A patronal das ambulancias rompe as negociacións do convenio polas discrepancias nos atrasos salariais
A patronal das ambulancias decidiu romper onte as negociacións do convenio colectivo ante as discrepancias existentes á hora de establecer unha suba salarial que compense os atrasos salariais tras case catro anos sen convenio. Ao mesmo tempo, dende as centrais CIG, CCOO e UGT denuncian que na Coruña estanse a trasladar pacientes críticos sen persoal de acompañamento.
Todo facía indicar que na xuntanza de onte as partes ían achegar posturas, pero a sorpresa chegou cando o empresariado decidiu levantarse da mesa sen facer ningunha contraoferta á proposta dos sindicatos de incrementar máis os salarios nos dous últimos anos de vixencia do convenio (2021 e 2022) para compensar a non actualización dos salarios durante case catro anos.
A patronal pretendía aplicar a primeira subida de soldos, dun 4%, en novembro de 2019, mentres que para 2020 este incremento sería dun 3%. Nos dous últimos anos de vixencia do convenio que se está a negociar a suba sería do 1%. Deste xeito, os traballadores/as do sector permanecerían cos soldos sen actualizar durante practicamente catro anos (2016, 2017, 2018 e case todo 2019), de aí a proposta de aumentar o incremento dos dous últimos anos.
Nun primeiro momento a parte empresarial dixo que ía estudar a posibilidade de atender esta demanda, “pero a continuación dixeron que non aceptaban, que non presentarían contraoferta e que abandonaban as negociacións”, explica o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.
Folga indefinida
Polo tanto, a folga convocada no sector pola CIG, CCOO e UGT continuará até este domingo, pasando a ser indefinida a partir do vindeiro día 20 no caso de que antes non se chegue a un acordo que permita desbloquear o conflito.
Por outra parte, as tres centrais denuncian que na Coruña estanse a trasladar pacientes críticos en ambulancia sen persoal de acompañamento, “algo que pon en grave risco a vida das persoas, aínda que parece ser que os traslados contan coa autorización médica correspondente”.