A nova orde de atención á diversidade non afronta os retos e necesidades dos centros educativos
“Regulación burocrática e formal, reprodución e actualización de normas publicadas após o Decreto do 2011 mais sen ningún paso adiante, ausencia de compromiso coa dotación de recursos humanos, materiais e formativos e unha concepción da atención á diversidade supeditada a non incrementar un investimento que interpretan como “gasto””. Esas son, segundo a CIG-Ensino, as liñas básicas da nova orde que regula a atención á diversidade en Galiza e que pasou pola Mesa Sectorial sen que mudase nada substancial por parte da administración.
Unha consellaría de Educación que se limitou a comprometerse a revisar algunha proposta que lle trasladou o sindicato mais que non alteraría, caso de modificalas finalmente, esa visión economicista que leva á Consellaría a antepoñer en todo momento a dispoñibilidade de profesorado e outro persoal á atención do noso alumnado e a mellora nas condicións nas que desempeñan o seu traballo como docentes.
“A Consellaría fala de pasar do “non é capaz” ao “é capaz” referíndose ao alumnado”, afirma a CIG-Ensino, que lle afeou á administración educativa que non fose “capaz” de dar un salto adiante e un cambio de rumbo na concepción da atención á diversidade e da dotación de todos os medios aos centros educativos.
Dez anos de atraso no camiño en acadar unha sociedade inclusiva
A mesma Consellería que premia as Boas Prácticas de Educación Inclusiva nos centros, con convocatorias anuais, presenta agora unha normativa da que se deduce seguir entendendo a diferenza como algo negativo, como un problema dos centros que hai que solucionar. “Estamos ante unha concepción obsoleta da atención á diversidade, séguese atendendo á integración do alumnado con necesidades, non se avanza de cara a inclusión da que tanto se presume no preámbulo da propia norma que presentan”, explica o secretario nacional Suso Bermello.
A CIG-Ensino entende que a orde non se adapta ao momento actual. Nese sentido Bermello asegura que “non pode ser que pensemos e atendamos a diversidade da mesma forma se lexislamos en xaneiro de 2012, un mes despois do decreto, que no 2021, case unha década despois. Co avance que logrou profesorado nestes últimos anos loitando pola inclusión nos centros educativos esta administración desbota calquera esperanza de progreso no traballo co alumnado con necesidades”.
Indica que a propia Consellería publica (na convocatoria dos premios de boas prácticas inclusivas) que os centros educativos deberán ofrecer unha resposta que compense as diferenzas individuais de todas as alumnas e alumnos, no marco dos principios de normalización e inclusión e desde a consideración da diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade. Porén, denuncia, “a mesma administración presenta agora unha norma que segue poñendo parches na atención á diversidade, que propón solucións provisionais, que limita con criterios economicistas os dereitos do alumnado con necesidades e que, en definitiva, semella non entender a diferenza entre integración e inclusión educativa”.
Cuestións xerais sobre a orde de atención á diversidade
- A orde que se presenta non parte da realidade dos centros e do sistema educativo. Unha nova normativa deste calado ten que dar resposta ás eivas coas que o profesorado se atopa a diario e de novo estamos ante unha oportunidade perdida para, con altura de miras, entender a inclusión educativa tal e como se merece o alumnado.
- Estamos diante dunha declaración de intenciónse dunha ordenación burocrática e normativa que, coma sempre, quedará en papel mollado, xa que vincula a atención á diversidade coa dispoñibilidade horaria do actual profesorado dos centros, a dotación insuficiente de persoal (coidador, intérprete de signos) ou inexistente (sanitario, fisioterapeuta, educador social) e mesmo a posíbel privatización de servizos que son responsabilidade da Consellería de Educación. Hai numerosas referencias na orde ao recoñecemento de dereitos para alumnado con necesidades educativas que non se acompañan de propostas concretas. Iso pode ter sentido nun Decreto mais non nunha Orde, da que se agarda que sexa propositiva e desenvolva os principios e dereitos básicos que se declaran. De feito, as actuacións da Administración educativa recollidas no artigo 5 do Decreto 229/2011 están sen desenvolver nin concretar nesta orde (formación, dotación de recursos…)
- Non se pode atender correctamente a atención á diversidade sen recursos profesionais suficientes e sen unha redución da ratio nas aulas ordinarias cando temos alumnado con NEAE nelas. Esta posibilidade recóllese na LOMLOE. Non era necesario para que a Consellaría puidese determinar esa redución mais agora con máis motivo esa debe ser unha das medidas a tomar, xunto con computar o alumnado repetidor. Nunhas aulas saturadas e moi diversas e cun profesorado sobrecargado de docencia e burocracia non se pode atender a diversidade como se merece. Esta orde non ofrece alternativas.
- Onde está a actualización do Decreto 120/1998 e a rede de orientación tan demandada pola CIG-Ensino nos últimos anos? Van alá 23 anos sen negociar e fixar esa rede de orientación. Onde está unha aposta real pola axeitada atención a este alumnado establecendo xefaturas de departamentos de orientación (XDO) en función do número de alumnos/as atendidos máis alá dos mínimos por centro educativo? Como pode a administración educativa galega seguir mantendo XDO que atenden 5 centros distintos ou un único centro con máis de 500 alumnos/as?
- Os mestres e mestras de PT e AL teñen funcións en común pero tamén teñen moitas que os diferencian.Deberían estar explicitamente cada unha delas en artigos distintos. A administración ten por costume utilizar PT e AL como profesionais do apoio en xeral, “profes para todo” metidos nun caixón de xastre. Así o demostran cando nas prazas provisionais lles da o mesmo dar un PT afín AL que un AL afín PT.
