A orde mundial euroasiática e a nova gobernanza global multipolar

Alessandro Scassellati - 23 Set 2025

Occidente leva polo menos un século librando unha loita contra os ideais da economía clásica, unha economía mixta, esencialmente para combater o control redistributivo gobernamental e tendendo á privatización de sectores económicos e bens públicos para crear monopolios privados. É unha loita para servir aos intereses dos rentistas. Unha loita dos bancos, en apoio da clase dos grandes capitalistas e monopolistas

 Liderados por China, un grupo crecente de estados desexa cambiar a orde global e parecen cada vez máis inclinados a cooperar. Nos principais medios de comunicación vimos a Xi, Putin e Modi sorrindo da man na reunión da OCS en China para formar unha nova alianza. A mensaxe inequívoca foi que os seus países se están achegando e que, xuntos, queren representar unha alternativa ao liderado global estadounidense.

 Con todo, a orde internacional liderada por Occidente non se está derrubando desde fóra; estase socavando deliberadamente desde dentro, a medida que unha nova forza unificada de países se coordina para crear as súas propias estruturas paralelas de comercio, finanzas, seguridade e diplomacia. A pregunta xa non é se a hexemonía unipolar estadounidense está a ser desafiada, senón que tipo de mundo xurdirá cando finalmente desapareza.

  1. Coa reunión da Organización de Cooperación de Shanghai (OCS) en Tianjin, China (1 e 2 de setembro), fíxose evidente a existencia dun novo sistema económico internacional multipolar, unha alternativa ao imperio estadounidense, é dicir, o sistema económico centrado en Occidente (para simplificar, o G7). A OCS fundouse en xuño de 2001 como unha agrupación euroasiática de Estados que cooperaban en cuestións de seguridade e, até hoxe, estivo liderada por Moscova e Beijing. Outro oito países (a India, Kazakhstán, Kirguizistán, Tadjiikistán, Uzbequistán, Paquistán, Irán e Bielorrusia) son membros, e á reunión asistiron outros 16 países (entre eles Turquía, Exipto, Indonesia, Malaisia, Mongolia, Afganistán, Armenia, Azerbaidján, Vietnam e Cambodia).

 A cimeira da OCS é só un dos moitos acontecementos transcendentais que se están desenvolvendo con incríbel rapidez. Si analizamos os últimos trinta anos, desde o final da Guerra Fría (1989/1991), vemos que o principal obxectivo da política exterior rusa era a integración con Occidente, unha "casa común europea" (Gorbachov) ou unha Grande Europa. Posteriormente, nas últimas décadas, o expansionismo da OTAN comezou a achegarse cada vez máis a Rusia a China, e tras o golpe de estado de 2014 en Ucraína, Rusia abandonou a visión política dunha Grande Europa en favor da chamada Grande Eurasia.

 Trump, ao chegar ao poder durante o seu primeiro mandato, pareceu recoñecer este erro e, case parafraseando a Henry Kissinger, afirmou que empurrar a Rusia aos brazos de China fora un erro colosal en política exterior. Traballara para mellorar as relacións con Putin, pero os seus esforzos víronse frustrados polo escándalo do "Rusiagate", argallado polo "Estado profundo" neoconservador estadounidense, aínda dominado por rusófobos criados durante a Guerra Fría.

 Agora, con todo, con todas as súas ameazas, aranceis e sancións secundarias contra a India, Trump tamén impulsou a India cara a China e Rusia, que agora están máis cerca que nunca. O interesante é que, aínda que Trump representou verdadeiramente o "Estado profundo" neoconservador (contra o cal o movemento MAGA que o apoia cre que debería loitar) ao declarar a guerra ao resto do mundo mediante aranceis, a única guerra que realmente gañou foi contra os seus propios aliados: a Unión Europea, Corea e Xapón. O seu outro gran logro é unir o resto do mundo. Foi precisamente a postura belixerante neoconservadora, política, comercial e militar, a que uniu o resto do mundo, levándoo a adoptar as medidas discutidas na reunión da OCS, un oito meses despois de que Trump asumise o cargo.

 O principal asesor comercial de Trump, Jamieson Greer, escribiu recentemente nun artigo para a sección de opinión do New York Times que a administración Trump está a forxar unha «nova orde comercial global». En realidade, os EUA están a abandonar o sistema posterior ao de 1945, sistema que este hegemon creou. Aínda que outros países se laian a súa saída, non se mostran dispostos a seguir os seus pasos autodestrutivos.

 Os temores a unha guerra comercial global non se materializaron até o de agora porque outros líderes recoñeceron o que Trump semella incapaz de comprender: que o aumento de aranceis prexudicaría os seus propios países. O resultado, como informou a Organización Mundial do Comercio o mes pasado, é que "até o de agora se evitou un ciclo máis amplo de represalias do tipo ollo por ollo, que podería ser moi prexudicial para o comercio global". Os países están a xogar á defensiva, outorgando "vitorias" á Casa Branca —concesións non recíprocas por aquí, exencións arancelarias por alá— para evitar unha maior escalada, pero tamén buscan alternativas —novos lazos comerciais, infraestrutura financeira e cadeas de abastecemento— para reducir a exposición a longo prazo aos cambios na política estadounidense.

  1. O que está en marcha é un realiñamento xeopolítico progresivo, e o tema principal da reunión da OCS foi a gobernanza global multipolar. Non só a gobernanza dos países da OCS, senón de todos os países —a "maioría global"— que foron expulsados dunha forma ou outra da órbita unipolar estadounidense. E o factor desencadeamento de todo isto foi a imposición de aranceis por parte de Trump contra a India.

 Trump declarara que bloquearía o mercado estadounidense para a India (finalmente impuxo aranceis do 50% a varios produtos) e que isto causaría estragos na economía india se a India non deixaba de importar petróleo e os seus derivados de Rusia (importacións que representan o 42% do consumo de combustíbel da India). Cómpre salientar que Washington non criticou nin a China nin os países da UE polas súas compras de petróleo ruso. Pois ben, o que Modi explicou á audiencia foi que o comercio petroleiro da India con Rusia é moito máis importante para a economía do seu país que o comercio cos EUA. Obter petróleo para impulsar a súa industria, toda a súa economía e xerar ganancias do comercio con Rusia é máis importante que a produción téxtil e de baixo custo que as empresas estadounidenses esperaban construír na India como contrapeso a China.

 As multinacionais estadounidenses seguían a estratexia de "friendshoring" e dicían: «Xa non necesitamos man de obra chinesa para producir iPhones e outros produtos porque podemos usar man de obra india». Agora, todo isto practicamente terminou, e o primeiro ministro indio Modi pasou unha hora en limusina co presidente Putin falando das relacións económicas e políticas entre a India e Rusia. Inmediatamente despois das reunións da OCS, celebrarase a cimeira máis importante, a dos BRICS+ (Brasil, Rusia, a India, China, Suráfrica, Exipto, Etiopía, Indonesia e Emiratos Árabes Unidos), e Modi liderará os BRICS+ o próximo ano, xa que lle toca a India ser a anfitrioa das reunións.

 As economías BRICS+ albergan actualmente a aproximadamente 4.500 millóns de persoas, o que representa máis do 55% da poboación mundial. O grupo BRICS+ tamén representa aproximadamente o 37,3% do PIB mundial, medido en paridade de poder adquisitivo (PPA). Apenas un mes antes da reunión da OCS, todos pensaban que a India era o socio máis débil da OCS e do BRICS+ porque, en certa maneira, era moi similar a Turquía, un país que tentaba competir cos países dos EUA e do BRICS+.

