A OIT, o emprego e as falsas solucións da mudanza climática

Eduardo Camín - 03 Mai 2021

O desafío da mudanza climática, que implicaría unha cooperación internacional e a creación de emprego, están en contradición coa lóxica profunda do capitalismo, un sistema que está baseado na competencia entre capitais e no afán de lucro

 A Organización Internacional do Traballo (OIT) estima que o aumento das temperaturas por mor da fundanza climática podería provocar a perda de 80 millóns de empregos de aquí a 2030 e, como sempre, os países pobres serán os máis afectados.

 Estima, así mesmo, que a adopción de medidas ambiciosas dirixidas a combater a mudanza climática podería crear máis e mellores traballos, cun potencial de 18 millóns de empregos netos para 2030, grazas á aplicación de medidas no sector da enerxía.

 As empresas necesitarán traballadores ben formados, que dispoñan do conxunto de competencias adecuadas para reducir a intensidade de carbono da produción. Será necesario que invistan en preparar os seus traballadores para un novo e desafiante cambio técnico e tecnolóxico, convertendo o lugar de traballo nun lugar de aprendizaxe permanente na transición ecolóxica.

 A información sobre o ambiente e o clima pode contribuír a crear empregos, fomentar un mercado de consumo ecolóxico e permitir que os cidadáns colaboren cos gobernos en materia de mudanza climática.

 Por iso a OIT insiste en que se adopten medidas urxentes a nivel mundial contra a mudanza climático, que inclúen a necesidade de apoiar a educación e a sensibilización sobre o clima. A transición cara a unha economía sen emisións de carbono requirirá novas competencias, formación e cualificacións.

 “Os efectos do cambio climático alterarán a estrutura do emprego. Novos empregos e de familias de empregos se crearán, outros desaparecerán ou serán insostíbeis, e as empresas terán que atopar novas e diferentes xeitos de organizar o traballo e a produción”, declarou o Director Xeral da OIT, Guy Ryder, “(...) Cómpre preparar a xente nova para este mundo en evolución. A educación sobre o clima pode axudar os estudantes para que resolvan a crise do clima e desenvolvan as competencias, o optimismo e decidan liderar o movemento ecoloxista de mañá”, engadiu.

Da función social da terra á propiedade privada

 Cada vez que o mundo celebra o Dia da Terra, e segundo a época, o espazo e a organización social dos pobos, a xestión da terra e os territorios tomou distintas formas e foi sempre un reto importante para toda comunidade humana.

 Non é doado facer un inventario das formas de xestión, dado que está ligada á historia de cada pobo/comunidade e pode ser mesmo extremadamente complexa. Pero para simplificar, algunhas comunidades priorizaron o uso colectivo da terra e continúan preconizándoo (pobos indíxenas orixinarios, por exemplo): para eles a venda da “nai terra” é inimaxinábel.

 Mentres, outros (entre outros lugares en Europa occidental) instauraron progresivamente a propiedade privada como norma principal e exportárona ás súas colonias. Como ben sinalou Jean J. Rousseau, no Contrato Social, a invocación do “dereito de tenza”, ou ius nullius, outorgando un dereito ao primeiro ocupante sobre un “ben persoal” serviu como “xustificación legal (...) para legalizar a apropiación colonial de terras que foran decretadas virxes”.

 Como lugar de vida (de vivenda, de actividades económicas, sociais, culturais, relixiosas...), as terras superficiais son un lugar insubstituíbel na existencia da humanidade. Esta é a razón pola que son obxecto de todas as cobizas.

 Este fenómeno vén reforzado pola multiplicación por sete da poboación mundial nun tempo apenas superior a un século. Desde o neolítico, a conquista das terras (sobre todo as fértiles) foi o obxectivo principal dos soberanos (emperadores, reis, príncipes...) para amasaren riquezas e estenderen os seus dominios.

