«A non ratificación da Carta Social Europea de 1996 mostra o escaso compromiso de España coa democracia e os dereitos humanos»
O Reino de España ratificou a Carta Social en 1980 e o Protocolo adicional de 1988 en xaneiro de 2000. Porén, segue sen aceptar o Protocolo de Reclamacións Colectivas de 1995, que non foi nin asinado nin ratificado. Ademais, a versión da Carta revisada de 1996, que foi asinada en outubro de 2000, non foi aínda ratificada. Entre os preceptos non ratificados, algúns presentan epígrafes tan significativas como: «dereito á protección fronte ao despedimento», «dereito á dignidade no traballo», «dereito a protección fronte á pobreza e exclusión social» ou «dereito á vivenda».
Trátase, xa que logo, de normas de gran importancia para a defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras. O organismo de control da Carta, o Comité Europeo de Dereitos Sociais, ten capacidade para fiscalizar as decisións dos estados membros en materia de dereitos sociais, o que nos abriría, en opinión de CIG e ELA, novas posibilidades para combater a actual ofensiva de demolición do dereito do traballo e da protección social, por exemplo, os efectos máis perversos e inxustos das últimas reformas laborais.
A asunción de obrigas internacionais, mediante a ratificación dos tratados máis avanzados, é un bo indicador do compromiso dos estados cos dereitos humanos e as garantías democráticas. O Estado español forma parte do «grupo da vergoña» (nove estados dun total de corenta e tres) que seguen sen ratificar a Carta Social Europea (revisada) e o Protocolo de Reclamacións Colectivas.
Os sindicatos CIG e ELA imos promover ante os parlamentos de Galiza e Hego Euskal Herria (Gasteiz e Iruña) que adopten resolucións instando o Parlamento español a que poña fin a esta situación, que coloca os pobos galego e vasco, así como o resto de pobos do Estado, nunha situación de clara desvantaxe para a protección e defensa dos seus dereitos, en relación cos doutros países do contorno europea.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016.
Comité Executivo de ELA
Executiva Confederal de CIG