 Doutra banda, como o ex primeiro ministro Jawaharlal Nehru dixo unha vez: «Propomos, na medida do posíbel, manternos afastados da política de poder de grupos enfrontados, que conduciu a guerras mundiais no pasado e podería volver provocar desastres a unha escala aínda maior». Con estas palabras, a India declarou o seu compromiso co “amor” xeopolítico a varias bandas (poliamor) durante a Guerra Fría e protexeu coidadosamente a súa liberdade de manobra, mesmo mentres Moscova e Washington disputaban a vantaxe.

 En xeral, a Doutrina Nehru funcionou. Baixo o liderado de Modi, India achegouse aos EUA nos últimos anos (uníndose ao QUAD (Diálogo de Seguridade Cuadrilateral) anti-China no Indo-Pacífico, xunto cos EUA, Australia e Xapón), pero agora a opción de que India se aliñe cos EUA está descartada, a pesar de que tantos multimillonarios e grandes empresas indias están vinculados aos EUA. Modi comprendeu que o futuro da economía india reside na colaboración con Rusia, China e o resto dos países BRICS+.

  1. Todo isto sentou as bases para a reunión da OCS e o que quedou claro tras os discursos de Putin, Xi, Modi e outros xefes de Estado. Afirmaron que entramos nunha nova fase 80 anos despois do final da II Guerra Mundial, caracterizada pola Pax [Norte]Americana. Un período histórico no que os EUA tiveron practicamente plena liberdade para deseñar a orde económica internacional —co Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, a Organización Mundial do Comercio e a Guerra Fría (co estabelecemento da OTAN en 1949)— segundo os seus propios termos, a pesar de prometer un multilateralismo baseado nos principios consagrados na Carta das Nacións Unidas e caracterizado pola igualdade de trato para todos os Estados, sen inxerencia na política interna, sen a imposición de aranceis unilaterais nin sancións selectivas.

 Un sistema internacional no que ningún Estado podía decidir unilateralmente con que países outro Estado podía ou non comerciar ou recibir investimentos, etc. Con todo, todo isto foi violado cada vez máis polos EUA, especialmente despois de que os neoconservadores asumisen o control da política exterior estadounidense ao final da Guerra Fría. Así, o presidente Xi, anfitrión da reunión da OCS e do posterior desfile militar a grande escala celebrado na praza de Tiananmén de Beijing para celebrar o 80º aniversario da vitoria sobre o Xapón imperial (3 de setembro), declarou que a OCS e os países BRICS+ retomarán agora o camiño que debería conducir 1945: cara a unha alternativa ao imperialismo, o fascismo, o nazismo e o militarismo do Xapón imperial (que atacara a China desde 1937).

 Xi salientou o papel central de China na derrota do Xapón imperial, do mesmo xeito que o papel de Rusia foi central na derrota da Alemaña nazi. Ambos os países sufriron grandes sacrificios, con decenas de millóns de mortos (uns 36 millóns en China e uns 27 millóns en Rusia, nunha guerra mundial que custou ao redor de 100 millóns de mortes en total). Aínda que, na súa narrativa e na súa historia real, contribuíron decisivamente á guerra contra as potencias do Eixo, xunto cos EUA, o Reino Unido e os demais aliados, na posguerra foron os EUA os que deseñaron o mundo. Entre outras cousas, despois da guerra, os EUA recrutaron decenas de miles de científicos (pensemos no papel de Wernher von Braun no programa espacial estadounidense), enxeñeiros, técnicos e políticos nazis no marco da Operación Paperclip, co obxectivo de combater o 'comunismo' en América Latina, Europa e outros continentes.

  1. Os EUA foron a potencia hexemónica indiscutíbel da economía capitalista mundial e a principal forza contrarrevolucionaria a nivel global, cos países de Europa Occidental e Xapón reducidos a socios menores. Washington construíu unha orde internacional baseada en regras, promoveu unha "Ameaza Vermella" interna durante a era McCarthy e iniciou a Guerra Fría contra a Unión Soviética, que incluíu a formación da OTAN. A Guerra Fría tivo como obxectivo a "contención" económica da URSS, sumada a innumerábeis guerras quentes contra revolucións en todo o mundo. Posteriores ondas de revolucións xurdiron na periferia, durante e despois das dúas guerras mundiais, marcadas pola Revolución Chinesa (1949) e a Revolución Cubana (1959).

 Con todo, no que se coñece como o período de "posguerra", os EUA, xunto con outras potencias imperialistas occidentais, lograron esmagar cruentamente a maioría das loitas de liberación nacional do mundo, causando millóns de mortes (mentres que o exército estadounidense sufriu unha notábel derrota na Guerra de Vietnam). Foron os EUA os que fracasaron en pór fin á II Guerra Mundial, e agora, en Alemaña, o chanceler Friedrich Merz (un dos principais líderes europeos da "coalición dos dispostos") mesmo afirma que se vai repetir, e que esta vez o exército alemán derrotará o ruso.

 A disolución da Unión Soviética en 1991 marcou o comezo dun período unipolar, durante o cal Washington e os seus aliados europeos levaron a cabo operacións de cambio de réxime en Iugoslavia, Afganistán, Iraq, Somalia, Libia, Siria e outros lugares, á vez que expandían a OTAN cara ao leste, co obxectivo de debilitar ou destruír permanentemente a Rusia como gran potencia. Por tanto, a guerra en Ucraína é un asunto existencial para Rusia.

 Porén, nada disto serviu para alterar a realidade do progresivo declive da hexemonía económica estadounidense desde principios da década de 1970. A derrota en Vietnam (que puxo de relevo a vulnerabilidade do imperio estadounidense), o estancamento económico, a financeirización, a globalización, a desindustrialización e o ascenso de China debilitaron o poder global dos EUA durante o último medio século, mentres que as potencias de Europa Occidental e Xapón experimentaron un declive económico aínda máis precipitado que o resto do mundo.

 En 1960, EUA representaba o 40 % do PIB mundial en termos nominais; en 1985, esta proporción caera ao 34 %. Actualmente, sitúase no 26% (15% PPA). En cambio, China, tras o seu "século de humillación" a mans de Occidente e Xapón, viu diminuír a súa participación no potencial industrial mundial de aproximadamente o 33,3% en 1800 ao 2,3% na época da Revolución Chinesa de 1949, para logo experimentar un ascenso meteórico, grazas á súa Revolución, até representar actualmente o 18 % do PIB mundial (20% PPA), aínda que o seu PIB per cápita (polo seu alto número de habitantes) segue estando moi por baixo do de Occidente.

 Aínda que China ten os seus problemas, como a diminución e o avellentamento da súa poboación, o exceso de capacidade industrial (o que Marx chamou "sobreacumulación"), as finanzas públicas locais en semicrise e un alto nivel de débeda, posúe o dobre de capacidade manufactureira que EUA, producindo significativamente máis automóbiles, barcos, aceiro e paneis solares, e máis do 70% das baterías, vehículos eléctricos e minerais esenciais (as "terras raras") do mundo. En ciencia e tecnoloxía, China ten máis patentes activas e publicacións máis citadas que os EUA. E en termos militares, ten a frota naval máis grande do mundo, cunha capacidade de construción naval estimada 230 veces maior que a dos EUA, e estase consolidando rapidamente como líder en armas hipersónicas, drons e comunicacións cuánticas.

