A obscena distribución da riqueza nos Estados Unidos
Os tres millóns de persoas que compoñen o un por cento máis rico dos estadounidenses valen colectivamente máis que os 291 millóns de estadounidenses que compoñen o 90 por cento inferior
Moito se especulou con que o goberno dos Estados Unidos tenta agochar canto de obscenamente alta é a distribución da riqueza privada da e na nación, mais unha presentación ben clara quedou plasmada no portal da Xunta de Gobernadores do Sistema da Reserva Federal, o banco central estadounidense.
O senador demócrata Bernie Sanders asegurou que a cobiza das empresas estadounidenses «deu en que este país teña máis desigualdade de ingresos e de riqueza que calquera outro dos maiores países na Terra».
Segundo o informe, os brancos posúen o 84,1% da riqueza, por riba da porcentaxe da poboación que representan, fronte ao 4,1% dos afroamericanos, o 2,4% dos hispanos e o 9,5% doutras razas. Desigualdade?: O 1% de fogares máis adiñeirados do país acaparou no pandémico 2020 o 35% da nova riqueza creada.
A imaxe de 2021 mostrou contrastes raciais, xeracionais e educativos, e serve de mapa onde atopar os grandes gañadores do ano da pandemia: o 1% dos fogares máis podentes dos EUA aumentaron o seu patrimonio en máis de catro billóns de dólares o ano pasado, o que supón que acapararon o 35% de toda a nova riqueza xerada, fronte ao 34% do outro 9% máis rico do país. A metade máis pobre, a pesar de ser moito máis numerosa, só absorbeu o 4% dese crecemento.
O acceso do 50 por cento dos cidadáns máis pobres dos Estados Unidos á riqueza creada no país reduciuse ao dous por cento en 2019, de acordo cun estudo da Oficina de Orzamento do Congreso. O devandito algarismo descendeu considerabelmente en comparación con 1989, cando a metade máis desfavorecida dos habitantes posuía o catro por cento do patrimonio total da nación.
Para a clase media e media alta (onde se concentran os fogares co 50 e o 90 por cento da distribución de ingresos), a súa parte do pastel decreceu dun terzo, hai tres décadas, ao 26 por cento en 2019. Pola contra, o 10 por cento superior dos perceptores de capital aumentou a súa participación, e agora posúe dous terzos da riqueza total do país, coa maioría das ganancias concentradas no un por cento de máis arriba.
Os tres millóns de persoas que compoñen o un por cento máis rico dos estadounidenses valen colectivamente máis que os 291 millóns de estadounidenses que compoñen o 90 por cento inferior.
O senador polo estado de Vermont, Bernie Sanders sinalou: “Vivimos nunha sociedade na que á xente de arriba, a clase multimillonaria, está índolle fenomenalmente ben e a xente traballadora está a quedar cada vez máis atrás”. Sanders salientou que billóns de dólares van ao un por cento mentres a clase traballadora e a clase media se empobrecen.
Acorde co estudo, para a metade máis pobre do país, a riqueza estancouse entre 1989 e 2007 e caeu durante a Gran Recesión de 2008, que eliminou billóns en capital inmobiliario. Desde a caída do devandito mercado, o 25 por cento máis pobre tamén se endebedou cada vez máis.
A estatística mostra que o presidente Joe Biden tería un arduo traballo se se decidise a reducir as enormes fendas de desigualdade, onde o 20 por cento dos máis ricos acapara o 70 por cento de toda a riqueza, un oito por cento máis que dúas décadas atrás.
Os datos de 2020 e 2021 da Reserva Federal exhiben outras fendas. A educativa é unha das máis claras: aqueles con estudos universitarios nunca acapararon unha porcentaxe maior da riqueza que agora, aínda que o seu número foi aumentando cos anos: suman o 71,8% do patrimonio total contra o 1,6% dos que non se graduaron.
Os maiores de 70 anos abranguen a cuarta parte da riqueza do país, máis que en calquera outro período da serie histórica, mentres que o peso dos menores de 40 anos mellora, mais está lonxe dos niveis previos á Gran Recesión, e os beneficios do crecemento chéganlles moito máis diluídos que aos seus maiores: son donos de apenas o 6% do patrimonio.
Paralelamente, a prensa segue a denunciar novas revelacións sobre prácticas de elusión fiscal por parte dos máis ricos do país. O Servizo de Impostos Internos (IRS, nas súas siglas en inglés) sinala a que o 1% de fogares máis ricos non declara arredor do 21% dos seus ingresos. O informe culpa do 6% da evasión a estratexias sofisticadas indetectábeis para as inspeccións aleatorias.
Segundo a prensa, os estadounidenses de ingresos elevados crean cada vez máis sociedades familiares ou inmobiliarias, non sempre doadas de rastrexar, e ideadas expresamente para evitar o pagamento de impostos.
O diñeiro e o poder sobre os políticos
O 20% da poboación, que acapara o 70,6 % de toda a riqueza do país, domina o diñeiro político da nación: practicamente todos os subornos que enchen os cofres de campañas políticas proveñen do quintil máis rico dos estadounidenses, e o 1% superior contén a todos os ‘facedores de reis’.
Mais, así mesmo, ese 1% superior ten moito máis, que o resto do 20% superior, dispoñíbel para doar aos seus políticos favoritos, porque ocupan os postos das xuntas corporativas e seleccionan os executivos corporativos que contratan os lobbistas do Congreso para entreter, recompensar e contratar os membros cruciais para servir ás súas corporacións.
E a ese un por cento que controla todas esas corporacións, incluídas as que controlan todos os medios de comunicación principais e a maioría dos medios menores, manipulan a información e, por tanto, as opinións que teñen a maioría dos votantes (en cada partido).
Nos Estados Unidos por volta duns mil multimillonarios, que teñen control sobre tanto diñeiro discrecional como para lograr que o Congreso non aprobe ningún proxecto de lei ao que se opoñan estes súper ricos. O milleiro de persoas que controlan o goberno dos EUA e os partidos Demócrata e Republicano, están integrado por multimillonarios, que tamén controlan as corporacións internacionais.
En séculos anteriores, os aristócratas eran coñecidos publicamente por títulos formais; pero nas ‘democracias’ de hoxe, están, en cambio, tan agochados como poden estar. Non queren que a xente saiba que o goberno os representa só a eles e non o pobo, en nome da democracia.
Ninguén se atreve a formular que é hora de mudar de modelo e menos de réxime, mais a mensaxe desde Washington insiste en mudar de réxime a líderes estranxeiros aos que os multimillonarios estadounidenses queren quitar de diante para garantir os seus negocios. E se se negan, as tropas están dispostas a garantir a vontade dos poderosos.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 23 de novembro de 2022]