- Por que non se atende a demanda da CIG-Ensino de ter prazas de AL na ESO en todos os centros? Como é posíbel que se deneguen sistematicamente aumento de prazas de AL e PT en CPI ou na educación infantil, coa escusa de non ser esta última unha etapa obrigatoria, cando apropia administración fala da importancia da detección precoz e a atención temperá.
- O catálogo de postos de traballo en relación a profesionais de Orientación, PT e AL fixa uns mínimos mais permite amplialos en función das necesidades que haxa que atender. Ese mesmo criterio recóllese no decreto 229/2011. A Consellaría debe negociar e posteriormente estabelecer un aumento destes postos de traballo en función do alumnado con NEAE e NEE que se atende e eliminar ou reducir a casos extraordinarios os centros compartidos e adscritos.
- O recurso a convocatorias para prazas de atención preferente debe ser excepcional se a dotación de persoal é a correcta. Con todo, debe figurar como se procederá nos casos nos que sexa indispensábel recorrer a estes nomeamentos. Para a CIG-Ensino debe ser o centro que os pida, con informe favorábel da XDO.
- A educación infantil é unha etapa clave no traballo dos especialistas de AL nunha tarefa na que a prevención debe ter un papel fundamental. Na práctica é excepcional que poidan ter horario para o traballo nestas etapas. A orde debería contemplar que na EI se estabelecerá un horario semanal de AL para traballar con todo o alumnado a estimulación da fala e os problemas de linguaxe.
- Seguimos sen ver a creación de EOE comarcais cando está claro que os actuais equipos son incapaces de abarcar todo o traballo. Xa temos proposto que nunha primeira fase se debe crear EOE en Santiago, Ferrol e Vigo, aumentando progresivamente nunha implantación comarcal e asegurar a cobertura de todas as especialidades neles.
- Da orde dedúcese, de novo, un exceso de traballo burocrático para o profesorado, en vez de reforzar con medios e horarios a coordinación pedagóxica, vítima principal da sobrecarga lectiva e burocrática do profesorado.Tradúcese a atención á diversidade nos centros en exceso de burocracia para docentes, ningunha facilidade, formación por conta propia e abandono pola administración, que se limita a trazar un marco mais non achega melloras. Calquera docente (desde Orientación á titoría) que lea as funcións que se lle encomendan só poderá concluír: cando queren que faga todo isto? Ou se acomete unha reforma dos horarios do profesorado, reducindo burocracia e horas lectiva e aumentando tempo para coordinación ou todo será unha farsa. Ou estamos para atender persoas ou para a burocracia.
- A privatización da atención ao alumnado con necesidades está presente de novo. Apoian a atención á diversidade na colaboración con entidades privadas.Que significa colaboración con entidades privadas e como se efectiviza no funcionamento diario?A colaboración non pode ser na toma de decisións das dinámicas dos centros respecto ao seu alumnado e non pode equivaler a unha privatización encuberta da atención ás necesidades educativas. O papel a xogar por asociacións ou entidades debe estar na liña, por exemplo, do que desempeñan asociacións de doentes no ámbito da sanidade pública.
- Os centros de escolarización preferente volven aparecer. Figuraban no decreto 229/2011, con anterioridade xa se declararan de feito algúns centros; despois nesta Mesa negouse que existisen e agora reaparecen mais non se regula nada, deixando todo no aire. Que tipo de escolarización preferente imos ter? Por tipoloxía de necesidades se atenderán? Cales van ser eses centros e quen e como vai decidir cales sexan? Non se pode pasar nun tema como este con esta superficialidade. Hai que regular con que postos e medios específicos se dotarán e debe existir un catálogo deste tipo de centros. Do contrario, volverase a reproducir o que xa vivimos hai anos cuns centros que se “crearon” e se deixaron abandonados. O recurso a estes centros debe ser excepcional e o sistema educativo debe apostar pola xeneralización de centros ordinarios con recursos humanos e materiais suficientes.
- A protección de datos é un elemento que aparece en case todo tipo de normas actualmente. Botamos en falta unha chamada de atención na orde sobre a protección de datos do alumnado con necesidades educativas especiais.
- Consentimento ou información ás familias? Cando se alude ao longo da orde á nai, ao pai ou ás persoas titoras legais non queda claro se se precisa conformidade expresa ou opinións de un dos proxenitores ou dos dous. Debería estar aclarado para cada caso cal é o papel das familias diante de avaliacións psicopedagóxicas, adaptacións curriculares ou agrupamentos flexíbeis. Actualmente, na práctica, solicítase o consentimento familiar antes dunha avaliación psicopedagóxica. Dado que se vai recoller información, aplicar probas e facer un informe (no caso da avaliación psicopedagóxica) e tomar decisións curriculares, parece lóxico que, con carácter xeral, se solicite a autorización familiar. En todo caso, se se considera que pode haber excepcións, deben regularse.
- Para pasar do “non é capaz” ao “é capaz” fan falta recursos materiais, humanos e formativos. A atención á diversidade ten unha enorme importancia e as nosas aulas son cada vez máis diversas. Non abonda con que a lexislación o recoñeza. A administración debe comprometerse para poder implicar o profesorado. Dificilmente se vai conseguir se non hai un cambio na dotación de medios de todo tipo: non hai mellor recoñecemento para o bo facer dun equipo docente que dotalo de todas as ferramentas e medios necesarios: desde a formación nas facultades ao día a día nas aulas e a actualización permanente. Todo isto non se garante, nin moito menos, con esta orde.
A maiores destas consideracións xerais a CIG-Ensino formulou unhas 50 alegacións ao texto do borrador. Só nalgúns casos se van revisar as nosas achegas e na maioría dos casos e, sobre todo, naqueles temas máis centrais e relevantes a Consellaría non vai modificar o texto orixinal. Pódese acceder a todas as alegacións da CIG-Ensino na web.