 Neste contexto, pobos enteiros, mesmo países coas súas poboacións, podían ser propiedade dun soberano e, neste sentido, podían ser vendidos ou cambiar de soberano en función de alianzas, conquistas ou derrotas.

 Polo xeral, os dereitos de propiedade relativos á terra concíbense sen ter en conta os dereitos humanos. Porén, trátase dunha cuestión esencial xa que teñen un impacto real sobre o goce do dereito á alimentación, á vivenda, á saúde, ao traballo, a un ambiente saudábel, ao desenvolvemento...

 E, sen acceso á terra, moitos pobos ou comunidades están privados dos seus medios de subsistencia, como se pode ver un pouco por todo o mundo. Polo tanto, non é esaxerado dicir que o goce de todos os dereitos humanos, incluído o dereito dos pobos a decidir o seu futuro, depende de políticas e lexislacións relativas á terra.

 A ausencia de reformas agrarias e prácticas como desprazamentos forzosos, apropiación de terras a grande escala, regras comerciais desiguais, especulacións bursátiles sobre os produtos alimentarios, destrución ambiental, discriminacións e exclusións exercidas sobre familias campesiñas e outros produtores de alimentos supoñen unha fonte de violacións graves e masivas de dereitos humanos.

 Débense aplicar límites de propiedade na tenencia da terra cando sexa necesario co fin de asegurar un acceso equitativo ás terras.

O paradigma político ambiental

 A crise climática que afecta ao planeta motivou o interese de gobernos, medios de comunicación, movementos cidadáns e toda clase de organismos ambientais. Sobre os desafíos globais e locais debateuse en toda clase de foros internacionais e cumes, pero os enfoques e acordos están lonxe dunha solución efectiva.

 Están as solucións a esta crise dentro dos marcos do sistema capitalista? Pensamos que a resposta é non. O sistema capitalista céntrase na obtención e maximización de beneficios, na súa rendibilidade, sen lle importar se os recursos que utiliza son ou non renovábeis. Xa que logo, o sistema atopará un muro entre as súas forzas de desenvolvemento esenciais e os seus patróns de sobreexplotación.

 A crítica situación ecolóxica global evidénciase nos procesos de cambio climático, esgotamento de recursos naturais e degradación ambiental, acompañados de crecentes conflitos ambientais, está arrastrando a humanidade a unha irremisíbel catástrofe.

 E esta ameaza non é algo remoto senón un proceso claramente visíbel, cuxos efectos xa facer sentir e que, de continuar o irracional malgaste consumista xerado pola lóxica do capital, se incrementarán a ritmo crecente nas próximas décadas, até provocar un dano irreparábel ás condicións necesarias para a vida no planeta.

 Non é difícil comprender que é imposíbel crecemento infinito nun espazo finito como o é o do noso planeta. Durante miles de anos a humanidade colleu da natureza canto necesitaba para a súa reprodución e botou a ela os refugallos da súa actividade, sen se preocupar das consecuencias futuras.

 É terríbel a ameaza que representa para a existencia da humanidade a sistemática destrución do medio natural, provocada pola tendencia á produción pola produción e á dilapidación consumista inmanente á lóxica do capital, cuxas manifestacións son xa evidentes.

 Esta evidencia, empírica, demostra claramente as reticencias da cúpula gobernante nos principais países capitalistas a adoptar accións enérxicas que conduzan a unha verdadeira transformación cuantitativa e cualitativa da produción, así como dos correspondentes patróns de consumo.

 Polo tanto, pódese insistir sobre os conceptos que pretenden ilusionar cunha lóxica de cambio, pero os feitos foron demostrando, unha e outra vez, que conceptos como capitalismo sostíbel, capitalismo sustentábel son pura demagoxia. O capitalismo é na súa esencia, irreformábel e, en consecuencia, non é posíbel unha solución completa e definitiva da crise ecolóxica nos marcos do sistema.

 É un sistema intrinsecamente expansionista nos mecanismos de produción, comercio, consumo e a explotación dos recursos naturais e do traballo, no uso de novas tecnoloxías.

