A oferta de vacantes no Concurso Xeral de Traslados duplícase nos corpos de Secundaria
O traballo realizado centro a centro pola CIG-Ensino, e tomado como referencia pola Consellaría, provocou o desbloqueo da oferta de vacantes, "o que supón un antes e un despois nas especialidades de secundaria e FP". Despois de anos de insistencia e con estudos pormenorizados elaborados desde o sindicato, coas achegas de profesorado e centros, conseguiuse para este ano 2019 un dos obxectivos que a CIG-Ensino se fixara no que ten a ver coa oferta de prazas definitivas nos concursos de traslados. Desbloquéase así a oferta de vacantes en Secundaria, pasando das 890 iniciais ás 1821 provisionais presentadas na reunión da comisión técnica. A cifra verase incrementada lixeiramente (sobre unhas 14 prazas) logo do resultado final da reunión.
Esa comisión que foi aceptada pola Consellaría, logo da proposta da CIG-Ensino de trasladar a negociación a nivel nacional debido á ausencia de negociación nas xuntas de persoal, nomeadamente nas da Coruña e Pontevedra. "Houbo que vencer reticencias da propia Xunta que en anos anteriores se negara a facelo e tamén de determinados sindicatos. O acerto da proposta da CIG queda agora á vista cuns resultados que avaliamos moi positivamente", subliñan dende a Federación.
Un incremento importante de prazas
A CIG-Ensino promoveu no outono de 2018 un estudo pormenorizado que levou a contrastar os datos con todos os centros. "A principios de xaneiro remitimos un informe pormenorizado á Consellaría. A propia Administración empregou o noso estudo como documento de traballo e base da negociación na comisión técnica do 5 de febreiro", apuntan.
Desde a CIG-Ensino amosan a satisfacción polos efectos positivos do traballo realizado e agradecen toda a información proporcionada "pola nosa afiliación, os equipos directivos e o profesorado en xeral. Somos conscientes de que o paso dado implica un cambio cualitativo na práctica da administración educativa e que esta non se tería producido sen a nosa insistencia e sen a colaboración docente, tanto pola información como polo apoio de case 12.000 sinaturas recollidas na campaña pola recuperación de dereitos, na que expresamente se incluía a problemática causada polo alto índice de provisionalidade nos corpos de secundaria".
A Subdirección Xeral alegou na reunión da comisión técnica que logo do “desbloqueo” conseguido neste concurso, as negociacións nos vindeiros anos volverán ás xuntas de persoal. A experiencia de anos anteriores invita a pensar en positivo polo que a CIG-Ensino estará vixilante de que a dinámica que se rompeu neste concurso non reapareza de novo.
O incremento de vacantes ten un carácter global
A CIG-Ensino reafírmase no obxectivo de que o profesorado acade canto antes o seu destino definitivo, cun prazo que non vaia máis alá dos dous anos após aprobar as oposicións. Mais para garantir a mobilidade é preciso que a transparencia na negociación, que si se produciu este ano, cun contraste praza a praza de todas as propostas que a CIG propuxo, sexa unha realidade nos próximos anos.
A petición dunha discriminación positiva no rural non foi atendida
Desde a CIG-Ensino defendeuse un tratamento diferente nos criterios empregados para decidir a oferta de prazas nos centros rurais. Salientan que non é igual a situación que existe en centros de dimensións medias e grandes ao respecto dos centros pequenos de concellos rurais. Por iso entenden que deben cubrirse as prazas existentes cun menor número de horas, garantindo unha maior estabilidade en centros nos que a maioría do claustro está composto por profesorado sen destino definitivo. A Consellaría non aceptou con carácter xeral a proposta da CIG.
Prazas vacantes sen profesorado que poida pedilas
Ademais, hai vacantes de determinadas especialidades de réxime especial (EOI, artes escénicas, deseño) das que non existe profesorado funcionario de carreira, ao ser todo o profesorado interino. Malia isto todos os anos se ofertan. A CIG-Ensino non é partidaria de facelo e, de ser así, que teñan perfil lingüístico como se aceptou nas prazas de cátedras no CMUS Superior.