A nova xestora do Hotel Almirante (Pazo Libunca) incumpre co dereito de subrogación e deixa na rúa a dúas persoas
A empresa Pazo Libunca, SL (nova explotadora do Hotel Almirante de Ferrol está a incumprir a legalidade vixente ao deixar sen subrogar a súas persoas traballadoras que terían que pasar de Carrís Hoteles á nova empresa. Porén, denuncia a CIG-Servizos, Pazo Libunca négalles o acceso ao seu posto de traballo.
O pasado 31 de agosto, o persoal do Hotel recibiu notificación dun cambio de empresa, ao rescindir Carrís Hoteles o contrato de arrendamento que tiña co propietario do inmóbel, e comezando este a traballalo a través da empresa Pazo Libunca a partir do 1 de outubro.
Ao parece, a empresa entrante pretende xustificar a súa actuación por un acordo mercantil entre ambas compañías para subrogar soamente á cantidade de persoal que tiña antes de abandonar a explotación do inmóbel, e por iso non acepta subrogar a todo o persoal procedente de Carrís. "O surrealista do asunto é que finalmente subrogou a unha persoa máis das que figuran nese presunto acordo e decidiu deixar na rúa a dúas, unha delas con acordo de redución de xornada por conciliación familiar e a cargo de dous fillos de 9 e 5 anos", denuncia Xabier Rodríguez, da CIG- Servizos de Ferrol.
Por se non fose abondo, logo de despedir pola porta de atrás ás dúas persoas Pazo Libunca "decide realizar unha nova contratación alegando aumento da carga de traballo. Pura coherencia".
Para a central sindical esta actuación constitúe un novo ataque ás traballadoras e traballadores deste centro, que xa sufriron o indicíbel coa anterior empresa, que executou varios ERTE de dubidosa legalidade, chegando incluso a ser paralizado un destes expedientes pola Inspección de Traballo. "Agora, coa nova empresa comezamos a andadura cun conflito aínda maior que non podemos nin debemos deixar pasar".
Incumprimento da lei
A actuación de Pazo Libunca resulta de todo incomprensíbel e inxustificábel, pois "tendo coñecemento pleno da lexislación laboral decide ir contra dela, negando a subrogación a dúas persoas e aínda por riba contratando posteriormente a varias persoas a través dun contrato eventual por incremento da carga de traballo".
Ademais, desfaise de persoal de cafetería cando vai proceder á reapertura do Asador que Carrís tiña pechado, segundo as declaracións da directora do Hotel aos medios de prensa na mesma semana que a empresa decidía botar ao persoal.
Concentración o 5 de decembro
Alén das accións de carácter legal que as persoas afectadas están xa a levar a cabo a través dos servizos xurídicos do sindicato, a CIG ten convocada unha concentración na porta do Hotel para o vindeiro martes, 5 de decembro, ás 12 horas, na que se tratará de dar a máxima visibilidade ao conflito coa intención de que a cidadanía de Ferrol e a clientela do Hotel "coñezan as formas de actuar do recén retornado empresario Juan Antonio Tapia".
"Tratándose dun dos establecementos hoteleiros máis significativos da cidade e tras todo o vivido ultimamente neste centro de traballo, cada día é máis forte a sensación entre o persoal de estar a vivir o 'conto de nunca acabar'", valora Rodríguez.