 Atrás quedaron os días en que os EUA, como a superpotencia económica indiscutíbel, podía exportar capitalismo financeirizado e de libre mercado a todo o mundo. Despois do colapso de 2008, cuxas condicións se crearon nas salas de xuntas de Wall Street, calquera pretensión moral ou práctica de que EUA estabelecese un exemplo económico para outros países esvaeceu. A medida que a crise se estendeu pola economía mundial e o goberno estadounidense respondeu rescatando a gran parte do seu sector financeiro, a mentira do 'laissez-faire' quedou exposta. A crise amosou os riscos do capitalismo turboalimentado mesmo en países fóra dos EUA, especialmente no antigo bloque soviético, aos que se lles aconsellou adoptar o modelo a grande escala.

 Como escribiron Ivan Krastev e Stephen Holmes no seu apaixonante e polémico libro The Light that Failed, «a crenza de que a economía política occidental era un modelo para o futuro da humanidade estivera ligada á crenza de que as elites occidentais sabían o que facían. De súpeto, foi obvio que non o sabían».

  1. Este é o contexto económico e político que consolidou os países da OCS e os BRICS+, e o resultado é unha fractura global, pero é diferente a todos os intentos de logralo nos últimos 70 anos. En 1955, no apoxeo da orde internacional bipolar caracterizado pola Guerra Fría entre os EUA e a URSS, un grupo de países non aliñados reuniuse en Bandung, Indonesia, e declarou a necesidade dunha orde máis xusta e equitativa que lles permitise desenvolverse politicamente de forma independente e non obstaculizase o seu desenvolvemento económico e benestar coa débeda externa, o libre comercio e a prohibición de protexer e subsidiar as súas industrias emerxentes. Con todo, non puideron facer nada respecto diso porque eran países pobres que actuaban sós e carecían da masa crítica.

 O que cambiou todo isto desde a década de 1990 foi, obviamente, China, que agora pode ser o eixo desta masa crítica, en gran medida grazas ás súas políticas financeiras, reservas de divisas, poder económico e produtivo, capacidade exportadora e destreza tecnolóxica. Ademais, China demostrou nas últimas décadas que é un socio fiábel para os países en desenvolvemento a nivel global. Isto permite a países fóra da órbita estadounidense e europea crear unha alternativa por primeira vez. A mensaxe de China como unha alternativa máis fiábel e estábel que os EUA está a resoar en amplos sectores do mundo, nomeadamente en Asia, que ven os EUA como unha forza cada vez máis impredicíbel, pouco fiábel e belixerante nos asuntos mundiais.

 Moitos países en desenvolvemento e potencias medianas poden aínda mostrarse ambivalentes respecto do que China propón coas súas novas iniciativas de gobernanza e desenvolvemento, pero polo menos o que China menciona (relacións estábeis, multilateralismo, acordos a longo prazo e "non inxerencia") é progresista, o cal é crucial para economías con grandes poboacións de xente nova que buscan mellores oportunidades laborais.

 Beijing está a construír metodicamente unha coalición de países que non están necesariamente aliñados ideoloxicamente, pero que están unidos por un interese compartido nun mundo multipolar, un mundo no que poidan trazar o seu propio rumbo sen temor ás sancións estadounidenses, aos sermóns sobre a democracia e ao dominio do dólar estadounidense.

  1. A reunión da OCS e a próxima xuntanza dos BRICS+ servirán para definir polo miúdo como pretenden reestruturar esta nova orde económica. E esta vez, teñen o poder suficiente para triunfar. E é evidente que o comercio será crucial. Os EUA tentan utilizar o comercio exterior como arma, afirmando que poden obrigar a outros estados do mundo a seguir as súas directrices políticas, como illar a Rusia e China e unirse á Nova Guerra Fría contra eles bloqueando o seu acceso ao mercado estadounidense. Trump afirma que pode desatar o caos se non seguen os seus ditados.

 Por tanto, a alternativa a todo isto, como dixeron todos os líderes en Tianjin, é comerciar entre eles. Se non comercian cos EUA, renuncian ao mercado estadounidense. En efecto, a India non ten máis opción que renunciar ao mercado estadounidense. Se se manteñen os aranceis de Trump, India comerciará con China, Rusia, os demais países da OCS e os BRICS+, e quizais con países de Europa Occidental.

 Doutra banda, o presidente brasileiro, Luiz Inácio Lula da Silva, resumiu o clima imperante tras ser anfitrión dunha reunión dos BRICS+ en xullo. «Se os EUA non queren comprar, buscaremos novos socios», declarou. «O mundo é grande e está desexoso de facer negocios con Brasil». A India tamén pode soñar con se converter para China no que China foi para os EUA nas décadas de 1990 e 2000: unha fábrica que permite unha produción a baixo custo. Cunha vantaxe engadida: un mercado de consumo xa desenvolvido e desexoso de comprar produtos chineses.

  1. Todo isto tamén ten unha dimensión militar (abonda con pensar nas 750-800 bases militares estadounidenses nuns 80 países, as 145 bases militares británicas en 42 países e as 21 instalacións militares estranxeiras de Rusia, mentres que China só ten unha, en Xibutí) e converteuse no marco para debater todos os cambios económicos, financeiros e relacionados. O asunto exponse como unha loita civilizatoria para reestruturar todo o sistema de comercio exterior e finanzas.

 Gradualmente, tamén se producirá unha desdolarización. Putin salientou o moito máis eficiente que é comerciar con China nas súas respectivas moedas nacionais. Primeiro, Rusia mercou dólares para pagar a China, e logo Chinaa converteu os dólares á súa propia moeda. Xa non é necesario asumir todo este cambio de divisas e os custos asociados, por non mencionar o feito de que os EUA utilizaron as finanzas internacionais como arma ao expulsar a Rusia, China e outros países do sistema de compensación bancaria SWIFT.

 En esencia, o que Trump fixo para illar outros países financeira, comercial e militarmente tivo precisamente o efecto contrario. Achegounos entre si e illou os EUA. E todo o que os países da OCS, os BRICS+ e a "maioría global" deben facer é estabelecer as regras do comercio e as finanzas para que sexan multilaterais e xustas. Deben considerar como desdolarizar as súas relacións comerciais e financeiras para que os EUA e os seus aliados europeos non poidan apropiarse da súa moeda estranxeira como o fixeron cos 300 000 millóns de dólares de Rusia ou como o Banco de Inglaterra fixo coas reservas de ouro de Venezuela e outros países.

 Así pois, agora esta división global fíxose explícita, no sentido de que estes países queren crear un novo tipo de civilización, a diferenza da neoliberal e unipolar imposta por Occidente nas últimas décadas. O obxectivo é retomar a civilización onde a deixou a Nova Guerra Fría de EUA, que converteu as finanzas e o comercio en armas para manter o seu dominio, en violación de todos os principios das Nacións Unidas, que ao final da II Guerra Mundial se prometeu que sería subvencionada e apoiada polos EUA.

  1. China anunciou na reunión da OCS que estabelecerá un Banco de Desenvolvemento da organización capaz de outorgar crédito aos países membros para financiar as súas actividades comerciais (liquidar pagamentos transfronteirizos), os déficits con China e os investimentos chineses para desenvolver a Iniciativa da Franxa e a Ruta. Este Banco de Desenvolvemento operará xunto co Banco Asiático de Investimento en Infraestrutura e o Novo Banco de Desenvolvemento BRICS+, e permitiralles a todos liberarse da "trampa da débeda" do FMI e investir na produción para os seus propios mercados, en lugar dos mercados estadounidense e europeo.

