A patronal do metal da Coruña segue sen garantir o poder adquisitivo dos salarios nin a subrogación
Despois das catro exitosas xornadas de folga desenvolvidas no mes de maio, CIG, UGT e CCOO tomaron a iniciativa de esixirlle á patronal que actuase "dunha vez por todas con responsabilidade" e que convocase a mesa do convenio para desbloquear a parálise na negociación e acadar por fin un convenio digno para o metal da provincia da Coruña.
Dita reunión tivo lugar na tarde do pasado mércores 1 de xuño. Neste senso, as centrais matizan que se ben é certo que froito do éxito da folga e da unidade na loita de todas e todos os traballadores a patronal fixo algún tipo de movemento, "para nós estes movementos foron totalmente insuficientes".
Denuncian que mentres segue intentando introducir elementos que precarizan máis o sector do metal, a patronal continúa insistindo en non recoñecer as reivindicacións principais que levaron á convocatoria desta folga: a subrogación e o mantemento do poder adquisitivo.
Por iso, os tres sindicatos subliñan que as informacións que está a difundir a patronal sobre as propostas feitas nesta reunión a respecto dos salarios e a xornada "non son certas".
O poder adquisitivo dos salarios segue a negarse pola patronal xa que pretende liquidar 2020 cun incremento do 0% e para 2021 só recoñece o 3,5%, cando o IPC real foi do 6, 5%. Causando con isto unha importante perda de salario por non abonar atrasos nin actualizar as táboas salariais. Perda que o persoal non recuperaría en moitos anos e que a patronal non recolle na oferta que fai para 2022, 2023 e 2024, á vez que mantén os peores aspectos da súa anterior proposta como unha desregulación da xornada de 175 horas anuais.
"Por todo isto, e a non ser que o próximo luns 6 de xuño, na nova reunión da mesa negociadora prevista para ás 10:30 horas, a patronal asuma e acepte as nosas reivindicacións, a convocatoria de folga continuará".