixencia das táboas salariais decaería xusto cando o persoal debería cobrar o 100%. Cómpre lembrar que no acordo asinado esta semana establécese que aplicación dos incrementos se fará por tramos até finais de novembro de 2019.
Pero ademais, a patronal provincial pretenden que as empresas auxiliares se constitúan en patronal e se asine un convenio de auxiliares, que se incluiría no convenio provincial do metal como disposición adicional para os efectos dos pregos de contratación de Navantia.
"Nin o prazo marcado (pois a caducidade coincide co inicio do terceiro prazo), nin a obriga de promover un convenio de auxiliares con condicións asumíbeis", aseveran dende a CIG-Industria, máxime cando, por primeira vez en moitos anos, existe un entendemento entre as partes implicadas: traballadores/as e empresas do sector.
Asembleas de traballadores/as e proposta de mobilizacións
"A actuación da patronal provincial é dunha irresponsabilidade absoluta, negándose a regular as condicións laborais e salariais dun colectivo de miles de traballadores/as e alongando innecesariamente este conflito, cando o que se negocia nin sequera afecta ao persoal desas patronais", denuncian.
As organizacións sindicais van convocar asembleas conxuntas nos centros de traballo para informar polo miúdo do tratado na reunión e abordar os pasos a dar de cara á xuntanza do 6 de novembro. De feito, nas asembleas, as centrais sindicais proporán xa un calendario de mobilizacións para realizar nos vindeiros días.