 Ademais, China e Rusia asinaron un acordo para un enorme gasoduto de 2.600 quilómetros chamado "Power of Siberia 2" (tamén coñecido como Gasoduto de Altai). O gas que se exportará non provén dun xacemento situado nas rexións asiáticas de Rusia, senón da península de Yamal, no Ártico ruso, na rexión de Altai en Siberia Occidental. Trátase dunha enorme cantidade de gas que se destinará a China. Anteriormente, as exportacións de gas desde a península de Yamal a Europa planificábanse principalmente a través do gasoduto Nord Stream 2 cara a Alemaña. Este gasoduto foi destruído polos EUA.

 Inicialmente, houbo intentos de culpar os rusos, pero logo os euronorteamericanos tiveron que ceder. Agora tentan culpar os ucraínos, pero a maioría da xente informada asume que os EUA tiveron algo que ver. O gasoduto Power of Siberia 2 é só unha parte dun gran desenvolvemento, xa que consolida a desconexión de Rusia con Europa. Representará un vínculo estratéxico entre Rusia e China. Garante a Moscova os ingresos fiábeis necesarios para soster a súa economía, á vez que proporciona a China a seguridade enerxética necesaria para impulsar o seu núcleo industrial. Beijing tamén adquire unha enorme influencia sobre Rusia, situándose como un alicerce central do panorama enerxético mundial e desmantelando discretamente as campañas de presión occidentais.

  1. A integración con Europa Occidental fora o soño de Rusia desde que Gorbachov concibiu o concepto dun "fogar común europeo", polo menos até 2014, antes de abandonalo por completo en 2022. Co asinamento deste acordo, o gas que se supuña impulsaría as industrias europeas durante as próximas décadas propiciará, en cambio, o desenvolvemento económico de China e as rexións asiáticas de Rusia. Cómpre preguntarse que dirán os historiadores do futuro, xa que os europeos aínda celebran a súa liberación do gas ruso, pero non teñen outra alternativa que o gas licuado estadounidense, moito máis caro e que podería non estar dispoñíbel nun futuro próximo. É simplemente incríbel ver o que está a acontecer. Non haberá forma de reverter a tendencia, xa que será unha evolución irreversíbel unha vez que se realice un enorme investimento como este gasoduto ao nordés de China, que tamén pasará por Mongolia.

 Os rusos xa non dirán que queren ser un país europeo. Considerábanse europeos, pero non demolerán este gasoduto para construír un novo cara a Europa. Putin deixou claro que a ruptura con Europa, e nomeadamente con Alemaña, tardará décadas en sandar. Rusia aceptou que a decisión probabelmente recaia en Europa Occidental, que agora está atrapada na órbita estadounidense. O efecto xeral de toda a estratexia de Biden e Trump contra Rusia e China foi atar Europa Occidental á dependencia estadounidense do gas natural licuado e os sistemas armamentísticos, co fin de reequilibrar o déficit da balanza de pagamentos estadounidense, xunto coa imposición de aranceis ás exportacións europeas.

 Como sinala o economista estadounidense Paul Krugman: «En apenas sete meses, Trump destruíu por completo os alicerces da Pax [Norte]Americana». Esta visión, como adoita ser o caso de Krugman, é a da maioría do Partido Demócrata, que enmascarou unha postura imperialista tras unha aparencia de estabilidade.

 Por tanto, Krugman recoñece que a «Pax [Norte]Americana» serviu aos intereses do imperio estadounidense e que líderes como o nacionalista Mohammed Mossadegh en Irán e o socialista Salvador Allende en Chile foron as súas vítimas. Pero, segundo el, «para Europa e Xapón, o imperio estadounidense era algo sutil, pois os EUA evitaban as demostracións brutais de poder e comprometíanse coa discreción respecto do seu status imperial». Desde o 20 de xaneiro e o regreso de Trump á Casa Branca, a sutileza e a diplomacia foron substituídas por unha mestura de brutalidade e adulación.

  1. Hai dez anos, a primeiros de 2014, ao mesmo tempo que Occidente apoiaba o golpe de estado en Ucraína, que aniquilou a esperanza de Rusia de formar parte dun "fogar común europeo", tamén presenciamos o lanzamento por parte de China da Iniciativa da Franxa e a Ruta, destinada á cooperación Sur-Sur por terra e mar, xunto co programa "Feito en China 2025" para desenvolver liderado en tecnoloxías chave para o futuro.

 Mentres Occidente derrocaba o goberno lexítimo de Ucraína, China dedicábase a desenvolver novas tecnoloxías e industrias, construír novos corredores de transporte e estabelecer novos bancos para financiar o desenvolvemento económico mundial. Por primeira vez, un país como China tiña a capacidade e a preparación para desafiar o sistema económico centrado nos EUA.

 E este foi tamén o momento que arruinou o soño de Rusia de se integrar con Europa Occidental. Se Europa Occidental quería sabotarse, isto é o que debería facer. E é por iso polo que a última década foi en certa medida predicíbel.

  1. Rusia e China lideran agora esta fronte euroasiática para desenvolver un sistema económico alternativo ao euronorteamericano. Modi laiouse de que Trump anunciara que estaba a presionar a India para que mercase máis armas estadounidenses en lugar de rusas. É evidente que os EUA perderon a India como comprador dos seus custosos avións, mísiles e outros sistemas de armas do seu complexo militar-industrial. Isto supón un duro golpe para os EUA. O trato de Trump cara a India parece ser totalmente inapropiado.

 En Occidente, a India sempre se considerou unha baza en Asia debido á súa histórica relación difícil con China (desde o conflito fronteirizo chinés-indio e pasando por Arunachal Pradesh e Caxemira, até as posturas de China sobre o Tíbet, Bangladesh e as Maldivas, e as súas estreitas relacións con Paquistán, mentres que a India mantén vínculos cada vez máis estreitos con Xapón e Filipinas), e pensábase que isto podería explotarse como unha arma contra China. Todo iso dificulta a comprensión das ameazas estadounidenses contra a India, mais Washington non parece ceder.

 Peter Navarro, asesor principal de Trump en materia de comercio e manufactura, fixo duras declaracións ao afirmar que a India non podía comprar enerxía nin armas rusas. Modi considerouno inaceptábel. Os medios de comunicación e a poboación india quedaron impactados; algúns entenderon estas declaracións como hilarantes, pero en xeral sentíronse humillados e furiosos. Non poden crer que sexa certo.

 Por que Washington debería ditar con quen pode comerciar a India? Aos indios parécelles simplemente absurdo. Este trato dispensado á India é difícil de explicar, xa que contradí un esforzo bipartidista de décadas, que abrangueu cinco presidencias estadounidenses, destinado a facerlle as beiras á India como un socio a longo prazo co que os EUA deberían colaborar para compensar a inmensa capacidade industrial, a experiencia tecnolóxica e a crecente capacidade militar de China.

 Agora, a corrente de pensamento dentro da elite india que considera Rusia como un vello e fiábel amigo —e a EUA como un traidor e pouco fiábel— fortaleceuse, mentres que a rápida evolución das relacións entre a India e China pode describirse atinadamente coa máxima de Lord Palmerston: «Non temos aliados eternos nin inimigos perpetuos. Os nosos intereses son eternos e perpetuos».

 A India decatouse conta da crucial necesidade de reducir as tensións e cooperar con China para impulsar as súas ambicións económicas. Nun artigo publicado o venres en Truth Social, Trump declarou: «Seica perdemos a India e Rusia ante unha China máis escura e profunda. Que teñan un futuro longo e próspero xuntos!».

