A patronal da sanidade privada de Pontevedra recúa e retoma a negociación do convenio

Persoal do sector desenvolveu hoxe unha nova protesta diante do centro médico Vithas Fátima de Vigo para reclamar unhas condicións dignas
Vigo/Pontevedra - 27 Nov 2024

A patronal da sanidade privada da provincia de Pontevedra deu marcha atrás na súa intención de manter rotas as negociacións do convenio colectivo e vén de convocar a parte social a unha xuntanza para o vindeiro 16 de decembro. Dende as centrais maioritarias non sector, que hoxe desenvolveron novas mobilizacións e que nos vindeiros días levarán a cabo unha manifestación en Vigo, amosan a súa disposición a retomar as conversas sempre e cando o empresariado lles traslade as cuestións que está disposto a abordar na reunión.

A parte empresarial decidira abandonar a última xuntanza da mesa de negociación como medida de presión para intentar que as protestas anunciadas polos sindicatos para reclamar “un convenio digno xa” non se fixesen efectivas. As centrais CIG, CCOO, UGT e CSIF convocaron as mobilizacións en demanda de melloras nas condicións laborais das traballadoras/es adscritas/os ao convenio de Hospitalización Privada da provincia de Pontevedra, o único das catro provincias que se atopa sen renovar.

As principais demandas pasan por unhas táboas salariais “acordes coa realidade na que vivimos” e porque se retribúa o traballo en domingos e festivos. Tamén se reclama unha redución da xornada anual, tal e como se recolleu nos convenios asinados no resto de provincias, que incluíron ademais o cobro dos domingos e festivos.

Mais tras 16 xuntanzas a patronal négase a reducir a xornada laboral, a pactar uns salarios que permitan recuperar a perda de poder adquisitivo e a introducir complementos por traballar domingos e festivos. En consecuencia, o persoal acordou en asemblea iniciar un calendario de protestas en distintas centros médicos privados o pasado mércores 20 de novembro. Hoxe tivo lugar unha nova concentración diante de Vithas Fátima en Vigo.

As mobilizacións continuarán o mércores 4 de decembro cunha concentración na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), en Vigo, ás 12:00 horas, e cunha manifestación na cidade ese mesmo día, que arrincará dende o cruce de Vía Norte con Travesía ás 20:00 horas e que rematará no cruz de Urzaiz con Gran Vía, á altura do hotel Zénit.
Mentres que a para o mércores 11 de decembro hai prevista unha concentración no centro médico Vithas en Pontevedra (Eduardo Pondal, 68) ás 12:00 horas.