A nova Guerra Fría e a agresividade de Occidente

Jorge Elbaum - 19 Mar 2024

A nova Guerra Fría, que se pode transformar de xeito imprevisto en nuclear se Occidente segue coa súa agresividade, desenvólvese mediante formatos híbridos (informáticos, comunicacionais, satelitais e de promoción de informacións falsas) e a través dos denominados conflitos bélicos subsidiarios

 No relato que Washington pretende difundir, a través das súas propaladoras de sentido, Beijing é unha "autocracia" que desafía a súa hexemonía global e Moscova é un actor xeoestratéxico, que debe ser fragmentado e/ou illado. O G7, a OTAN e o AUKUS –creado en 2021– articúlanse para reducir o liderado dos BRICS, demonizar a quen desafía as actualizacións do Consenso de Washington e sabotar as capacidades chinesas de desenvolvemento económico, científico e tecnolóxico.

 O 4 de marzo iniciouse no Gran Salón do Pobo, fronte á Praza Tienanmen, o conclave anual coñecido como o das Dúas Sesións, no que se reuniron, durante unha semana, os representantes da Asemblea do Pobo e quen integra o Comité Nacional da Conferencia Consultiva Política (CCPPC), un órgano asesor integrado por colectivos territoriais, profesionais, sindicais e militares. Durante o encontro, fíxose un balance respecto ao ano que finalizou e expuxéronse os obxectivos do futuro inmediato.

 O primeiro ministro Li Qiang (foto) foi o encargado de ler o informe fronte ao tres mil delegados. Os eixos da súa exposición orientáronse a impulsar “un mundo multipolar igualitario e ordenado” e “unha globalización económica inclusiva”, en clara oposición ao modelo pretendido pola OTAN e o G7, que teiman en impor un modelo baseado en regras unilaterais sustentadas en prácticas “hexemónicas e intimidatorias”. O posicionamento que Li Qiang detallou na súa presentación prevé unha maior presenza de China a nivel internacional, promovendo cambios na gobernanza global.

 A formulación de Li Qiang incluíu observacións respecto da situación de Taiwan e o Mar da China, eixos prioritarios da política exterior de Beijing. O ministro de Exteriores Qin Gang advertiu recentemente de que “se EEUU non pisa o freo e segue acelerando no camiño errado, non haberá varandas suficientes para previr a caída, o que devirá nunha situación moi conflitiva”. As palabras dos referentes chineses coincidiron en abordar tres eixos da confrontación global, que se desenvolven en forma simultánea: o conflito de Medio Oriente (con sede en Gaza, Israel, O Líbano, Siria, Iraq, Irán e Iemen), o enfrontamento bélico en Europa Oriental, e as provocacións de Washington no sueste asiático.

 O 15 de setembro de 2021, Washington, Canberra e Londres formaron un triángulo militar denominado AUKUS (acrónimo das iniciais en inglés de cada un dos seus tres membros) co obxectivo de limitar e acantoar a República Popular Chinesa. En 2022, Nova Zelandia e Canadá expresaron a súa intención de se sumaren ao AUKUS para profundar as capacidades de defensa do tres fundadores. A Alianza está abocada a facilitar a adquisición de cinco submarinos nucleares por parte de Canberra, dous Vanguard de orixe británica e tres Virginia estadounidenses. Ademais planifican fabricar para 2030 un prototipo denominado AUKES en territorio australiano.

 Dúas semanas atrás, o portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de China, Mao Ning, acusou a Washington de promover o belicismo ao impulsar unha “Ucraína hoxe, e un Taiwán mañá”. Wang Wenbin, portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores chinés, advertiu de que a transferencia de tecnoloxía nuclear acordada polo AUKUS só impulsará unha carreira armamentista na rexión.

 A razón de fondo da provocación de Washington e Londres débese á dobre estratexia que implementou Beijing: por unha banda, a colaboración comercial –baseada na enxeñaría reversa e a aplicación científico-tecnolóxica– e, pola outra, o financiamento do desenvolvemento das rexións abandonadas (e desprezadas) polo Occidente opulento.

 Mentres os organismos internacionais (como o FMI ou o Banco Mundial) se dedicaron a outorgar créditos leoninos para disciplinar as economías en desenvolvemento –co único obxecto de facelas compatíbeis coas exixencias das transnacionais, os fondos de investimento e Wall Street–, China optou por financiar infraestruturas asociadas á ruta da seda e ás necesidades de diferentes países africanos, así como de América Latina e do Caribe.

 A nova Guerra Fría, que se pode transformar de xeito imprevisto en nuclear se Occidente segue coa súa agresividade, desenvólvese mediante formatos híbridos (informáticos, comunicacionais, satelitais e de promoción de informacións falsas) e a través dos denominados conflitos bélicos subsidiarios (formatos proxy), que permiten utilizar territorios extrínsecos para situar operacións militares.

 A guerra desatada pola OTAN contra a Federación Rusa tivo Kiev como monicreque. A Guerra Fría no sueste asiático ten Australia como o seu xestor. A crise da hexemonía de Occidente vén con ecos de guerra.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 18 de marzo de 2024]