A oficina de Correos de Bueu acumula 15.000 envíos e 500 certificados e notificacións sen entregar por falta de persoal
O persoal da oficina de reparto de Correos en Bueu participou hoxe nunha nova mobilizou convocada pola CIG para denunciar que a falta de persoal está a provocar a acumulación de máis de 15.000 envíos ordinarios e de arredor de medio milleiro de rexistrados sen entregar como consecuencia da falta de persoal. Con esta protesta, tal e como acontecera na que tivo lugar o pasado mes de outubro, a central sindical demanda a cobertura das prazas vacantes e das ausencias temporais.
A concentración, na que participaron membros do equipo de Goberno, entre eles o propio alcalde, Félix Juncal, desenvolveuse a partir das 13:15 horas para denunciar que a falta de efectivos por non cobertura de prazas nin de ausencias temporais por goce de permisos das persoas traballadoras deixa a unidade de reparto baixo mínimos, con tan só o 28% do cadro de persoal asumindo a carga de traballo.
En consecuencia os envíos amoréanse, até o punto de que na actualidade xa se superan os 15000 envíos ordinarios e preto de 500 envíos rexistrados (certificados e notificacións) sen saír a reparto. “Estes recortes de persoal por parte dos responsábeis de Correos deterioran a calidade do servizo e privan a cidadanía do dereito de recibir a súa correspondencia, incumprindo Correos sistematicamente a Lei Postal ao ser o prestador do Servizo Postal Universal e ter a obriga de realizar o reparto cinco días a semana”, sinalan dende a CIG.
Diante disto, as persoas traballadoras demándanlle á empresa pública que deixe a un lado estas prácticas “abusivas” e reforce o cadro de persoal para poder facerlle fronte á sobrecarga de traballo. Ao tempo que instan a Correos a non empregar “parches temporais” como o uso indiscriminado de horas extras ou o desvío de paquetería á unidade de reparto de Cangas para o seu reparto na quenda de tarde en detrimento do reparto de notificacións.