A OTAN, o xenocidio de palestinos e a globalización da guerra

Isabella Arria e Aram Aharonian - 18 Out 2023

Hoxe o mundo contempla un goberno israelí máis violento e radical que nunca, coa implementación dun plan xenocida de aniquilación do inimigo e de control total do territorio, o que é internacionalmente ilegal, declarado un crime de guerra polo Dereito Internacional, e que esgana a poboación palestina

 Ao reiterar o seu apoio a Israel ante a ofensiva de Hamas, a trintena de membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) instaron a Israel a “defenderse proporcionalmente contra estes actos de terrorismo inxustificábeis”. Xunto ao seu socio mandatario, os Estados Unidos, terán que enfrontar as consecuencias da súa complicidade co que o seu aliado será capaz de facer agora.

 O compromiso é firme, mais as consecuencias deste respaldo sobre a estratexia estadounidense en Oriente Medio poderían ser desastrosas para Washington en Oriente Medio e rachar a fronte unida contra Irán que busca entre os seus aliados árabes, especialmente Arabia Saudita. A Franxa de Gaza pódese converter no Armageddon do que tantas veces falou Biden en relación coa invasión de Ucraína por Rusia.

 As intelixencias israelí e estadounidense quedaron mal paradas, tanto como o fixo esta última en 2001 ao non ter nin idea dos atentados do 11-S. Israel non só é considerada como unha potencia militar, senón tamén tecnolóxica, mais ningunha das dúas lle serviu para previr, coñecer e impedir o acontecido, a pesar de que a súa Unidade 8200 dentro das Forzas de Defensa de Israel investiu miles de millóns de dólares en Intelixencia Artificial (IA), coa que espiar calquera comunicación en Gaza.

 A primeira vítima da guerra sempre é a verdade (xa o dixo Esquilo 2.500 anos antes a nosa era). Os medios de todo o mundo tan occidental e cristián difundiron -na campaña paralela de terrorismo mediático-, a fake (mentira) que lanzara un diario afín ao goberno ultradereitista israelí: “40 bebés israelís decapitados” no atentado cometido por Hamás en Kfar Aza.

 Coa sospeita de que se puidese tratar doutra manobra propagandística israelí, a xornalista que asina a “exclusiva” dos 40 bebés decapitados explica que a súa fonte foi un soldado israelí que di que cre que pasou, pero que non está seguro. Unha manobra de distracción que pretende converter os palestinos nos animais e bestas que describe o ministro de Defensa israelí. E o inefábel Biden promociona a fake: “Nunca pensei que vería e confirmaría imaxes de terroristas decapitando nenos”.

 Varios socios da OTAN indicaron que xa están a brindar apoio práctico a Israel. A guerra desencadeada entre Israel e Hamas, se continúa, máis aló do risco de desencadear unha conflagración rexional de consecuencias devastadoras, pode ter consecuencias nefastas tamén en Europa, como as desencadeadas pola guerra en Ucraína: aumento dos prezos do petróleo e de gas, crise de inmigrantes, nova onda de racismo.

 Aínda que son coñecidos os lazos entre Biden e Netanyahu desde hai décadas, o radicalismo de extrema dereita -fundamentalismo xudeu, político e relixioso- do goberno israelí, pon as cousas moi difíciles á diplomacia estadounidense, sobre todo coa presión da rúa responsabilizando o primeiro ministro israelí do ocorrido con Hamás. Hoxe é máis doado apoiar a opción bélica que a mediación.

 Para atallar a deserción entre os países árabes que teñen boas relacións con Washington, en caso dun ataque a gran escala israelí sobre Gaza, Blinken anunciou en Tel Aviv que se reunirá cos líderes de Arabia Saudita, Catar, Exipto e Emiratos Árabes Unidos. Para os analistas, a mensaxe dos EUA está clara e está dirixido a Hizbulá e ao propio Irán. «Estámosllelo dicindo claro aos iranianos. Teñan coidado», dixo Biden, na súa aspiración a globalizar a guerra.

 Os falcóns de Washington e a OTAN soñan con globalizar a guerra, levala a todo o mundo. A de Ucraína lembraríase -se quedase alguén con vida nunha conflagración que ameaza con ser a última para a humanidade- como un simple conflito exsoviético.

 Mentres, a UE non aclarou o suposto bloqueo das axudas económicas que a UE tiña previstas para Palestina, uns 691 millóns de euros en total, coa escusa de crear “institucións responsábeis para un futuro estado palestino e o apoio para o nacemento dunha economía autosuficiente”.

 De face ás eleccións presidenciais estadounidense do próximo ano, onde os republicanos o acusan de ser brando con Irán, suposto patrocinador de Hamas, o presidente Joe Biden, dixo que está disposto a despregar forzas militares adicionais no medio Oriente. Non sería desatinado pensar que algún país europeo, co uniforme da OTAN, se sume a este intento de guerra xeneralizada.

A guerra ten regras?

 As tropas de Israel utilizaron fósforo branco nos ataques lanzados contra Gaza e o Líbano, denunciou Human Rights Watch (HRW), e alertou sobre os riscos de «lesións graves e de longa duración». A organización de dereitos humanos verificou unha serie de vídeos tomados os días 10 e 11 de outubro e que «mostran múltiples refachos de fósforo branco disparados con artillaría sobre o porto de Gaza e dúas localidades rurais ao longo da fronteira entre Israel e o Líbano».

