
A ofensiva contra a nova reforma laboral continúa na negociación colectiva

O debate no Congreso dos Deputados e Deputadas puxo de manifesto de forma clara as razóns da CIG ante a fraude da nova reforma laboral aprobada o pasado 3 de febreiro. A lexislación, saída dun acordo entre o Goberno, a patronal e os sindicatos españois nun marco tan antidemocrático como o diálogo social, non derroga as reformas laborais de 2010 e 2012, consolidando os aspectos máis lesivos do decretazo imposto polo PP e non permitindo polo tanto recuperar e avanzar en novos dereitos.
Esta reforma entra en vigor, ademais, nun momento de grave crise e medre da carestía da vida polos baixos salarios os altos prezos en produtos e bens básicos. Ante esta situación, a resposta e combate á reforma laboral debémola levar aos centros de traballo e á negociación colectiva, que se ten demostrado como unha ferramenta fundamental na mellora das condicións laborais e de vida da clase traballadora.
Pero a reforma do goberno autodenominado máis progresista da historia tamén reforza a centralización de negociación colectiva, consolidando a prevalencia do convenio de ámbito estatal, sobre o provincial ou autonómico, e negándonos os marcos propios de relacións laborais.
Por iso, a partir de agora o que toca é loitar día a día para tentar desmontar a reforma a través da negociación colectiva e coa forza da mobilización, pelexando para recuperar o dereito a negociar os nosos convenios colectivos aquí e non en Madrid, como temos reivindicado en tantas ocasións.
Porque, fronte á negociación de cúpulas afastada dos centros de traballo, é no ámbito máis próximo onde os traballadores e as traballadoras teñen o protagonismo directo, a posibilidade de intervir en cada un dos momentos da negociación e maior capacidade de presionar a través da mobilización e a organización.