  1. O que está a acontecer demostra que EUA non calculou coidadosamente os custos e beneficios das súas accións. Os EUA afirman non aceptar o inevitábel devalar da súa hexemonía global, pero isto non se corresponde coa realidade. É como tentar conter a marea. Non pode funcionar. Todas as declaracións da maioría dos responsábeis políticos, desde o inicio da guerra da OTAN en Ucraína até hoxe, afirman que a forza dos EUA e o seu poder sobre outros países, que permitiron a Trump anunciar aranceis para o "Día da Liberación" o 2 de abril, se basean na suposición de que outros países necesitan o mercado estadounidense porque a turbulencia será tan grande que a alternativa a someterse aos EUA é o caos.

 É evidente que Beijing, Moscova e agora Nova Deli decidiron que aceptar a turbulencia comercial é moito mellor que a capacidade dos EUA e Europa Occidental para aceptala. Apostan a que non será tan difícil substituír o mercado estadounidense. China xa trasladou o 100% da súa demanda de soia dos EUA a Brasil (un país BRICS+ afectado por aranceis do 50% impostos por Trump, do mesmo xeito que a India e Suráfrica). Como resultado, os prezos da soia están a caer nos EUA.

 O sector agrícola, un sector político chave desde a década de 1930, está a sufrir enormemente debido á perda do mercado chinés, e agora outros países aliados de China, Rusia e a India poden reestruturar o seu comercio entre si. Obviamente, haberá custos a curto prazo. Haberá despedimentos e peches de fábricas téxtiles na India, por exemplo. Un tribunal federal de apelacións de EUA ditaminou en agosto que moitos dos novos aranceis de Trump son ilegais. Unha decisión da Corte Suprema que os declare ilegais tamén podería xerar esperanzas de que sexan revogados, pero isto non terá ningún efecto porque tanto os republicanos como os demócratas no Congreso apoian plenamente as accións de Trump.

 Apoiaron a guerra arancelaria e de sancións contra China durante o seu primeiro mandato, aranceis e sancións que logo endureceu Biden. Apoian a guerra comercial dos EUA contra China, a pesar de que as enquisas mostran que a sociedade estadounidense desexa o mesmo que Xi. Queren harmonía e paz, comercio normal, benestar e prosperidade. Entrementres, os senadores e representantes estadounidenses no Congreso desexan unha Nova Guerra Fría, pobreza, inflación e a desvalorización do dólar.

 Desde esta perspectiva, son os políticos estadounidenses os que están a destruír a economía estadounidense. Os votantes e a comunidade empresarial sairán perdendo. Grandes empresas manufactureiras estadounidenses, como John Deere, Nike e Black & Decker, declararon que a política arancelaria de Trump lles vai custar miles de millóns de dólares ao ano.

 Os EUA non están a actuar realmente no seu propio interese nacional. E isto  parece deberse a que a CIA, o Consello de Seguridade Nacional, o Consello de Asesores Económicos e todos os economistas gobernamentais calcularon mal os custos e beneficios de reestruturar a orde mundial. Por razóns ideolóxicas, non comprenden por que China e os seus aliados prosperan. Sobre todo, non recoñecen que unha economía de mercado de orientación socialista funciona mellor que unha economía de mercado belixerante e financeirizada que experimenta un déficit crónico de balanza de pagamentos e unha débeda pública masiva causada polo custo da Nova Guerra Fría.

  1. Moitos dos acordos alcanzados na OCS e os BRICS+ son, como resulta obvio, principalmente económicos. A India (do mesmo xeito que Brasil ou Suráfrica) non querería unirse a nada que puidese considerarse un grupo en contra dos EUA, xa que o seu principal obxectivo é diversificar os seus lazos económicos e comerciais con todo o mundo. Por tanto, a OCS, do mesmo xeito que os BRICS+, non son grupos que queiran loitar contra os EUA, senón grupos que buscan protexerse deste e crear un mundo multipolar. Se Washington non se aliñase en contra da India, sería moito máis cauteloso, pero que pode facer realmente agora? A India nunca se someteu nin cedeu ás exixencias de Washington, pero mesmo se o fixo, cales serían as recompensas?

 Os europeos si o fixeron. Asinaron calquera acordo que Trump propuxese. Aínda que a UE cualificou o acordo de Trump como un horríbel acordo comercial asimétrico, von der Leyen asinouno de todos os xeitos. E os líderes europeos sentaron como bos escolares fronte ao escritorio de Trump no Despacho Oval. Fixeron todo o que se lles pediu, esperando que a súa obediencia fose recompensada, pero aparentemente non foi así.

 Os líderes europeos illáronse de Rusia, China, Irán e mesmo da India no futuro, mentres que Trump exixe que a UE aplique aranceis do 100% a China e a India para presionar a Putin. Isto só os fai máis dependentes dos EUA, debilitando aínda máis a súa posición, especialmente porque co xurdimento dun mundo multipolar, Europa Occidental é moito menos importante para os EUA, que debe centrar a súa atención e recursos político-militares en se enfrontar a China.

 As elites gobernantes europeas están atrapadas no mundo unipolar e actúan por desesperación: queren prolongar a guerra en Ucraína contra Rusia e fortalecer a OTAN mediante o rearmamento, a pesar da devastación que isto traería ás economías europeas (desaceleración económica, crise industrial, perda de poder adquisitivo dos salarios, recortes nos servizos sociais e sanitarios, etc.), para manter os EUA ancorados no continente europeo.

 Poderíase argumentar que se os EUA abandonan Europa ou retiran suficientes tropas como para perder a súa influencia política sobre os europeos, e estes están sós, entrarían nun novo mundo. E a súa visión do mundo cambiaría radicalmente con respecto a unha situación tal como a de agora, na que teñen aos estadounidenses pisándolles o rabo, actuando como forzas de paz e traballando incansabelmente para mantelos neste papel submiso. Adoptarían un conxunto de políticas moi diferente e probablemente actuarían para pór fin á guerra en Ucraína, en parte para evitar asumir os custos, e verían a Rusia e China de maneira moi diferente.

  1. Trump logrou obrigar a Europa a mercar gas licuado e armas estadounidenses. E con todos os acordos arancelarios asinados, a economía europea tamén se ve privada da oportunidade de comerciar cos países asiáticos, as economías de máis rápido crecemento do mundo. Isto a pesar de que, tras décadas de negociacións, a UE podería concluír o acordo do Mercosur con países suramericanos, un acordo que crearía a maior zona comercial endexamais estabelecida por Bruxelas, involucrando a máis de 700 millóns de persoas e xerando potencialmente preto de 100 000 millóns de euros anuais.

 Non é casualidade que en Europa Occidental exista unha profunda división entre a poboación e as clases dirixentes políticas (polas políticas de austeridade social, o rearmamento, as posturas sobre a guerra en Ucraína e o xenocidio en Palestina, a submisión aos desexos estadounidenses, a desindustrialización, o aumento do custo da vida e a crecente inxustiza económica e pobreza). Está a xestarse unha revolución política que probabelmente conducirá (en Francia, Alemaña, o Reino Unido, etc.) á derrota dos partidos globalistas proestadounidenses, centristas e de centroesquerda no poder, substituíndoos por partidos nacionalistas de extrema dereita que capitalizan a indignación popular e recoñecen que entramos nun mundo multipolar.