 A necesidade permanente de crecemento e expansión é unha das características centrais do sistema, pois é o único xeito de ampliar o ciclo de acumulación para valorizar o capital e realizar niveis cada vez maiores de beneficios que, ao reinvestírense, asegurarán un crecemento sostido da rendibilidade, o que supón certas garantías para sobrevivir fronte á feroz competitividade entre os capitais.

 No entanto, o que non pode resolver é a desocupación, a pobreza e desigualdade, a exclusión, a explotación, o desprezo, a subordinación sen cuestionar esa base, pois non se trata só de “consecuencias indesexábeis”.

 Son condicións indispensábeis para o propio establecemento e reprodución das relacións capitalistas, afondando cada vez máis nos problemas de contaminación, erosión, desertización, quecemento, sobreexplotación, espolio, depredación e extinción de recursos naturais e humanos.

As empresas transnacionais portadores da débeda ecolóxica

As empresas transnacionais dominan cada vez máis todos os sectores económicos nos que é posíbel ter beneficios. A maioría delas incorporaron consideracións sociais e ambientais no seu discurso, unha retórica sen sentido cuxa praxe se encarga de desmentir.

 Máis aló das súas boas intencións a escala mesma das súas actividades fai que a sustentabilidade ambiental sexa practicamente imposíbel de lograr, mentres que a competencia por dominar os mercados mundiais converteu as consideracións sociais en algo antagónico coa rendibilidade.

 A revolución verde e biotecnolóxica que se nos pretende vender é causante doutra débeda social e ecolóxica do Norte co Sur. Os graves impactos sociais, ambientais, culturais e económicos da aplicación de tecnoloxías agrícolas como a da chamada Revolución Verde e agora a agro-biotecnoloxía, coas súas sementes xeneticamente modificadas, así como programas que promoven a concentración de terras en poucas mans, constitúen unha inmensa débeda social e ecolóxica.

Que é a débeda ecolóxica?

 A débeda ecolóxica é en esencia a responsabilidade que teñen os países industrializados do Norte, as súas institucións, a elite económica e as súas corporacións pola apropiación gradual e control dos recursos naturais, así como pola destrución do planeta causada polos seus patróns de consumo e produción, afectando a sustentabilidade local e o futuro da humanidade.

 Baseados nesta definición, os pobos no Sur considéranse acredores desta débeda e os debedores son os países do Norte. Esta débeda ten como base o actual modelo de produción industrial, a produción exhaustiva de residuos como a emisión de gases de efecto invernadoiro, o capitalismo e o libre mercado.

 Hai unha necesidade ambiental, social, económica e moral de que se deteña o incremento desta débeda e de que se repare as consecuencias nefastas sociais e ambientais que o devandito modelo tivo sobre as poboacións do Sur.

 O recoñecer a existencia destoutras débedas, histórica, social e ecolóxica, e demandar un resarcimento, cambiará indefectibelmente e para sempre as relacións económicas internacionais, pero sobre todo permitirá deter o modelo depredador e xenocida que rexe no mundo.

 A débeda ecolóxica tamén se manifesta na apropiación abusiva de espazos comúns como son a atmosfera ou os océanos para absorber as emisións de gases con efecto invernadoiro. A mudanza climática está provocando desfeitas que afectan principalmente aos pobos máis vulnerábeis ao Sur. Miles de mortos, millóns de desprazados, terras agrícolas e ecosistemas naturais desaparecidos.

 As transnacionais dos países do Norte foron as principais beneficiarias dos proxectos de agroexportación, e teñen sumidos na pobreza e espoliación os países e pobos de América Latina, principalmente os pobos indíxenas e as comunidades campesiñas.

 Finalmente, o desafío da mudanza climática, que implicaría unha cooperación internacional e a creación de emprego, están en contradición coa lóxica profunda do capitalismo, un sistema que está baseado na competencia entre capitais e no afán de lucro.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 1 de maio de 2021]