A patronal do metal pontevedrés volve suspender a negociación do convenio para evitar unha protesta do comercio do metal

As centrais convocan unha nova mobilización o vindeiro martes 17 de febreiro en Vilaboa para rexeitar as propostas regresivas do empresariado
Vigo/Pontevedra - 10 Feb 2026

A patronal do metal da provincia de Pontevedra optou hoxe novamente por suspender a xuntanza da mesa de negociación do convenio colectivo para evitar unha protesta do sector do comercio do metal. Por outra banda, as centrais sindicais convocan unha concentración diante da empresa Recambios Ochoa en Vilaboa o vindeiro martes 17 de febreiro ás 11:00 horas para rexeitar as propostas regresivas do empresariado do comercio do metal, que pretende eliminar a cobertura das baixas ao 100% e impedir que o persoal con mellores condicións poida cobrar atrasos e incrementos salariais.

Ao igual que acontecera o pasado venres día 30, a patronal do sector do metal pontevedrés decidiu non asistiu á reunión que ía ter lugar no hotel Coia de Vigo ás 11:30 horas coa escusa de que ás portas do establecemento se estaba a producir unha protesta promovida pola CIG, CCOO e UGT para reclamar un convenio colectivo digno no comercio do metal da provincia. Malia que se trata de sectores distintos, as centrais sindicais querían aproveitar a presenza dos representantes da asociación empresarial ATRA -presente nas dúas mesas de negociación- para trasladarlles as súas reivindicacións.

En concreto, a total negativa a eliminar a cobertura do 100% dende a primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal e a suspender durante dous anos a aplicación de artigo que impide que as empresas poidan absorver os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte.

Para a parte social trátase de dúas cuestións fundamentais, polo que a CIG, CCOO e UGT optaron por abandonar a negociación mentres non sexan retiradas da mesa. Ao mesmo tempo, a asemblea de persoas traballadoras do sector acordou recentemente iniciar un calendario de mobilizacións e mesmo promover unha folga no caso de que non se produzan avances. A seguinte protesta terá lugar o vindeiro martes día 17 diante da empresa Recambios Ochoa no lugar de Balteiro, 7, na parroquia de Figueirido (Vilaboa), ás 11:30 horas.

Próxima xuntanza do metal

Tras non acudir á xuntanza desta mañá, a patronal do sector do metal pontevedrés contactou coas centrais sindicais para retomar as negociación do convenio o vindeiro mércores día 18. Dende a CIG- Industria xa adiantaran a posibilidade de propoñer protestas no caso de que o empresariado non continuase coas conversas e apostase por seguir dilatando o proceso, tal e como denunciou a central nacionalista despois da anterior suspensión da negociación.