A ofensiva das dereitas en América Latina

Marco Teruggi - 16 Set 2020

En América Latina multiplícanse as inhabilitacións políticas a líderes de esquerda, complicidades entre poderes xudiciais e mediáticos, paralelismos entre intentos golpistas. Trátase dunha ofensiva das dereitas que busca deter todo proceso de transformación progresista

 As inhabilitacións políticas multiplícanse na rexión. Despois da condena xudicial ao expresidente brasileiro Luís Inácio Lula da Silva, aconteceu con Rafael Correa en Ecuador e Evo Morales en Bolivia, refuxiado en Arxentina tras ser derrocado por un golpe de Estado. Os tres foron e son referencias ineludíbeis, líderes das transformacións progresistas nos seus países.

 As semellanzas entre os tempos políticos dos países latinoamericanos son moitas. O intento de inhabilitar os instrumentos políticos baixo os cales se presentan as forzas progresistas, como en Ecuador e Bolivia, a utilización do poder xudicial para perseguir dirixentes políticos en Arxentina, o asedio mediático, o paralelismo entre os pasos do golpe en Bolivia e o que promete Juan Guaidó en Venezuela desde o 2019.

 Cada caso ocorre no nome da democracia. O golpe en Bolivia a finais de 2019, as inhabilitacións, persecucións, atrasos electorais, todo se fai baixo invocación do Estado de dereito.

 Forma parte do que denomina unha "campaña de dereita contra gobernos progresistas, funcionarios, exfuncionarios", que acontece en varios países no continente. "Poñen en xaque a un goberno, a gobernabilidade democrática, pero en nome de salvar as institucións do Estado", analiza con, por exemplo, o caso arxentino onde se multiplican accións mediáticas, políticas, parlamentarias e de rúa contra o actual goberno.

Os métodos da dereita

 Existe unha engrenaxe de actores que conforman o despregamento que, de conxunto, van "facendo o valo, aramando a democracia, recortándoa segundo os seus intereses". Os métodos seguidos dependen do tempo político en cada país: se se trata de derrocar, de impedir un ascenso ou regreso das forzas progresistas ao poder político, ou de acurralar para impedir que sucedan as transformacións desde o goberno.

 Romano nomea varios instrumentos centrais: "O lawfare nesta complicidade do poder xudicial coas corporacións mediáticas", as fundacións, os grandes medios de comunicación, "os organismos non gobernamentais dunha rede institucional a nivel internacional, moi vinculada ao financiamento proveniente do exterior, pero tamén vinculada a laboratorios de pensamento (think tanks)".

 Os laboratorios de pensamento, por exemplo, cumpren un rol central na súa complicidade cos medios: trátase da "formación de opinión experta que logo se traduce nos medios de comunicación con maior impacto na opinión pública (...) é unha construción de consenso e sentido común que está sendo moi difícil de desfacer".

 O caso de Bolivia é un exemplo do despregamento do conxunto de instrumentos: a campaña contra Evo Morales acusándoo de ter un fillo non recoñecido no 2016, semanas antes do referendo constitucional, a preparación do terreo golpista antes das eleccións de outubro de 2019, a escalada propiamente golpista presentada mediática e diplomaticamente como unha pelexa por recuperar a democracia, o derrocamento, seguido de persecucións, adiamento de eleccións e inhabilitación de Morales.

Que é o lawfare?

 A investigadora arxentina destaca o papel do lawfare dentro do conxunto de mecanismos. A súa aplicación deuse en Brasil, Arxentina, Ecuador, Perú: é "moito máis que o mal uso ou abuso da lei para eliminar o adversario político", explica, é "unha guerra política pola vía xudicial".

 O debate sobre o poder xudicial é relativamente novo: "Até hai pouco tempo, cinco anos, que sabiamos do Poder Xudicial, como operaba, cales eran os casos máis importantes nos tribunais, non sabiamos como estaban conformados os poderes xudiciais en América Latina".

 Trátase dun poder que é "como unha torre de marfil aos que chegan poucos, unha elite que vén da oligarquía, da herdanza de cargos, unha minoría privilexiada", analiza Romano. "Nos últimos anos adquire unha visibilidade inusitada e un poder de decisión en termos da deriva política e económica dos Estados".

 A complicidade entre dereitas, Poder Xudicial e corporacións mediáticas conforman unha estratexia de persecución, inhabilitación e procura de desterro político. As devanditas corporacións mediáticas deseñan campañas de acusacións contra dirixentes políticos -nomeadamente por corrupción-, lánzanas, lexitiman en audiencias masivas, e logo son validadas polo poder xudicial.

Os obxectivos da dereita

 É importante salientar un trazo do que se denomina "a dereita", xa que "moita xente pensa que a dereita sempre é a dereita conservadora, ultraconservadora, e é certo, está Bolsonaro, mais a dereita tamén opera desde uns canons liberais".

 O obxectivo central do conxunto desta ofensiva en escalada é "evitar, pór atrancos, liquidar calquera proxecto que implique a intervención do Estado na economía, a xustiza social e os beneficios para maiorías historicamente postergadas".

 Este proceso ocorre despois dun principio de século XXI en América Latina marcado pola urxencia de gobernos e movementos populares, proxectos antineoliberais, con ensaios de ampliación da democracia, a participación, complicidades entre o nacional, popular e a integración continental.

 Son moitos os mecanismos para deter, reverter, impedir. "É cada vez máis evidente que esa vía democrática que se atopou cos gobernos progresistas de utilizar as ferramentas da democracia liberal procedemental para radicalizar a democracia, enchela de substancia, facela inclusiva en termos políticos, económicos, culturais, iso parece que xa non se pode".

 Está, por exemplo, a disputa que se vive en Arxentina cunha estratexia de accións encadeadas de presión e desestabilización para forzar o Goberno da Fronte de Todos a ceder e non avanzar na axenda de transformacións progresistas. Ou o proceso de restauración e persecución política en Ecuador non soamente contra Rafael Correa, senón a moitos dirixentes dese sector político, como o caso de Paola Pabón e Virgilio Hernández.

 Noutros casos, como en Colombia, as vías aínda non lograron ser abertas, e a dereita intenta mantelas pechadas cunha aplicación sistemática de violencia, como volveu mostrar coas represións do mércores 9 e xoves 10 que deixaron máis de dez mortos.

 Esa ofensiva está demostrando a súa agresividade, ampliación de métodos e articulación nunha estratexia que conduce en moitos dos seus puntos ao Departamento de Estado estadounidense. Pero tampouco logrou deter a potencia transformadora do continente -única no mundo- e os múltiples puntos de impugnación ao neoliberalismo, ensaios democráticos, resistencia ante ataques e capacidade de vitorias electorais.

 

[Artigo tirado do sitio web Sputnik News, do 12 de setembro de 2020]