A nova empresa adxudicataria da limpeza do CAPD de Sarria segue as mañas de Linorsa e aínda non pagou os salarios
A día de hoxe, apunta a CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, Limpezas Peña non fixo fronte ao pagamento nin dos días correspondentes ao mes de abril, nin da nómina de maio, “prolongándose así o drama do persoal e das súas familias, que levaban xa varios meses sen cobrar en Linorsa”.
Desde a CIG denuncian o “pasotismo e a ineptitude da Xunta de Galiza”, quen rescindiu o contrato a Linorsa “para volver darlle a concesión a outra empresa pirata. Xa está ben de incompetencia e abuso”.
Neste senso, a CIG-Servizos considera denigrante que a Administración non sexa quen de garantir que as traballadoras e traballadoras das empresas que lle prestan servizos poidan cobrar as súas nóminas. “E resulta indignante observar como continuamente permite este tipo de incumprimentos sen seren capaces de actuar de oficio contra empresas piratas e empresarios que se lucran a conta de cobrar das arcas públicas e estafar despois ao seu persoal”, aseveran.
Desde a CIG esíxese á Xunta de Galiza que con carácter inmediato e de urxencia poña remedio “a este abuso e inxustiza, ou do contrario adoptaremos todas as medidas nas nosas mans para a defensa dos dereitos destes traballadores e traballadoras”.