A nova reforma laboral non permite recuperar os dereitos perdidos nin avanzar en novos dereitos
Á espera de coñecer e analizar polo miúdo o texto acordado entre o Goberno de coalición, CCOO, UGT e a patronal, a CIG valora que estamos diante dunha nova reforma laboral inxusta, que non permite a recuperación de dereitos perdidos, ao manter intactas as partes máis lesivas da lexislación aprobada en 2012 polo PP. Non avanza polo tanto na consecución de novos dereitos, tan necesarios nun contexto de crise como o actual e logo dunha década de empobrecemento e precarización da clase traballadora.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que malia a propaganda, os partidos políticos que prometeron derrogar a reforma laboral ao chegaren ao goberno (mesmo plasmando este compromiso por escrito) e os sindicatos que se manifestaban a favor da derrogación das reformas, están incumprindo as súas promesas con este acordo e pondo en marcha unha regulación que non supón a derrogación íntegra das anteriores reformas laborais.
O contido do texto, pola información publicada até agora, consiste nunha actualización da normativa previa para adaptala ao marco do plan de recuperación da actual crise capitalista, que se deseñou dende a Unión Europea baixo a marca NextGeneration.
Neste senso, Carril advirte que se manteñen intactas as partes máis lesivas e agresivas aprobadas polo PP en 2012, cuxo obxectivo foi facilitar e abaratar o despedimento, e deixar o poder absoluto de decisión na parte empresarial para executar despedimentos colectivos e modificacións substancias das condicións de traballo. Cuestións primordiais que non se tocan.
Ademais, segundo o transcendido, amplíanse as posibilidades que terá a patronal para impor, baixo a chamada flexibilidade, ERTE e modificacións das condicións de traballo e de xornada.
En canto a outros aspectos presentados como novidosos desta reforma, referidos á precariedade, á subcontratación e á temporalidade, Paulo Carril advirte que non se crea nin se asegura ningún dereito, xa que non se pecha a porta a que as empresas sigan facendo abuso da temporalidade e da subcontratación. De feito, nova regulación, estas cuestións limítanse a unha simple transcrición do que estaba gañándose a través da xurisprudencia.
Nova ferramenta de explotación laboral
A isto engade que a nova regulación dos contratos formativos fai un traslado de precariedade do mercado laboral "formal" ao formativo, "lévanos a só ver a mocidade como carne de canón da explotación laboral, xa que co pretexto da maior ou menor cualificación, desprégase un catálogo variado de abuso patronal no seu uso (incluso estando en ERTE), demostrando así que a recente aprobación da inxusta Lei de FP "non era máis que a posta a punto dunha nova ferramenta de explotación laboral".
No relativo á negociación colectiva, ferramenta fundamental da clase traballadora para a conquista de dereitos e mellorar as condicións laborais e de vida, non se recolle ningunha medidas para avanzar na reposición dos marcos propios de negociación colectiva. Pola contra, apóstase fortemente pola estatalización e a prevalencia absoluta dos convenios colectivos estais.
Preséntase como un logro a recuperación da prevalencia do convenio sectorial sobre o de empresa (aínda que probablemente se conxugue unha solución mixta entre ambos ámbitos en función das materias a regular), mentres que a patronal presume que conseguiu impor a prioridade do marco estatal sobre o convenio autonómico e/ou provincial. Isto permitiría que dende o ámbito estatal se sigan bloqueando melloras conquistadas nos convenios autonómicos ou provinciais, nos que os traballadores e as traballadoras teñen máis capacidade de presión.
En todo caso, non se repón a estrutura da negociación colectiva anterior a 2010 nin se reverte un dos aspectos máis lesivos da reforma: que sigan tendo prioridade de aplicación os convenios de empresa e que estes poidan contemplar peores condicións que os convenios de sector.
En definitiva, conclúe Carril, " para nada estamos diante de ningunha clase de derrogación da reforma laboral, no mellor dos casos, estamos ante unha grave actualización e posta a punto da brutal reforma laboral de 2012 do PP. En calquera caso, e á espera de coñecer o contido exacto do texto, non se botan abaixo ningunha das medidas máis lesivas das anteriores reformas e non supón nin a recuperación dos dereitos roubados nin avanzar noutros novos".