A nova base social do fascismo

Humberto J. González Silva - 27 Feb 2025

Son as condicións de sobreexplotación en que a xente non se recoñece como pobo nin como clase, senón como sobrevivente, as que fan que se tenda cadra a unha espiritualidade empobrecida que ben pode ser enchida polo odio cara a calquera. Velaí as condicións que xeran un caldo de cultivo para o fascismo

 Que a clase media conservadora sexa a base do fascismo non é raro. Séntese especialmente ameazada pola clase traballadora cando esta se ergue e de aí ao odio queda pouco treito. Que sectores populares desclasados sexan os máis virulentos tampouco é estraño. Súmanse ao fascismo tentando demostrar unha afinidade que non teñen cos sectores medios e altos: na súa fidelidade ante os amos está o resentimento por non seren coma eles e diríxeno contra os seus iguais. Esa é a base tradicional do fascismo.

 Nos países que xogan como colonias no sistema mundo, as oligarquías locais teñen un papel de clase media transnacional, pois historicamente son intermediarios, representantes do gran capital monopólico internacional nos seus propios países; gústalles parecer os seus iguais, pero son os seus subordinados; polo xeral, están pouco identificados e desconfían dos pobos dos seus países, pois séntense estranxeiros na súa propia terra. Ese papel fíxoos tamén históricos e furibundos partidarios de someter os pobos, e apoio imprescindíbel dos réximes autoritarios, que son vistos como forzas disciplinadoras destes «pobos levantadizos». Así actuaron aquí contra a Revolución Federal ou, neste século, contra a Revolución Bolivariana. Así actuaron tamén en Centroamérica, confundidos coas máis feroces ditaduras, ou no Cono Sur, cada vez que viron comprometido o seu dominio.

 Con todo, as novas forzas son outras, se cadra máis ou menos entusiastas, pero sumadas á lóxica do sálvese quen poida e afíns aos ideais do libertario proimperialista, que proclama que vivamos sen patria, cada un valéndose en por si ou perecendo. Estes grupos poden atoparse no que chama o sociólogo estadounidense George Ritzer a macdonalización da sociedade. A súa tese é que os métodos e valores que permitiron á firma McDonald´s estenderse por todo o mundo convertéronse en patrón para as cadeas de restaurantes de comida rápida, pero tamén para outros sectores da economía, estendéndose a diferentes ámbitos da vida social, incluíndo a familia. A predeterminación de procedementos ao detalle, a robotización da forza de traballo, o trato ao cliente baixo normas de eficiencia en aparencia amábeis, pero profundamente despersonalizadas, parece ser unha das novas maneiras de ser do capital. As consecuencias sobre as traballadoras e os traballadores da economía macdonalizada son claras e resúltannos xa familiares: a gran maioría delas e eles son xente nova; para moitos é o seu primeiro emprego; non duran demasiado nese traballo, nin o pretenden; a «experiencia laboral» que obteñen é apenas para a realización de tarefas sobresimplificadas baixo dirección externa e non os prepara de ningunha maneira para empregos máis cualificados.

 Por suposto, para esta extensa categoría de novos empregados e empregadas, temas como a seguridade social ou a estabilidade no emprego non teñen moito sentido. Se o tivesen, parecería un destino inalcanzábel. A situación dáse tanto nos Estados Unidos como en Europa, como en Arxentina...

 A eles súmanse os subempregos de superexplotación que abundan en economías en crise, como, por exemplo, algúns con doce horas de traballo diarias; outros en que só o chaman a un cando hai volume de traballo, e algúns en que todos os insumos son postos polo traballador e o empregador non asume ningunha responsabilidade polo traballador ou a traballadora. En particular, na bloqueada economía venezolana da hiperinflación e a escaseza (vivida intensamente entre 2017 e 2021), puidemos atopar casos como o de traballadores que recibían até dez veces máis que o seu soldo de maneira informal, o que significaba que non tiñan prestacións sociais; ou outro caso, onde unha estudante traballaba por cen dólares a calquera hora como «asistente» en liña dun empregador en Chile, mentres o salario mínimo naquel país era duns trescentos dólares. Réximes de sobreexplotación, clarísimos, pero que lles permitiron (e aínda lles permiten) a esas mozas e mozos gañar significativamente máis diñeiro que os traballadores formais e estábeis. (Aquí tería que introducir como nota que, coa mellora progresiva —aínda que insuficiente— da economía, as condicións salariais destes «novos empregos» poden mellorar, aínda que persistan as condicións de sobreexplotación, que, con todo, pode ser percibida mesmo como «mellor» que a dos traballadores «formais»).

 En todos os casos, esta nova clase traballadora desenvolve poucos lazos de solidariedade cos seus compañeiros e non se identifica cos seus empregos. Tende a se autopercibir como xente que se vale por si mesma nun ambiente hostil. Esta condición subxectiva fainos proclives a discursos do capitalismo «libertario» como o de Milei ou «sexi» como o de María Corina. Son condicións de sobreexplotación en que a xente non se recoñece como pobo nin como clase, senón como sobrevivente, o que tende a unha espiritualidade empobrecida que ben pode ser enchida polo odio cara a calquera. Velaí as condicións que xeran un caldo de cultivo para o fascismo.

 

[Artigo tirado do sitio web venezolano Centro de Descolonización, do 24 de febreiro de 2025]


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.