 Desafortunadamente, sorprende que o cambio político estea a producirse case exclusivamente na dereita do espectro político e non na esquerda (coa excepción dos partidos de Jean-Luc Mélenchon, Sahra Wagenknecht e a nova agrupación liderada por Jeremy Corbyn e Zarah Sultana). Con todo, a ruptura irreversíbel xa se produciu. Nada pode suceder en Europa Occidental que teña un impacto decisivo.

 A identidade e a estrutura das regras que seguirá a meirande parte do mundo serán as decididas por China, Rusia, a India, outros países BRICS+ e a "maioría global". Deixarán non só os EUA, senón tamén a Europa Occidental, illados diplomática, política e economicamente. Nos últimos días, von der Leyen, Alemaña e a UE anunciaron a súa intención de fornecer de mísiles a Ucraína e atacar Rusia. Isto non fai máis que confirmar a irreversibilidade do illamento de Europa Occidental do resto de Eurasia.

  1. Nos seus discursos públicos na reunión da OCS, nin Xi nin Putin fixeron referencia ningunha aps EUA nin a Europa Occidental (aínda que Xi instou a oporse á mentalidade da Guerra Fría, a confrontación entre bloques e as prácticas intimidatorias). Non describen explicitamente as súas accións como oposición aos EUA e Europa Occidental. Simplemente os ignoran. Apóianse mutuamente. Do que falan é de revivir os principios que sustentan a multipolaridade, a igualdade de trato e a non inxerencia nos asuntos internos doutros países das Nacións Unidas.

 O secretario xeral da ONU, António Guterres, recibido por Xi Jinping o 30 de agosto, gabou o apoio de China "nun momento en que o multilateralismo está baixo ataque". "O papel da República Popular Chinesa como alicerce fundamental do sistema multilateral é extremadamente importante e estamos moi agradecidos por iso", engadiu. Xi Jinping enumerou cinco principios para unha gobernanza global xusta e equitativa que buscan garantir unha arquitectura de seguridade para todos, un marco multilateral para promover a paz e a prosperidade globais para as xeracións futuras.

 En resumo, «Primeiro, debemos adherirnos á igualdade soberana. Segundo, debemos respectar o estado de dereito internacional. Terceiro, debemos practicar o multilateralismo. Cuarto, debemos promover un enfoque centrado nas persoas. Quinto, debemos centrarnos en tomar medidas concretas». En esencia, China, a OCS e os países BRICS+ están a considerar unha orde mundial ideal ao que todos os Estados poderían unirse nunha situación beneficiosa para todos. A idea é evitar que os países membros destas organizacións utilicen o comercio exterior e as finanzas internacionais como armas. Están comprometidos a resolver as súas diferenzas non no campo de batalla, senón mediante o consenso e a negociación.

 Simplemente ignoraron os EUA. Así que non é que a India nin ningún outro país que se una á OCS ou ao BRICS+ se opoñan aos EUA. Afirman que queren seguir principios fundamentais que, segundo eles, son os principios fundamentais da civilización mesma. E estes principios de civilización non só están consagrados na Carta das Nacións Unidas, unha organización global fundada na existencia de estados soberanos con plenos dereitos e igualdade, senón tamén en todo o Tratado de Westfalia de 1648.

 Son os de igualdade entre os estados, de non inxerencia nos asuntos internos doutros estados, da prohibición do cambio de réxime ou do asasinato secreto de xefes de estado. Simplemente falan do marabilloso mundo que tentan crear, un mundo no que se recoñeza a existencia e coexistencia de diferentes ordes sociais e políticas, e se outros países non queren unirse (obviamente, os EUA e Europa Occidental non quererán unirse), simplemente forman parte doutro mundo, están fóra da civilización, fóra do Estado de dereito.

 Xi e Putin falaron repetidamente de que o dereito internacional é vinculante para todos, en contraste coa "orde baseada en regras" estadounidense, que non consideran nin internacional nin baseada en regras, nin sequera ordenada, e que nos últimos anos dexenerou nun caos internacional descontrolado. Estas normas defíneas Trump baseándose unicamente nos intereses nacionais estadounidenses, convertendo os EUA nun modelo do que a "maioría global" quere evitar.

 Trump exixe que as empresas europeas, xaponesas e coreanas trasladen as súas industrias automotrices, informáticas e outras importantes a EUA, ou que permitan ás grandes tecnolóxicas estadounidenses controlar as súas tecnoloxías emerxentes chave sen ter que declarar ingresos impoñíbeis, pagar impostos nin impor regulacións, algo que mesmo países europeos tentaron impedir que fagan as empresas estadounidenses.

  1. Agora é evidente que a política exterior estadounidense se basea na premisa de como sementar o caos noutros países e danar as súas economías para obrigalos a aliarse con eles. Tentan gobernar mediante o medo, as ameazas, as provocacións e a coerción (pensemos nas ameazas á soberanía de Canadá, Panamá e Dinamarca, o bombardeo das instalacións nucleares iranianas e o que estivo sucedendo con Venezuela nos últimos días, quizais o primeiro paso para un maior enfoque da política exterior e militar estadounidense nas Américas —un eixo latinoamericano— co rexurdimento da política do "Gran Garrote", as canoneiras e a Doutrina Monroe).

 Trump declarou que as relacións cos EUA deben ser bilaterais, país por país, e que os EUA sempre deben ser o gañador, mentres que os demais países sempre deben ser os perdedores. Afirmouno repetidamente nos seus discursos e escritos en liña. Os seus aranceis estabeleceron un límite mínimo do 10% para case todos os socios comerciais de EUA. Trump tamén impuxo os chamados aranceis "recíprocos" a países aos que acusa de tratar inxustamente aos EUA no comercio.

 Lesoto, unha nación surafricana de 2,3 millóns de habitantes, enfrontouse a un arancel do 50%, mentres que Trump tamén impuxo un arancel do 10% a un grupo de illas deshabitadas preto da Antártida onde habitan pingüíns. Por tanto, toda a estrutura futura da OCS e os BRICS+, como anunciaron os seus líderes, será voluntaria, cun sistema de beneficio mutuo, non un xogo de suma cero. Trump fixo precisamente o contrario de todo o que Asia e a "maioría global" queren evitar, e isto estaos axudando a estabelecer as regras que impedirán que calquera país membro volva facelo.

 Neste sentido, se cadra Trump debería gañar o Premio Nobel da Paz por mobilizar a maior hostilidade global imaxinábel cara ao imperialismo estadounidense. Acelerou e catalizou a creación dunha orde internacional que, segundo os seus defensores, debería ser máis xusta, representativa, idealista e pacífica, e que simplemente non se aplicará aos EUA nin a Europa Occidental.

  1. O fascinante é que gran parte do que está a acontecer podería terse predito hai moito tempo. Desde 1945, unha enorme cantidade de poder económico concentrouse nunha potencia hexemónica como os EUA, que durante décadas actuou como unha potencia "benigna" simplemente porque lle interesaba crear e proporcionar un benestar colectivo para o sistema internacional; é dicir, para asegurar que o resto do sistema internacional confiase no seu control administrativo sobre a economía internacional.

 Garantiu, aínda que con frecuencia de forma bastante selectiva, un sistema económico internacional aberto e liberal con acceso a tecnoloxías e industrias chave fiábeis, corredores de transporte ininterrompidos baixo o control da Armada estadounidense, unha moeda de reserva (co "privilexio do dólar") e fluxos financeiros globais.