 Moitos falan das regras da guerra. O xefe do Pentágono, Lloyd Austin destacou que o seu país non impuxo condición ningunha a Israel para o uso da súa axuda militar, e ante unha pregunta da prensa respondeu: non vou definir a proporcionalidade. Ou sexa, todo vale.

 Para os palestinos, nin medicamentos, nin auga, nin electricidade, nin combustíbel. A fame e a desesperación como arma política. “Estamos a combater contra animais e actuamos en consecuencia”, dixo o ministro de Defensa de Israel, Yoav Gallant.

 Esas regras de guerra non incidiron durante anos nas políticas bélicas de Israel contra a poboación palestina, sobre todo en Gaza, e foron denunciadas reiteradamene como crimes de guerra por Amnistía Internacional e outras organizacións de dereitos humanos.

 Israel e os seus aliados de Occidente veñen xustificando esta estratexia bélica co argumento de que se atopa ante unha ameaza terrorista onde as regras de guerra non son facilmente aplicábeis. A resposta de Israel ante os que chama crimes de guerra cometidos por Hamas foi un sitio total a Gaza, o cal é tecnicamente un crime de guerra por ser un castigo colectivo a unha poboación civil.

 A Franxa de Gaza, sometida a ataques e un bloqueo total desde 2007, está controlado polas milicias de Hamás, o grupo que o pasado 7 de outubro realizou un ataque armado masivo en territorio israelí. Eses feitos desencadearon o actual asedio israelí de Gaza, baixo as bombas desde ese día e con 300.000 soldados e centenares de tanques dispostos a entrar nese territorio palestino, sen miramento ningún cos seus 2,2 millóns de habitantes.

 O primeiro ministro israelí, o ultradereitista Benjamín Netanyahu, dixo que «cada membro de Hamás é home morto». Isto significa que non haberá prisioneiros e ninguén pedirá clemencia.L As forzas ultraconservadoras israelís reclaman que o Exército arrase os territorios palestinos para despois repoboalos cos seus propios colonos, cos que teñen que lidar Biden e os seus enviados en Tel Aviv.

 O secretario de Estado estadounidense, Anthony Blinken, viaxou a Tel Aviv para reiterar a fórmula de que os Estados Unidos apoian a Israel, pero evitou recoñecer que o seu goberno, como todos os anteriores desde 1948, é cómplice da estratexia bélica israelí, financiando en parte a ocupación militar de Gaza, facilitando a ampliación de colonias en Cisxordania e permitindo o desenvolvemento de armas nucleares do seu aliado.

 Os sucesivos gobernos dos Estados Unidos outorgaron máis de 158 mil millóns de dólares a Israel desde 1948, con dous terzos desa suma en asistencia militar, segundo o informe do Congressional Research Service (axencia oficial de investigacións do Congreso). Ningún outro país no mundo recibiu nin remotamente esa cantidade. Os sucesivos gobernos de Washington miraron cara a outro lado mentres os israelís desenvolvían as súas armas nucleares.

 Desde mediados do século pasado os Estados Unidos apoiaron con todas as súas forzas (políticas, bélicas, comunicativas) para obstruír calquera posibilidade da paz no medio Oriente, que sempre pasou pola creación de dous estados separados, Israel e Palestina. E a guinda da sobremesa foi o recoñecemento de Donald Trump da anexión do leste de Xersusalén en Cisxordania.

 Foron Estados Unidos os que facilitaron ese proceso de expansión de colonias israelís. En 2010, o rotativo israelí Haaretz encabezou unha reportaxe así: “Os contribuíntes de impostos estadounidenses están a pagar pola ocupación de Cisxordania por Israel”.

 Washington outorgou unha exención fiscal a varias organizacións nos Estados Unidos que constrúen colonias israelís que, en efecto, toman os seus subsidios dos contribuíntes de impostos para usar na construción novas colonias.

 China sinalou que o quid do conflito é que se negou xustiza ao pobo palestino, o presidente francés, Emmanuel Macron, defendeu a solución de dous estados, unha garantía indispensábel para lograr a paz no medio Oriente e deixou en claro que a loita contra o terrorismo non pode substituír este propósito.

 O presidente iraniano, Ebrahi Raisi, pediu aos países de poboación musulmá atallar os crimes do réxime sionista contra a nación palestina oprimida durante unha chamada ao seu homólogo sirio, Bashar al Assad. Raisi manifestou que Irán se coordinará cos países islámicos canto antes para frear o xenocidio dos palestinos por parte dos sionistas.

 Hoxe o mundo contempla un goberno israelí máis violento e radical que nunca, coa implementación dun plan xenocida de aniquilación do inimigo e de control total do territorio, o que é internacionalmente ilegal, declarado un crime de guerra polo Dereito Internacional, e que esgana a poboación palestina.

 E ve como Occidente segue mirando para outro lado e carece da capacidade para contribuír á construción dunha solución pacífica, que quizais non sexa tan rendíbel para as súas empresas de armamentos, exércitos contratistas, como o xenocidio dos palestinos e a reconstrución do seu territorio anexado a Israel, e o negocio da guerra total, final?, que semella que Washington e a OTAN veñen preparando.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 13 de outubro de 2023]