A nosa solidariedade cos movementos sociais do Brasil, duramente reprimidos polo goberno da oligarquía
A Confederación Intersindical Galega traslada a solidariedade a Central dos Trabalhadores e Trabalhadoras do Brasil e aos movementos sociais brasileiros que están a ser vítimas dunha brutal persecución e criminalización por enfrontarse ás políticas de desmantelamento do sistema público de educación e saúde que o novo goberno pretende levar adiante. Un goberno da dereita que chegou ao poder logo de perpetrar un golpe de estado contra a presidenta Dilma Rousseff, democraticamente elixida.
Criminalización dos movementos sociais e o desmantelamento do sistema público.
Os partidos de dereita brasileira provocaron un golpe de estado sacando do poder á Presidenta Dilma Rousseff, para implementar un proxecto que fora derrotado nas urnas nas eleccións presidenciais de 2014, criminalizando os movementos sociais e atacando o sistema público de educación e saúde.
Vivimos nun estado de excepción. Comprobámolo coa violencia utilizada contra as ocupacións de escolas"
O 4 de novembro de 2016 a policía civil de São Paulo invadiu a Escola Nacional Florestal Fernandes, unha entidade educativa que pertence ao MST, Movemento dos traballadores Sen Terra en Guararema, estado de São Paulo. Segundo o movemento de traballadores sen terra, o ataque da policía deixou dous feridos. Un deles cunha costela rota, e dous membros foron detidos. "Estamos vivindo nun estado de excepción (...) como o estamos comprobando coa violencia utilizada contra as ocupacións de escolas", dixo un dos líderes do MST.
Un proxecto aprobado no Senado retirou a participación obrigatoria da Petrobras, empresa estatal brasileira da explotación dos depósitos de petróleo, e polo tanto, cancela o 75% das regalías que eran destinadas para a educación e o 25% para a saúde.
Asemade, o novo ministro de Educación, Mendonça Filho quere executar o proxecto denominado "Escola sen Partido". Este proxecto busca censurar as e os profesores na aula, prohibíndolles comentar o contido ensinado, co argumento de que as/os mestres están promovendo un "adoutrinamento marxista" nas escolas. Por outra banda, o goberno federal enviou ao Congreso un proxecto de lei que busca reformar os programas de educación, poñendo fin á docencia de materias como filosofía, socioloxía, artes e educación física.
Hais 200 universidades e preto de 600 escolas secundarias ocupadas en todo o país"
Os membros do congreso xa aprobaron e enviaron ao Senado unha proposta de emenda á Constitución que conxelaría durante 20 anos os investimentos en educación e saúde pública. A resposta da mocidade foi inmediata: hai actualmente máis de 200 universidades e preto de 600 escolas secundarias ocupadas en todo o país e o movemento segue crecendo.
A represión contra o estudantado foi particularmente violenta e ilegal: en Brasilia, o xuíz Alex Costa de Oliveira autorizou o uso da tortura en contra dos/as adolescentes para desaloxalos das escolas. El permitiu que a policía militar rodee os centros de ensino, corte o subministro de auga, electricidade e gas e prohibiu a entrada de alimentos e de visitantes. Na súa orde xudicial tamén permitiu o uso de ruído pola noite para impedir que os/as estudantes durman.
A estudante de bacharelato Ana Júlia Ribeiro de 16 anos fixo un discurso histórico na Asemblea Lexislativa do estado de Paraná e afirmou que estudantado sabe por que están loitando. "Non estamos xogando. A nosa bandeira é a educación. Somos un movemento que se preocupa coas xeracións futuras, a sociedade e o futuro do país", afirmou visiblemente emocionada.
"Ademais, eles queren evitar a discusión das cuestións de xénero nas escolas, impedindo unha sa discusión sobre a educación sexual e a equidade de xénero", afirmou Camila Lanes, Presidenta dos sindicatos de secundaria.
Co lema "ocupar e resistir", as e os estudantes de todos os recunchos de Brasil reafirmaron a esperanza de días mellores e malia a violencia institucionalizada despois do golpe, prometen defender a educación pública até o final.
São Paulo, 11 de novembro de 2016.