 Con todo, coa potencia hexemónica en declive, isto xa non funciona, xa que os EUA utilizan o seu control administrativo sobre a economía internacional para impedir o ascenso de países que percibe como os seus rivais económicos e políticos. Por exemplo, impoñen aranceis unilateralmente, cortan o acceso de China á tecnoloxía, bloquean o acceso de Irán aos corredores de transporte, confiscan os seus petroleiros, confiscan o ouro doutros países e prohiben a países considerados adversarios ou inimigos acceder aos mercados financeiros e divisas.

 Gradualmente, todo o sistema económico internacional está a converterse nunha arma, e a confianza desaparece. E isto só intensifica a necesidade de alternativas. Os EUA agora buscan unha economía tributaria na que outros países deben pagar tributos ou aceptar que parte do seu poder industrial e financeiro se extraia para o beneficio exclusivo de Washington. Este sistema de explotación destrutiva e a moi curto prazo destrúe gran parte desa confianza.

 Aínda que moitos dos acordos asinados en China son de natureza económica, suponse que representan as bases dun novo sistema internacional. Os principios chave deste novo sistema foron amplamente esbozados non só por Xi, senón tamén polo ministro de Asuntos Exteriores ruso, Lavrov, nun discurso pronunciado o mes pasado. Falou da necesidade de estabelecer mecanismos de comercio exterior que Occidente non poida controlar, como corredores de transporte, sistemas de pagamento alternativos e cadeas de abastecemento. Sinalou como os EUA paralizaron a Organización Mundial do Comercio ao negarse a permitir o nomeamento dun xuíz independente, o que imposibilitou a formación do panel de tres xuíces de resolución de disputas da organización.

 Isto, do mesmo xeito que outras organizacións multilaterais, foi bloqueado eficazmente polos EUA cando decidiron que a globalización xa non lles beneficiaba exclusivamente a eles, senón principalmente a China. Hoxe en día os EUA só teñen a capacidade de impedir que outros países actúen. Por exemplo, o poder de veto dos EUA impediu que as Nacións Unidas denunciasen a Israel e detivesen o xenocidio en Gaza. Os EUA decidiron non unirse a ningunha organización internacional na que non teña poder de veto, alegando que iso significaría deixar que outros países controlen as súas economías. En esencia, decidiu que, se non poden controlar o mundo, o destruirán.

 Pois ben, ningún estado terá ese tipo de poder de veto entre os países da "maioría global". Isto demostrou ser o talón de Aquiles da capacidade de decisión e intervención das Nacións Unidas, outorgando aos EUA a capacidade de bloquear decisións e utilizar as ferramentas da corrupción e as ameazas militares e financeiras. Por exemplo, algúns analistas argumentan que subornaron o Organismo Internacional de Enerxía Atómica ao obrigar o seu director, Rafael Grossi, a entregar a Israel a listaxe de todas as instalacións nucleares iranianas e os nomes dos científicos aos que bombardeou e asasinou.

 Así, gran parte do mundo xa non se rexerá polas normas unilaterais estadounidenses. Os EUA están a actuar por desesperación, tratando de deter todo, impondo unilateralmente aranceis e sancións e tomando accións militares contra o resto do mundo (non é casualidade que xusto nestes días Trump decida renomear o Departamento de Defensa (anteriormente o Departamento de Guerra, que era como se coñecía até 1947). Xa en 2022, Putin describiu este estado de cousas, argumentando que "os países occidentais afirmaron durante séculos traer liberdade e democracia a outras nacións. Con todo, o mundo unipolar é inherentemente antidemocrático e non libre. É falso e hipócrita de xeito total". Esta é a declaración máis directa que puido facer.

 O curso da política internacional desde 2022 confirmou a afirmación de Putin e a necesidade dunha alternativa para un número crecente de países. E ese é precisamente o punto. Esta é a primeira vez que realmente se lles presionou para revelar claramente as regras dunha alternativa. Será un sistema económico moi diferente, porque historicamente, só vimos sistemas económicos liberais funcionar baixo a hexemonía británica no século XIX e logo durante os "trinta anos gloriosos" baixo a hexemonía estadounidense no século XX.

  1. Non pasou moito tempo desde a Revolución Industrial e a introdución do capitalismo, e o irónico é que o que China está a facer coa súa economía de mercado de orientación socialista é precisamente o que os economistas clásicos describiron como a estratexia de desenvolvemento do capitalismo industrial en Gran Bretaña, Francia, Alemaña e outros países a primeiros do século XIX. China ten unha economía mixta, público-privada, que xera entre o 94% e o 97% do seu PIB. Este é o modelo económico que as sociedades europeas implementaron para erradicar os monopolios creados na época feudal, permitindo aos reis recadaren fondos para pagar aos seus acredores as débedas de guerra que contraeran ao enfrontarse entre si.

 Mediante o conflito social e a loita política, os europeos lograron que estas entidades públicas, en lugar de ser monopolios privados ou monárquicos, puidesen proporcionar servizos públicos básicos como sanidade, educación, transporte e comunicacións a prezos reducidos para reducir os custos de funcionamento da economía e garantir un maior benestar para os seus cidadáns. Isto é o que China está a facer. Está a seguir fielmente o modelo histórico europeo da economía mixta, público-privada.

 A pesar da súa apertura á economía global na década de 1970 e incorporación de elementos das relacións sociais capitalistas (empezando polo traballo asalariado), China conservou compoñentes chave da súa economía posrevolucionaria, como o liderado do Partido Comunista Chinés (PCCh); a propiedade colectiva da terra nas zonas rurais; un importante sector estatal na economía; o control da banca, as finanzas nacionais e a moeda; e sucesivos plans quinquenais que ofrecen unha orientación estratéxica para a economía. Continuou perseguindo o seu obxectivo dunha transición a longo prazo cara a unha sociedade socialista ben desenvolvida, en consonancia co «socialismo con características chinesas».

 Foron estes acontecementos, vistos como unha ameaza á hexemonía global dos EUA, os que impulsaron a Obama a lanzar o seu Pivote cara a Asia, destinado a conter estratexicamente a China, en 2011. Este proxecto, así e todo, quedou en suspenso nos primeiros anos tras o cambio de liderado chinés en 2012, co establishment de seguridade nacional estadounidense esperando atopar un "Gorbachov chinés" en Xi Jinping. Unha vez que quedou claro que China, baixo o seu novo liderado, continuaría promovendo o "socialismo con características chinesas", os EUA lanzaron a súa Nova Guerra Fría contra China en 2017.

 Do mesmo xeito que na Guerra Fría anterior coa Unión Soviética, a Nova Guerra Fría non se dirixe simplemente a China, designada como o principal rival dos EUA, senón a todas as rupturas, desafíos e intentos revolucionarios de desvincularse (parcial ou totalmente) da orde imperial "baseada en regras" centrada nos EUA. Neste contexto, os EUA e a OTAN están a librar actualmente unha guerra por poderes con Rusia en Ucraína, apoiando o xenocidio dos palestinos por parte de Israel, preparando unha gran guerra con China por Taiwán (recoñecido internacionalmente como parte de China, pero baixo un goberno separado que os EUA se comprometeron a protexer, pero que agora recibiu aranceis do 20% de Trump) e librando unha guerra arancelaria contra todo o mundo, aínda que principalmente dirixida a China.

