A orde de avaliación presentada pola Consellaría crea máis incertezas e problemas dos que resolve
A CIG-Ensino considera que o borrador presentado este xoves pola Consellaría de Educación non dá resposta ás dúbidas creadas pola falta de entendemento entre a administración galega e a estatal en todo o relacionado co desenvolvemento da LOMLOE e, concretamente, no relativo á avaliación. Aproveitando a convocatoria da Mesa Sectorial, a CIG-Ensino tamén realizou unha concentración para denunciar a política de recortes que mantén a Xunta de Galiza no ensino público.
A CIG-Ensino denunciou na Mesa Sectorial que a inercia e o partidismo dos responsábeis da Consellaría leva a que figuren no texto os estándares de aprendizaxe implantados na LOMCE para seren tomados en consideración “en todo caso” nas diferentes etapas educativas. A CIG-Ensino solicitou que na redacción se incorpore expresamente o que figura no artigo 3 do Real Decreto 984/2021, do que parte esta orde: que os estándares de aprendizaxe teñen un carácter simplemente orientativo.
"O que está claro é que, diga o que diga o texto, ningún docente terá a obriga de ter en conta os estándares e será decisión propia usalos como referencia ou non", aseverou o secretario nacional, Suso Bermello.
A atención á diversidade, esquecida
O borrador da orde non recolle expresamente unha referencia expresa ás medidas de flexibilización e alternativas de ensinanza e avaliación da lingua estranxeira para o alumnado con NEAE, tal e como se recolle no RD.
Mais alá disto, a CIG-Ensino considera que na situación actual de recortes e de falta de profesorado para a tender á diversidade nunha aulas con ratios totalmente inapropiadas, a atención a este alumnado está totalmente en cuestión. Existe unha sobrecarga de traballo para mestras e mestres de PT e AL e unha enorme dificultade ou mesmo imposibilidade dunha atención especial por parte do titor ou titora.
Avaliación en Primaria
A Consellaría mantén igualmente terminoloxía como a de “indicadores de logro” na avaliación en Primaria, eliminadas no actual RD tras a derrogación do RD 126/2014. A terminoloxía a usar debería acomodarse para evitar máis confusión e burocracia da creada xa.
Avaliación na ESO, terceira e final
A avaliación nesta etapa educativa que presenta a Consellaría é a que máis problemas crea e, mesmo empeora a situación actual.
No relativo á avaliación terceira e final, para a CIG-Ensino non resulta unha medida adecuada, unha vez que se eliminan as avaliación extraordinarias, recorrer a diferencialas na ESO a manter unha avaliación extraordinaria encuberta. A data de avaliación no 6 de xuño tiña sentido ao existir unha avaliación final mais agora semella que só vai servir para causar maiores trastornos nos centros.
Coa súa desaparición, a terceira avaliación debe retrasarse para que coincida coa data da avaliación ordinaria no 22 de xuño, integrando esa quincena no conxunto da aprendizaxe de todo o curso escolar para todo o alumnado.
Subliñan que hai materias que na ESO poden ter un desenvolvemento curricular non acumulativo, "isto é, que se poden impartir nunha avaliación contidos totalmente diferentes ás das demais. Isto evidentemente debe ser tomado en consideración á hora de decidir sobre a avaliación final do curso, mais para iso non é necesario (ou cando menos non debería ser obrigatorio) manter a terceira avaliación e a final. Entendemos que a mellor opción é que coincidan no tempo".
Por iso, advirten que a decisión adoptada pola Consellaría pode crear un maior nivel de inseguridade para o profesorado, xa que non queda claro o papel que se lle quere dar ás “actividades de recuperación”, que debe aclararse para evitar posteriores reclamacións das familias. Estas actividades, que poden ser moi necesarias, poden realizarse igualmente sen que formalmente se rexistre nunha acta o resultado dunha terceira avaliación parcial.
Se non se acepta facer conxuntamente e con carácter xeral a avaliación final coa terceira, propomos que, cando menos, se redacte como no Bacharelato e se regule que “a terceira avaliación poderá coincidir coa final”, permitindo que sexan os centros quen tomen esa decisión.
O que todo o profesorado se está a preguntar agora é como se vai organizar o final de curso co alumnado que aprobe todo na 3ª avaliación. É obvio que tratándose de escolarización obrigatoria debe ser atendido. Cos actuais cadros de persoal non é posíbel facelo nas condicións idóneas. A Consellaría bota balóns fóra no canto de regular expresamente que facer.
Criterios de promoción e titulación
Consideramos que a proposta empeora a situación actual. Tal e como está redactada, coa obriga de cumprir “todos os requisitos”, un alumno ou alumna con tres materias suspensas e nota media inferior a cinco non podería promocionar nin titular cando na actualidade si pode, se así o decide o equipo docente.
A CIG-Ensino considera que a medida dunha promoción e titulación tan controlada vai impedir na práctica que se poida promocionar ou titular, porque vai ser testemuñal o caso de alumnado que con tres materias suspensas poida acadar o 5 de media.
A existencia dunha nota media de referencia non pode pasar por riba dunha valoración conxunta e amplamente maioritaria do equipo docente e, se se inclúe como un criterio, debe ser referencial e non excluínte.
Preocupación por unha maior carga burocrática
A CIG-Ensino advirte dun incremento de burocracia que incide nun profesorado xa abafado de tarefas de xestión que xustifican aínda máis a demanda de que se reduza a carga lectiva do profesorado e que se reduzan as ratios para poder facer efectivas e con resultados as tarefas de reforzo e recuperación que figuran na orde de avaliación.