  1. Onde China superou aos economistas clásicos do século XIX é en que controlou verdadeiramente as finanzas como un servizo público. A creación de diñeiro e crédito é xestionada polo Banco Popular de China, que crea crédito para o investimento directo de capital tanxíbel, para aumentar a produción e financiar investimentos que eleven o nivel de vida, non para xerar ingresos. Por tanto, presumibelmente, toda a estrutura que veremos na OCS, os países BRICS+ e a "maioría global" consistirá en utilizar o sistema bancario e financeiro non para financiar adquisicións inmobiliarias, nin para crear crédito destinado principalmente a impulsar burbullas inmobiliarias ou bolsistas, nin para xestionar a economía como un "esquema Ponzi" [tipo de fraude financeira, N. do T.], senón para utilizar a creación de crédito e excedente económico para reinvestir na produción nacional xeral.

 Non para a creación de riqueza financeira en mans dun sector financeiro controlado por uns poucos na cima da pirámide económica, cuxo produto é a débeda, endebedando ao resto da poboación e creando monopolios que extraen intereses, rendas monopolísticas e todos os custos financeiros que caracterizan a Occidente. China e outros países de "maioría global" avanzan cara ao que agora describen como as novas regras da civilización. Pero estas son precisamente as regras da civilización que se seguiron en Europa Occidental desde a Revolución Industrial.

 Como se industrializaron Inglaterra e os países europeos e converteron a Gran Bretaña no taller do mundo? Reducindo os custos de produción e os gastos xerais, eliminando os monopolios e transformándoos en servizos públicos. China e outros países de "maioría global" redeseñarán o sistema bancario e financeiro para que financie eficazmente a industria, non só as débedas de guerra e as débedas predatorias xeradas sen ter en conta a capacidade da economía para pagalas e sostelas.

  1. Sabemos que, a primeira vista, é case inevitábel que en Occidente se interpreten estes acontecementos como negativos, dado que representan un cambio masivo de poder de Occidente a Oriente e ao Sur Global, e, por suposto, hai algo que dicir respecto diso. Doutra banda, tamén debe recoñecerse que o sistema do que estes países tentan desvincularse parece chegar ao seu final: as nosas economías financeirizáronse excesivamente. Simplemente, xa non son competitivas. A débeda alcanzou niveis desorbitados (a débeda pública federal estadounidense superou os 37 billóns de dólares, e a débeda pública e privada estadounidense ascende a 110 billóns de dólares). É insostíbel.

 A confianza neste sistema económico está abaneando. A desigualdade económica acumulada deu lugar a unha oligarquía que se está volvendo extremadamente destrutiva non só para a sociedade, senón tamén para a política, para o funcionamento da democracia (unha innegábel viraxe autoritaria está en marcha, coa transición acelerada cara a formas de "democratura" e "posdemocracia"), e pola súa dependencia das "guerras eternas". É un sistema destinado ao colapso se non hai alternativas. E resulta estraño que estea a xurdir esta hostilidade case instintiva cara a estas alternativas.

 A alternativa que se está xestando en lugares como a OCS ou os BRICS+ non é un regreso ás décadas de 1950, 1960 e 1970, como desexarían os que integraban o movemento MAGA nos EUA (na súa maioría, homes brancos extraballadores industriais, xunto coas súas familias e comunidades locais). Votaron por Trump porque se viron prexudicados durante os últimos 40 anos (perderon os seus empregos ben remunerados e sindicados, así como os seus ingresos, status e seguridade) pola globalización económica, a desindustrialización (a recolocación da produción industrial a China e outros países do mundo), a automatización e a inmigración de traballadores estranxeiros con baixos salarios e privados de dereitos.

 Por tanto, actualmente, só o 11% da forza laboral estadounidense traballa na produción industrial. Os principais medios de comunicación occidentais cualificaron a reunión da OCS como a cimeira da tiranía ou a cimeira de autócratas malvados, nacións rebeldes que odian a Occidente, a liberdade, os DDHH e a democracia. Doutra banda, durante o desfile militar de Beijing, Trump publicou unha mensaxe nas súas redes sociais: «Que o presidente Xi e o marabilloso pobo chinés gocen dun gran e duradeiro día de celebración. Pídolles que transmitan os meus máis sinceros saúdos a Vladimir Putin e Kim Jong-Un mentres conspiran contra os EUA». Esta é simplemente unha forma sumamente prexuizosa e demonizadora de enmarcar estes enormes acontecementos históricos que se están desenvolvendo actualmente.

 Esta actitude malévola é froito tanto da ideoloxía supremacista occidental construída durante máis de 500 anos de dominación sobre o resto do mundo como da continuación da guerra de clases contra o socialismo e os traballadores. Representa unha elección ideolóxica específica que presupón que non hai alternativa a unha visión thatcherista e neoliberal de privatizar todos os recursos do mundo co propósito de acumular capital.

 Hoxe, o mercado de valores estadounidense está apoiado por unha burbulla especulativa creada por oito a dez corporacións de alta tecnoloxía que perseguen a miraxe da carreira pola intelixencia artificial como un novo sistema de dominación e acumulación. Esta burbulla está alimentada por grandes concentracións de capital —Vanguard, BlackRock e Blackstone— que están drenando os aforros das clases media e traballadora en todo o mundo occidental para apontoar Wall Street, as burbullas inmobiliarias e o financiamento da débeda estadounidense. Con todo, os prezos dos bonos do Tesouro estadounidense están a caer, mentres que as taxas de xuros a longo prazo están a subir. O prezo do ouro acaba de superar os 3.500 dólares a onza, cen veces o seu prezo de 1971.

 A economía de Trump abanea a medida que o crecemento do emprego en EUA se estanca. A súa promesa de traer prosperidade aos estadounidenses vese socavada polos datos económicos e de emprego. O gasto na construción de fábricas nos EUA, un bo indicador das perspectivas para a manufactura nacional, diminuíu en cada un dos primeiros seis meses do segundo mandato de Trump, pondo fin a un período de rápido crecemento baixo Biden.

 A administración Trump gábase de que os aranceis están a xerar miles de millóns de dólares en novos ingresos, talvez até medio billón de dólares ao ano, pero os consumidores estadounidenses están a soportar en gran medida o custo destes novos impostos (un feito que Trump e o seu secretario do Tesouro, Scott Bessent, se negan a recoñecer). Os aranceis poderían reducir o poder adquisitivo da familia estadounidense media en 2.100 dólares para 2027, segundo os cálculos do Yale Budget Lab.

 Os EUA poderían afundirse nunha recesión antes de ver a idade de ouro que Trump tanto prometeu. E estamos a ver evidencia de que o que Occidente chama democracia é oligarquía, e o que está a atacar como autocracia é un sistema político como o de China, que apunta a elevar os niveis de vida e previr o tipo de polarización económica entre unha estreita clase financeira e o resto da sociedade que caracteriza á economía endebedada de Occidente.

 En realidade, Occidente leva polo menos un século librando unha loita contra os ideais da economía clásica, unha economía mixta, esencialmente para combater o control redistributivo gobernamental e tendendo á privatización de sectores económicos e bens públicos para crear monopolios privados. É unha loita para servir aos intereses dos rentistas. Unha loita dos bancos, en apoio da clase dos grandes capitalistas e monopolistas, contra todas as reformas que floreceron no século XIX, antes da I Guerra Mundial. E toda esta contrarrevolución acabou unindo os EUA e Europa Occidental, bloqueando o seu desenvolvemento.

 Son os demais países do mundo os que están a retomar a traxectoria de desenvolvemento civilizatorio que se desenvolvía en vésperas da I Guerra Mundial, antes de que todo o século pasado fose un longo desvío da dominación estadounidense e europea baixo unha oligarquía financeira cada vez máis inxusta e polarizada.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 16 de setembro de 2025]